A Esteirana leva o derradeiro derbi do ano da 2ª Galega Feminina G1 nun encontro moi sufrido en San Paio de Refoxos (1-2).

AVISO : Só poñemos os comentarios dos que nolos queiran mandar. O noso whatsapp : 626 72 00 47 está aberto a todo aquel pertencente a un club que nos queira mandar información, fotos, comentarios, vídeos, etc…

As crónicas están abertas e segundo nos cheguen máis comentarios dos colaboradores iremos subíndoas o respectivo encontro. 2

“O noso maior desexo dunhas boas festas e un feliz e ventureiro 2026 para todas/os!!!”.

UC Cee 1-2 SCDR Esteirana

O derradeiro encontro do ano na 2ª Galega Feminina G1 foi un auténtico derbi da Costa entre o UC Cee e a SCDR Esteirana, correspondente á 13ª xornada, que fora aprazado no seu día ao non poder xuntar xogadoras o conxunto esteirán debido a unha importante vaga de lesións.

O partido disputouse finalmente no campo de San Paio de Refoxos (Xallas-Cee), o terreo de xogo máis grande de toda a Costa, e volveu poñer de manifesto as dificultades da Esteirana, que chegou ao choque con só 11 xogadoras, o que obrigou ás futbolistas a realizar un enorme esforzo físico durante todo o encontro.

Nun choque pouco vistoso e marcado polas imprecisións, foi a SCDR Esteirana quen se levou os tres puntos tras impoñerse por 1-2, pechando así o ano 2025 cun triunfo de moito mérito.

O partido comezou con intensidade e axiña chegaría o primeiro tanto. Rut adiantou á Esteirana no minuto 7 (0-1), pero o UC Cee reaccionou e conseguiu o empate no 25’, por medio de Lucía Martínez (1-1). O encontro mantívose igualado ata a segunda metade, con ocasións en ambas áreas.

No minuto 72 o UC Cee quedou con dez xogadoras tras a expulsión con vermello directo da súa porteira, Valeria Senande, nunha das accións clave do encontro. Porén, as locais tiveron nese tramo as ocasións máis claras, mentres a Esteirana sufría sen saber xestionar a superioridade numérica. Finalmente, Bárbara marcou o gol decisivo no 74’ (1-2), que sería definitivo.

A competición retomará a actividade o vindeiro 11 de xaneiro de 2026, coa disputa da 15ª xornada.


Fran Figueroa (adestrador da SCDR Esteirana) :

“Último derbi do 2025 tras o partido aprazado en Cee, do que quero antes de nada agradecer a facilidade e comprensión que nos permitiu cambiar a data polas baixas que nos impedían xuntar xogadoras naquela fin de semana. Grazas a cada membro da directiva e ás propias xogadoras.

En canto ao partido, volvemos competir baixo mínimos, con dúas baixas de última hora que nos obrigaron a improvisar a liña defensiva, pero coa boa nova de ter de volta a Alba tras a longa lesión de cadeira que a tivo apartada dos campos.

O duelo non foi para nada vistoso, cheo de imprecisións nos dous bandos, con ocasións en ambas áreas, as máis claras para elas cando se quedaron con dez, e non soubemos darlle calma á superioridade numérica, permitíndolles meternos atrás. Así e todo, as nosas baleiráronse para traer uns puntos moi sufridos, e co mérito de aguantar baixo mínimos ante un gran rival nun dos campos máis complicados.

Agradecer tamén a cantas nos acompañaron nesta e noutras viaxes para dar esa forza extra ás nosas para seguir pelexando cando as forzas xa van a menos.

A encarar o 2026 esperando recuperar xogadoras e seguir aprendendo dunha categoría tan bonita como esixente…Feliz 2026 para todas e todos.”

Goles:

  • 0-1, Rut (7’)

  • 1-1, Lucía Martínez (25’)

  • 1-2, Bárbara (74’)

Árbitro: Manuel Trillo. Amosou un único cartón, vermello directo á porteira do UC Cee, Valeria Senande (72’).

UC Cee:
Noemi, Lucía Rodríguez, Cristina, Lucía Ramos, Lucía Caamaño, Saray, Nayara, Sharay, Lucía Martínez, Laura e Sabela.
Suplentes: Valeria, Paula, Gala e Aroa.

SCDR Esteirana:
Alicia , Rut, Nerea, Marta, Melania, Bárbara, Alba, Nuria, Noelia, Lara e Sandra. Suplentes : Non tivo.

Clasificación

1º SD Tordoia : 36
2º CF Muxía : 34
3º SCD Milagrosa : 28
4º Bergantiños FC “B” : 27
5º CF Dumbría : 23
6º CF Corme : 22
7º Victoria CF “C” : 22
8º UC Cee : 21
9º Eirís SD : 20
10º SCDR Esteirana : 20
11º SD San Lázaro : 18
12º Unión Campestre : 17
13º Brexo Lema SD : 14
14º Cultural Maniños : 8
15º Orillamar SD : 6
16º AD Nicrariense : 5
17º SDC Órdenes : 3

 

2ª GALEGA FEMININA G1

15ª Xornada

11/01/2026

CF Corme – SCDR Esteirana

SD San Lázaro  Orillamar SD

UC Cee  Cultural Maniños

Eirís SD  CF Muxía

SDC Órdenes  CF Dumbría

Brexo Lema SD  SD Tordoia

AD Nicrariense  Bergantiños FC “B”

Unión Campestre – SCD Milagrosa

Descansa : Victoria CF “C”

.

-Foto : Fran Figueroa

-Texto : Xosé Búa “Pirata