A CRÓNICA : SANTA TERESA CD 0-3 DEPORTIVO FEMININO : “UNHA LEDICIA EN CASA DEPOR”.

 

Santa Teresa CD 0-3 Deportivo Feminino

O Dépor ABANCA afrontaba este mediodía no Vello Vivero de Badaxoz un partido clave para as aspiracións de manter a categoría sumando de novo tres puntos e restándolle a posibilidade a un rival directo de distanciarse na loita por eludir os catro últimos banzos da clasificación.

Nunha mañá asollada no climatolóxico o Dépor ABANCA tamén brillou durante todo o partido, aínda que a primeira chegada, no minuto 2, fose para as locais nunha xogada que acabou en saque de porta para Sullastres. Un pase filtrado de Lady ao que non puido responder Peke e un dobre córner sen consecuencias foron as primeiras aproximacións branquiazuis até a primeira chegada clarísima, un centro de Villegas que Gaby rematou alto co interior camiño do primeiro cuarto de hora.

Até o minuto 30 apenas houbo chegadas a ningunha das dúas áreas, controlando o xogo as nosas pero cun dous para un antes Sullastres que as locais non souberon definir. Todo o contrario que o que fixo cinco minutos despois Athenea. A cántabra recibiu unha vaselina de Lady que a dianteira deportivista resolveu con outro xesto técnico igual, picando ante a saída de Aguirre para pór o 0-1 no marcador e desequilibrando un partido moi igualado no primeiro tempo. Cunha perigosa falta de Mellado directamente contra a barreira concluíu o primeiro tramo do partido.

A continuación non puido ser mellor. Non se completou o primeiro minuto cando Iris atopou o oco para Athenea, que se estrelou con Aguirre. O rexeite caeu aos pés de Peke que non fallou para pór o 0-2 no marcador.

A Santa Teresa tratou de reaccionar, pero o Dépor ABANCA soubo xogar co marcador durante toda a segunda parte sen renunciar ao gol da tranquilidade. A punto estivo de logralo Cris cun disparo alto. Non se lle escapou a Lady, que recuperou no centro do campo, conduciu até a frontal e golpeou para coala case polo recanto.

Sullastres tivo que intervir un par de veces ao longo do desenlace, a terceira a máis clara, xa na prolongación, evitando o gol da honra das locais. Entre medias, Gaby nun par de ocasións, unha contra a zaga e outra preto do pau, e Peke, alto, estiveron preto de facer o cuarto do partido.

Finalmente, con tres foi suficiente para sumar outros tantos puntos e conseguir unha importante inxección anímica de cara a unha semana fundamental para o futuro do Dépor ABANCA en Primera Iberdrola con dous partidos en casa, mércores e domingo, ante Eibar e Betis.

 

Santa Teresa CD: Aguirre, Van Slambrouck, Rovirola (Mireya, min. 62), Nayadet, Estefa, Belén, Nerea Pérez, Neira, Mellado (Kenni, min. 56), Raquel Ayuso e Branca

Dépor ABANCA: Sullastres, Cris, Iris, Branco, Villegas, Ainoa ( Eva Dios, min. 86), Alba (María Figueroa, min. 86), Gaby, Lady (Kika, min. 82), Athenea (Helena, min. 70) e Peke

Goles: 0-1 Athenea (min. 35); 0-2 Peke (min. 46); 0-3 Lady (min. 55)

Árbitra: Espiñenta Ríos (c. andaluz). Amoestou a Athenea (min. 44), Rovirola (min. 60), Nerea Pérez (min. 73), Iris (min. 89)

Incidencias: partido da 19ª xornada de Primera Iberdrola disputado no Vello Viveiro de Badaxoz a porta pechada.

-Foto e Crónica : RC Deportio