O CF Muxía xa ten nova responsable para liderar o seu equipo feminino tras a saída de Noe Iglesias, unha adestradora que deixa unha fonda pegada na historia recente da entidade. Baixo a súa dirección, o conxunto muxián acadou o maior éxito da súa curta pero dilatada historia, proclamándose campioas da Segunda Galega Feminina Grupo 1 e conseguindo o histórico ascenso de categoría.
Co obxectivo de dar continuidade ao crecemento do proxecto, o club aposta agora “pola mocidade e a formación”, unha liña de traballo que vén caracterizando á entidade nos últimos anos.
Neste sentido, o CF Muxía anunciounos a incorporación de Ana Rodríguez Coronilla (Corcubión, 2004) como nova adestradora do equipo feminino. A técnica afrontará a súa primeira experiencia nun banco sénior, aínda que xa conta cunha destacada traxectoria no fútbol base feminino.
Ana realizou un importante labor como adestradora do equipo infantil feminino do Rayo Vallecano de Madrid, ademais de formar parte das Escolas Nordés de Porteiros, onde continuou ampliando a súa formación e experiencia no ámbito deportivo.
Desde o club destacan “a súa ilusión, compromiso e ganas de aprender como algúns dos valores que a converten nunha aposta de futuro para seguir impulsando o fútbol feminino en Muxía”.
A nova adestradora asume o reto con “ambición e responsabilidade”, nunha tempada que estará marcada pola estrea do equipo nunha categoría superior e polo desexo de consolidar o proxecto deportivo que tantas alegrías deu á afección muxiana nos últimos meses.
O CF Muxía quixo darlle a benvida e transmitirlle, “toda a confianza nesta nova etapa, convencidos de que o seu traballo contribuirá a seguir facendo medrar un equipo que xa forma parte da historia do fútbol feminino da Costa da Morte”.
–
AVISO IMPORTANTE
“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os orgañizadors, clubes, afeccionados, socios, etc…nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos, para evitar o de que se poñemos uns e outros non.
Podedes mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.
–
-Foto e información : Prensa CF Muxía
-Texto : Xosé Búa “Pirata”