A CRÓNICA : Depor 4-0 Linares : “o depor arroia nunha extraordinaria segunda metade, tras unha primeira de vértigo”.

Riazor foi unha caldeira de principio a fin.

 

Depor 4-0 Linares Deportivo

Non foi o que dixo o resultadio se miraas ocasións de uns e outros. tras unha primeira metade na que os visitantes dispuxeron das mellores ocasión, e na que Quiles adiantaba aos noso de penalti no desconto, (houbo outro penalti clarísimo a Villares que non se pitou), pasouse a unha segunda na que os deportivistas tiveron o balón, as ocasións e os goles, nun Riazor pletórico con 26.177 afeccionados, (xa quixeran moitos), que levaron ao equipo en volandas, e acabou goleando, e levantando o pedal tralo 4-0, para deixar en sentenza a eliminatoria e esperar o vindeiro sábado a un Albacete, que derrotou con sufrimento a un combativo Rayo Majadahonsa, (2-1), a partires das 18:00 Horas, (16:00 GMT). Un choque para o que se augura un cheo en Riazor, e para o que as entradas, parece ser, que sairán a venda antre o martes e o mércores.

CRÓNICA DE RCDEPORTIVO.ES

O Deportivo tachou do seu camiño cara á Segunda División a un Linares Deportivo que ofreceu resistencia nunha equilibrada primeira metade pero ao que esnaquizou en seis minutos máxicos, os que van entre o 64 e o 70, nos que sentenciou a contenda con tres golazos de Mario Soriano, Álex Bergantiños e Alberto Quiles.

Borja Jiménez, técnico branquiazul, recuperou un dos seus onces máis habituais despois de conceder descanso a numerosos futbolistas e que outros cumprisen sanción por acumulación de amoestacións no último partido da liga regular, hai unha semana ante o Unionistas salmantino en ABANCA-RIAZOR. Só Lapeña e Álex Bergantiños repetiron titularidade con respecto ao anterior encontro.

O Deportivo entrou cos cinco sentidos no partido, xerando unha primeira ocasión clara 45 segundos despois do asubío inicial. William lanzou en profundidade a Héctor Hernández, que deixou un pase da morte para Miku, cuxo remate á media volta na área pequena foise desviado.

Pronto deu un paso adiante o Linares Deportivo, cuxa primeira acción de ataque acabou nunha durísima volea de socato de Etxaniz, rematando un centro ao segundo pau, que rexeitou Mackay. No minuto 11, o propio ‘9’ xienense bateu desde 25 metros por riba do traveseiro despois de cometer unha clara falta sobre Antoñito que non sinalou o colexiado. Un minuto despois, Fran Carnicer recolleu outro centro moi pasado e o seu dereitazo, esta vez máis frouxo que os anteriores do seu compañeiro, atrapouno sen problemas o gardameta deportivista.

O Dépor respondeu case de inmediato, antes do cuarto de hora, cun centro de Antoñito para Miku, que completamente só no segundo pau non chegou a cabecear por centímetros. Eran minutos, con todo, de maior dominio dun cadro andaluz que merodeaba constantemente a área coruñesa, aínda que sen chegar a poñer a proba ao porteiro coruñés.

No minuto 34, a afección e os xogadores deportivistas reclamaron un claro penalti sobre Diego Villares que o colexiado non sinalou. O canteirán anticipouse a un balón controlado longo por un defensa visitante, que ao non impactar coa pelota golpeou de cheo a perna do xogador deportivista.

Un zurdazo raso desde a frontal de Diego Villares que Razak detivo en dous tempos parecía que pechaba a primeira metade. Pero un novo ataque deportivista en tempo engadido concluíu cun balón a pés de Quiles na media lúa e o disparo do goleador branquiazul topouse coas mans dun defensor linarense. O colexiado, esta vez si, sinalou o punto de penalti. O propio Quiles transformouno no 1-0 enganando ao porteiro ganés.

Borja Jiménez retirou do campo a William no descanso, despois de que o brasileiro vise a cartolina amarela tralo asubío final ao encararse con Perejón. Mario Soriano saltou ao céspede e converteuse nunha peza crave.

A segunda metade arrancou practicamente igual que a primeira. O Dépor, sen deixar tocar a pelota ao seu rival, xa disparara a portería. Aos quince segundos, Razak rexeitou un duro disparo de Quiles. Novamente Quiles protagonizou un ataque perigoso, nunha internada pola dereita cuxo centro raso co exterior do pé esquerdo á área pequena non atopou nin a Miku nin a Mario Soriano.

Ao fío da hora de xogo, a oportunidade foi para Miku, cuxo dereitazo desviou a córner Josema lanzándose á desesperada, despois dun sublime control orientado de talón de Quiles e posterior pase en profundidade.

Tivo a ocasión de empatar, nunha acción de estratexia, o Linares Deportivo. No minuto 62, Héctor Hernández sacou de cabeza sobre a mesma liña un balón que picou Etxaniz sobre a saída Mackay após quedar solto na área. Foi a última rabexada do conxunto andaluz.

Porque aos 64 minutos apareceu Mario Soriano para, nunha gran acción individual índose de dous rivais na frontal da área e definindo cun duro zurdazo, aumentar a brecha no marcador e abrir a caixa dos tronos branquiazul. Aínda que Barbosa asustou no minuto 66 cun tiro cruzado desde a esquerda que desviou Mackay a córner, no 68 chegou o terceiro, nun sensacional disparo afastado de Álex Bergantiños que se coou polo recanto dereito do marco xienense.

ABANCA-RIAZOR xa era unha auténtica festa pero acabou de explotar cando no minuto 70, Quiles definiu con tranquilidade pegado á base do pau contrario desde o punto de penalti un rápido ataque levado por Mario Soriano, que asistiu ao pichichi branquiazul.

Os minutos finais puideron deixar unha goleada escandalosa, con oportunidades claras de Mario Soriano, nun disparo desde a frontal da área con picardía buscando a base do pau, atrapado por Razak, e de Álvaro Rey, desde a media lúa a perna cambiada, que se perdeu á dereita da portería visitante.

Após esta vitoria, o Deportivo medirase ao Albacete Balompié na final do playoff de ascenso a Segunda División, o vindeiro sábado ás 18:00 horas.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Jaime, Héctor Hernández, Diego Villares, Álex Bergantiños (Josep Calavera, min. 88), Juergen Elitim (Borja Granero, min. 88), Quiles (Álvaro Rey, min. 79), Miku (Noel, min. 85) e William (Mario Soriano, min. 46).

Linares Deportivo: Razak, Perejón (Adan Gurdiel, min. 46), Fran Lara, Josema (Miguel Marín, min. 77), Barbosa, Carracedo (Hugo Díaz, min. 77), Meléndez, Rodri, Kako (Nando Copete, min. 67), Fran Carnicer (Sanchidrián, min. 77) e Echaniz.

Gol: 1-0 Quiles, de penalti (min. 45+2); 2-0 Mario Soriano (min. 64); 3-0 Álex Bergantiños (min. 68); 4-0 Quiles (min. 70).

Árbitro: Lax Franco (c. murciano). Cartón amarelo a Etxaniz (min. 39), Fran Lara (min. 45+1), Nando Copete (min. 45+3), Fran Carnicer (min. 45+3) e William (min. 45+3).

Incidencias: Partido correspondente á semifinal do playoff de ascenso a Segunda División disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 26.177 espectadores, uns 700 do Linares Deportivo.

 

 

 

 

 

 

 

 

-Texto : piratasdemuxia(RC Deportivo

-Foto . RC Deportivo