Depor 0-0 Rayo Majadahonda
Inicio de liga con mal sabor de boca polo resultado pero vendo a un equipo que se fixo dominador do encontro por completo e que non permiteu ningún contragolpe e que nas xogadas a balón parado sempre gañou os balóns que tentou colgar o equipo maxariego. Foi un monólogo de dominio e chegadas, pero faltou a chispa a hora da definición.
Idiakez formou ca parella dos Pablos na zaga e con Ximo e Balenciaga polas bandas, cun dobre pivote con Villares e José Ángel, con lucas por detrás do dianteiro e caendo as bandas e Barbero en puta con Yeremay e Davo nos extremos.
Fixo transicións rápidas o equipo e gozou de numerosas chegadas, pero faltou o remate acertado a gol. Consigueuno Lucas, pero foille anulado por un inexistente fora de xogo. Moi mal o colexiado asturiano, García Riesgo, que perdonoulle máis de un cartón os visitantes e a pesares de aumentar 6 minutos foron moi poucos para o tempo que se perdeu con varias saidas das asistencias, todas elas a xogadores visitantes e cos trocos na segunda metade.
Destacar o papel do xove meta visitante, Dani Martín, de tan só 17 anos de idade. Por parte deportivista Yeremay fixo un gran encontro pero faltoulle alkgué que materializase en gol os numerosos balón que meteu no área. O equipo en xeral estivo ben e amosou boas cousas, mágoa o resultado.
Así viron o encontro dende o RC Deportivo :
O Deportivo non puido derrotar ao CF Rayo Majadahonda na estrea ligueira do curso 2023-24 a pesar de mostrarse moi superior ao conxunto madrileño desde o primeiro até o último minuto, con momentos de bo fútbol e moitos minutos encerrando ao seu rival na súa propia área.
Imanol Idiakez, no seu debut oficial á fronte do conxunto branquiazul, apostou finalmente por unha liña de catro atrás, con Jose Ángel por diante axudado por Villares, Davo e Yeremay nos extremos, Lucas na mediapunta e Barbero como home máis adiantado.
Nun ABANCA-RIAZOR con entrada de gala para celebrar a chegada, poucos minutos antes do asubío inicial, á cifra de 25.000 socios, o Dépor dominou o encontro de punta a cabo, aínda que na primeira metade non xerou demasiadas ocasións de gol.
Unha das máis claras foi a primeira, no minuto 7, cando Davo cabeceou fóra un centro desde a liña de fondo de Lucas após unha saída do gardameta visitante Dani Martín aos pés de Barbero.
No minuto 13, un slálom de Yeremay concluíu cun dereitazo final excesivamente cruzado. Ao fío da media hora, unha gran acción coral, cunha triangulación en mediocampo entre Yeremay, Jose Ángel e Lucas, continuouna o ’10’ cunha apertura cara ao extremo dereito para Davo, cuxo potente dereitazo raso sacou a córner Dani Martín. O saque de esquina cabeceouno no primeiro pau Barbero moi preto do recanto dereito da meta visitante.
Yeremay protagonizou unha fantástica xogada individual no minuto 34, antes de lanzar pola dereita a Lucas cara a dentro da área. O zurdazo do ‘7’ repeleuno o porteiro majariego coa súa perna esquerda.
Na segunda metade, o caudal ofensivo do Dépor foi en aumento co paso dos minutos, pero o CF Rayo Majadahonda defendeuse como gato bandullo arriba para acabar rabuñando un punto en ABANCA-RIAZOR.
No minuto 52 produciuse un remate frouxo de Yeremay desde dentro da área, após pase de Lucas despois dunha recuperación de Barbero na saída do balón do conxunto madrileño.
A polémica chegou no minuto 57, cando o colexiado, a instancias do seu asistente, anulou inxustamente un gol a Lucas por fóra de xogo posicional de Yeremay. O canario desentendeuse da acción, un pase interior de Barbero, e non interveu na mesma nin influíu nos movementos dos defensas.
No minuto 65, Ximo Navarro cabeceou chegando desde atrás un centro pasado ao segundo pau que se estrelou na cara dun defensa majariego. Tres minutos máis tarde, un zurdazo afastado raso de Lucas atrapouno Dani Martín con seguridade. Case inmediatamente despois, un roubo de Yeremay en tres cuartos completouno cun disparo desde a frontal da área desviado á esquerda do marco majariego.
O Dépor empuxou máis e máis, sobre todo desde a entrada de Mella. Con todo, as ocasións empezaron a escasear. O gol non volveu estar preto até o minuto 88, cando Dani Martín perdeu a pelota nunha saída a pés de Martín Ochoa após pase en profundidade de Yeremay. O canteirán reaccionou rapidamente para disparar cara a portería pero Kike Hermoso sacou a pelota a córner practicamente sobre a liña de gol.
A pesar dos esforzos branquiazuis nos 7 minutos de tempo engadido que decretou o colexiado, o marcador non se moveu e o partido finalizou co resultado inicial.
Depor : Germán, Ximo Navarro (Paris Adot, min. 70), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Jose Ángel, Diego Villares, Davo (Mella, min. 70), Lucas, Yeremay e Barbero (Martín Ochoa, min. 86).
CF Rayo Majadahonda : Dani Martín, Diego Ceballos, Kike Hermoso, Jorge Casado, Ro Abajas, Álvaro Arnedo, Raúl Tavares (Juanjo, min. 90), Markus (Alberto Fernández, min. 46), Claverías (Reguera, min. 66), Rubi (Sergio Camacho, min. 81) e Rubén Enri (Pablo Pérez, min. 81).
Árbitro: Francisco García Riesgo (c. asturiano). Cartón amarelo a Balenziaga (min. 44), Ximo Navarro (min. 57), Martínez (min. 59), Kike Hermoso (min. 59), Jorge Casado (min. 60), Barbero (min. 85), Dani Martín (min. 90+4) e Juanjo (min. 90+5).
Incidencias: partido da 1ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 20.649 espectadoress. No inicio os Riazor Blues despregaron un gran tifo na honra de Arsenio Iglesias co lema : “Volve a guiarnos”.
-Foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”/RC Deportivo
-Vídeo : RFEF