A Asociación de Fútbol Afeccionado da Costa (ASFACOS) botou a andar oficialmente onte 17 de novembro de 2025, cunha reunión celebrada ás 20:00 horas no Edificio Multiusos de Santa Comba que serviu como punto de partida para un proxecto chamado a reforzar o fútbol modesto da Costa da Morte.
O encontro contou coa presenza de 19 clubs da comarca, mentres outros 7 equipos comunicaron a súa ausencia. A sesión estivo encabezada por Vinto Tajes, presidente da xestora impulsora da futura asociación, acompañado por José Manuel Pérez, Carlos Lema, Michel Rey, Jesús Ricardo Serrano e Carlos Romero, membros do equipo que está a traballar na posta en marcha da entidade.
Durante a xuntanza, os asistentes puideron coñecer de primeira man os motivos que xustifican a creación de ASFACOS, así como as liñas de actuación e propostas prioritarias para a defensa dos intereses do fútbol afeccionado costeiro. Os representantes dos clubs tiveron tamén ocasión de presentar achegas, opinións e dúbidas, configurando un espazo de diálogo que se pretende manter no tempo.
Un dos puntos salientables da reunión foi a implicación do Concello de Santa Comba, que cedeu o espazo para a celebración do evento e mostrou o seu apoio total á iniciativa. O alcalde presente manifestou a súa vontade de ofrecer “toda a colaboración posible” e mesmo propuxo que Santa Comba se converta na sede oficial da asociación, unha idea ben recibida polos presentes.
Con esta primeira toma de contacto, ASFACOS inicia o seu camiño cara á consolidación como entidade representativa do fútbol afeccionado da Costa da Morte. A intención pasa por “fortalecer a unión entre os clubs, defender os seus dereitos e necesidades e impulsar o deporte na comarca, nun momento no que o fútbol modesto demanda máis coordinación e voz propia”.
Según nos informan na nota de prensa que nos envían, “a partir de agora, o traballo continuará para definir a estrutura definitiva da asociación, os seus estatutos e os próximos pasos dun proxecto que busca ser un antes e un despois no fútbol da Costa”.
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Nota de prensa : ASFACOS
