A exitosa xornada solidaria “Canastas Contra o Cancro Infantil” reuneu deporte e solidariedade en Cee

A Asociación Comarcal de Baloncesto Costa da Morte viviu esta pasada fin de semana unha intensa xornada deportiva e solidaria coa celebración da iniciativa “Canastas Contra o Cancro Infantil”, organizada polo Club ACB Costa da Morte en colaboración coa Fundación Unoentrecienmil. O evento, celebrado no Pavillón Municipal de Cee, acadou unha notable participación e unha boa resposta por parte de xogadores, familias e afeccionados.

A iniciativa conseguiu reunir preto de 200 euros destinados á investigación do cancro infantil, unha cifra que desde o club valoran moi positivamente tendo en conta o carácter local da convocatoria. Durante toda a xornada disputáronse varios encontros que estiveron marcados pola emoción e polo bo ambiente nas bancadas, nas que se puido ver unha importante presenza de público apoiando tanto o deporte base como a causa solidaria.

O presidente do Club ACB Costa da Morte, Santiago Martínez, destacou a acollida da actividade, sinalando que a resposta obtida anima á entidade a continuar promovendo este tipo de accións nos vindeiros anos. Desde o club tamén quixeron agradecer a implicación de todos os equipos, xogadores e persoas colaboradoras que fixeron posible o éxito da xornada.

Ademais do compoñente solidario, a fin de semana tamén serviu para fortalecer lazos deportivos coa visita do CB Sa Cabaneta, procedente de Palma de Mallorca, que desprazou tres dos seus equipos para disputar varios encontros amigables fronte ao ACB Costa da Morte. Os partidos caracterizáronse pola igualdade e polo excelente ambiente entre xogadores, afeccionados e directivas, deixando unha experiencia moi positiva para ambas entidades e abrindo a porta a futuras colaboracións.

No apartado deportivo, os resultados dos encontros oficiais do ACB Costa da Morte foron os seguintes:

  • Categoría infantil: ACB Costa da Morte 36-56 Basket Xiria
  • Categoría cadete: ACB Costa da Morte 49-73 Baloncesto Culleredo
  • Categoría sénior: ACB Costa da Morte 43-53 A.D.F.R.O Latabarra

A xornada deixou así unha combinación perfecta de deporte, convivencia e solidariedade, reforzando o compromiso do baloncesto da Costa da Morte coas causas sociais e coa promoción dos valores deportivos.

.

-Información e fotos : Departamento de prensa da ACB Costa da morte

-Texto : Xosé Búa “Pirata”