A CORUÑA CONVERTIRASE NA “CIDADE VIP DO TRIATLÓN ESPAÑOL” O 28 E 29 DE SETEMBRO

 

A Coruña, camiño de converterse en escenario VIP para o tríatlon español

Un milleiro de triatletas chegarán á cidade o último fin de semana de setembro, en moitos casos coas súas familias e técnicos deportivos

O mundo do triatlón vai camiño de facer da cidade da Coruña un referente esencial en España, se continúa consolidándose como sede de importantes campionatos. Así o considera a Federación Española de Triatlón (Fetri), que celebrará un dos seus principais eventos esta tempada na última fin de semana de setembro, o Campionato de España de distancia olímpica.

A cidade ten todos os ingredientes para constituír un escenario privilexiado. A súa envexable relación co mar, a formación dun atractivo itinerario urbano para os tres segmentos da competición, que seguen a cuncha costeira desde O Parrote ata San Diego son os principais motivos xeográficos que fan da Coruña un lugar con “vocación de triatlón” . Todas as carreiras pódense facer sen deixar o corazón da capital e ao mesmo tempo nun ambiente despexado, saudable e percorrendo atractivos escenarios arquitectónicos, que por si mesmos constitúen un ingrediente moi agradable para os triatletas.

A isto hai que engadir a súa potente planta hoteleira e os completos servizos turísticos que a cidade ofrece para acoller a gran cantidade de visitantes que xera un campionato deste tipo. No nacional deste fin de mes participan uns mil triatletas, moitos dos cales acoden á cidade con familiares, amigos ou persoal técnico das súas respectivas equipas. Estímase que o gasto medio do turista deportivo español realizado no destino e dentro do ámbito nacional rolda os 120 euros diarios por persoa.

Moitos dos participantes nun tríatlon, ademais de competir, viaxan normalmente varios días ao lugar da competición e compórtanse como turista en moitos casos de nivel medio alto, xa que o seu ritmo de consumo así o indica. Valoran os destinos cunha oferta complementaria atractiva e variada, como ocorre na Coruña. A animación das rúas, a espectacular oferta gastronómica, os grandes espazos naturais que a cidade ofrece sobre o océano nos parques de A Torre ou San Pedro, a propia Torre de Hércules como lugar icónica ou a importancia dos museos científicos transfórmanse en complementos agradables para unha fin de semana

Ademais da categoría elite, celébranse probas sub23, grupos de idade e paratriatlon. O venres 27 de setembro comeza a entrega de dorsais ás 18h. O sábado pola tarde terán lugar as carreiras de elite e o domingo as de grupos de idades e paratriatlon. A igualdade de xénero é total neste deporte. Idéntica distancia e mesmos premios para homes e mulleres. O epicentro do campionato establecerase, como o ano pasado, na praza de María Pita.

-Artigo de Antón Prieto para piratasdemuxia.es

-Fotos : FETRI

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es