A CRÓNICA ; LEVANTE 4-1 DEPORTIVO FEMININO : “UN MAL INICIO CONDENA AS DEPORTIVISTAS”.

 

O regreso de Cris após varias xornadas ausente por lesión foi unha das principais novidades do once de Manu Sánchez que sobre o papel buscou reforzar a zaga deportivista cunha formación de cinco atrás que non puido empezar con peor pé mentres ambos os equipos buscaban o seu sitio no campo.

O primeiro balón que chegou á área de Noe Bermúdez aos 3 minutos recibiuno de pés de Eva Navarro, preto da frontal, Carol Ferez, que controlou, acomodouna presionada pola propia Cris pero conseguiu diparar e atopar o fondo da portería do Dépor no primeiro tiro do partido.

O Dépor tentouno a balón parado: Michelle non puido rematar un centro de Alba a saque de falta mentres que na área contraria as locais non perdoaban. Natasa Andonova recolleu un balón rebotado e botando ao bordo da zona de castigo para superar cunha sutil vaselina a saída de Noe Bermúdez e pór o 2-0 cando aínda non se cubriran os 10 primeiros minutos de partido.

O Levanto continuou dominando e o Dépor buscando a súa oportunidade. Un tiro de lonxe de Athenea no minuto 19 e un pase de Gaby para Michelle ao que se adiantou María López foron as mellores aproximacións deportivistas na primeira media hora.

Precisamente aos 30 minutos, unha volea de Irene Guerrero estrelouse contra a zaga branquiazul. Foi o prólogo dun ataque en tres actos nos que volveu intervir a propia atacante granota e que acabou atopando a recompensa e o punto de remate bo a centro de Jucinara desde a esquerda, logrando anotar o terceiro tanto do partido.

As nosas volvérono a tentar cun remate de Gaby desviado no 34 e unha falta de Blanco directa ás mans de María, que minutos despois atrapaba sen problemas un centro de Michelle para Athenea.

Camiño do descanso puido facer o cuarto o Levante: Carol Férez logrou rematar raso e obrigar a unha boa man abaixo de Noe, nunha acción defensiva completada pola zaga deportivista.

Após case 10 minutos da continuación sen ocasións, a primeira clara foi para Gaby que, a forza de fe, conseguiu conducir o balón até a frontal da área a pesar da cantidade de rivais que saíron ao seu paso para ser capaz de disparar e obrigar a intervir a María López. Michelle tívoa mellor aínda camiño do 60 após regatear á gardameta local e que Cometti roubásella antes de rematar a porta baleira.

A piques de chegar ao 70 puido marcar o Levante cun disparo ao traveseiro sen oposición de Esther. Foi a antesala do córner que supuxo o 4-0 co tanto de Aldana Cometti, que rematou o saque de esquina. Precisamente Cometti, tamén coa cabeza, evitou o gol de Athenea, desviando un bo disparo desde a frontal da atacante cántabra. En área deportivista puido pór a quinto Alba Redondo após sufrir un penalti de Noe Bermúdez, pero a xogadora local enviou alta e desviada a pena máxima.

O desenlace do partido trouxo o gol do Dépor nun remate de Ainoa Campo que supón un gol e un sopro de ánimo para un equipo que completou o seu sétimo partido sen puntuar e que busca romper canto antes a mala serie desta temporada. Próxima oportunidade en casa fronte ao Atlético de Madrid.

 

 

 

Levante UD: María López, María Méndez, Irene, Andonova (Lucía, min. 63), Zornoza, Carol (Fiamma, min. 76), Jucinara, Alharilla, Eva Navarro (Alba Redondo, min. 63), Esther (Lloris, min. 87) e Cometti (Paula Tomás, min. 87).

Dépor ABANCA: Noe Bermúdez, Cris Martínez, Bedoya (Iris, min. 73), Ainoa, Blanco, Patri López, Alba (Lía, min. 84), Arbeláez, Gaby, Michelle (Helena, min. 65) e Athenea (Kika, min. 84).

Goles: 1-0 Carol (min. 3); 2-0 Andonova (min. 9); 3-0 Irene (min. 31); 4-0 Cometti (min. 65); 4-1 Ainoa (min. 83).

Árbitra: Espinosa Ríos (c. madrileño). Amoestou a Blanco (min. 37), Athenea (min. 47), Cometti (min. 73), Noe Bermúdez (min. 79) e Lloris (min. 92).

Incidencias: partido da oitava xornada de Primera Iberdrola disputado a porta pechada no Campo Héctor Roda da Cidade Deportiva de Buñol e no que #asnosas estrearon o terceiro equipamento desta temporada.

-Foto e Crónica : rcdeportivo.es