Inés Rey García alcaldesa da Coruña.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DA CORUÑA O “CASO FUENLABRADA”
Diante dos feitos ocorridos na Coruña durante o mes de xullo e agosto que, coñecidos como Caso Fuenlabrada, provocaron graves prexuízos sanitarios, económicos e deportivos á cidade, o Pleno do Concello da Coruña por unanimidade quere emitir a seguinte
Declaración Institucional:
1- Desde principios do presente ano de 2020, a cidade da Coruña vén realizando un enorme esforzo para conter dentro do posible as terribles consecuencias da pandemia do COVID-19. As importantes restricións, como o longo confinamento, atoparon unha resposta exemplar por parte da cidadanía, que con moi escasas excepcións continúa a día de hoxe a seguir escrupulosamente as medidas que as distintas administración tivemos que tomar para frear o virus. Este sacrificio supuxo e supón un enorme reto diario que atinxe a todas e todos. Polo tanto, ningunha institución ou sector, por moi importante que sexa ou que se sinta, está por riba destas normas, dispostas para coidar do máis relevante que temos: a saúde pública.
2- O pasado luns 20 de xullo, o Club de Fútbol Fuenlabrada, co aval da Liga de Fútbol Profesional, viaxou á Coruña e se instalou na cidade a pesar de que desde dous días antes sabía da existencia dun brote de Covid-19 no equipo, malia o cal se desprazaron en avión e autobús e acudiron e se moveron polas instalacións dun céntrico hotel. Finalmente, ao descubrirse a gran dimensión do brote, a expedición tivo que ficar en corentena, causándolle polo efecto mediático un enorme prexuízo á actividade económica da cidade, así como impedindo, tras a inxusta decisión da Liga de disputar o resto da xornada, que o Real Club Deportivo puidese defender en igualdade de condicións a súa permanencia en Segunda división. Polo tanto, nin o Fuelanbrada nin a Liga actuaron como indican as normas, causando un forte dano sanitario, económico e deportivo á Coruña.
3- Ante a gravidade dos feitos, o Concello da Coruña reaccionou con rapidez, tanto no plano da denuncia pública como no legal, poñendo a disposición da Fiscalía a información existente, da que se derivou a apertura de dilixencias nun Xulgado de Instrución da cidade. Tamén a Xunta de Galicia estudou o ocorrido, ante o que xa emitiu, en función das súas competencias, unha proposta de forte sanción para Fuenlabrada e Liga de Fútbol Profesional. A pesar destas evidencias, tanto os causantes do problema como algúns dos seus aliados intentaron reverter a situación mediante inxustificables ataques ás e aos nosos representantes democráticos, así como a boa parte da cidade e algún dos seus principais símbolos, como foi o caso de Álex Bergantiños, capitán do Real Club Deportivo vítima dunha burda manipulación que en ningún caso ensombrece a súa dignidade, que unánimemente recoñecemos hoxe neste Pleno.
4- O principal instigador e responsable destes graves acontecementos foi o presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas Medrano, que en todo momento demostrou un absoluto desprezo tanto polas medidas a prol da Saúde Pública como pola cidade da Coruña, as súas autoridades e, especialmente, as súas xentes. A actitude e as actuacións de Javier Tebas representan exactamente os valores contrarios aos que compartimos na Coruña, urbe de talante aberto, comunitario, solidario e vangardista. Desde o Pleno do Concello declaramos unha vez máis que nas nosas rúas, persoas como Javier Tebas non teñen cabida, agás no que respecta a responder polo seu comportante ante a Xustiza.
5- Por desgraza, a actitude da Javier Tebas atopou un socio inesperado. En contra da exemplaridade obrigada do servizo público e mesmo das súas propias afirmacións un 22 de xullo, o Consejo Superior de Deportes dimitiu das súas responsabilidades coa saúde pública e o xusto funcionamento das competicións e deixou completamente impunes as irregularidades cometidas polo Fuenlabrada e pola Liga de Fútbol Profesional, ademais de renunciar a calquer tipo de reparación ás vítimas do ocorrido: o Real Club Deportivo e a nosa cidade. Ante esta grave decisión, o Pleno do Concello da Coruña esixe unha rectificación pública e inmediata ao CSD na que, entre outras cousas, se acepte unha Liga de Segunda División de 24 equipos e se inhabilite a Javier Tebas para o seu cargo actual. En caso de non proceder así, a actual máxima responsable do Consejo Superior de Deportes, Doña Irene Lozano, sería cómplice do atropelo a toda unha cidade, polo que debería dimitir inmediatamente do seu cargo.
6- Por último, o Pleno do Concello reafirma o seu compromiso coa saúde pública e agradece publicamente o comportamento da cidadania na grave crise que atravesamos. Así mesmo, amosa o seu recoñecemento a todas as persoas e institucións que apoiaron á cidade durante os acontecementos aos que nos referimos nesta Declaración, así como agradece que a Real Federación Española de Fútbol si cumprise coas súas obrigas institucionais. Así mesmo, este Pleno lanza de novo un berro de apoio a un dos grandes símbolos e motores económicos da cidade, o Real Club Deportivo, que nestes complicados intres seguirá tendo aquí, en María Pita, un aliado, así como nos milleiros de coruñeses e coruñesas que volverán dar un exemplo de amor ao branquiazul na tempada que está a piques de comezar. A Coruña é unha cidade orgullosa e con valores. Seguirémolo demostrando.
“EN MAREA” PIDE DECRARAR A TEBAS “PERSOA NON GRATA”
A Marea Atlántica presenta unha moción para declarar a Javier Tebas persoa non grata na Coruña
Javier Tebas é o responsable último dunha serie de acontecementos que, ademais de encrespar e ofender á afección do Depor e a toda a cidade, supuxeron unha temeridade dende o punto de vista sanitario e tiveron un impacto negativo no turismo, a hostalaría e na propia imaxe da Coruña
“Non pode ser que Álex Bergantiños teña que verse cuestionado, mesmo tratado como un delincuente e que a actuación do Sr. Tebas non teña ningunha consecuencia”, sinala a concelleira Claudia Delso.
A Marea Atlántica vén de rexistrar no día de hoxe unha moción pola que pedirá no vindeiro Pleno Municipal declarar ao presidente de La Liga, Javier Tebas, persoa non grata na Coruña. Tebas é considerado responsable último da viaxe do C.F. Fuenlabrada o pasado 20 de xullo, cando xa se coñecían os positivos por COVID-19 dos integrantes do equipo dende o 18 de xullo, sobre os que non se informou en tempo e forma ás autoridades sanitarias.
“Consideramos que é a reacción mínima, cando amosou tal desdeño e irresponsabilidade de cara á toda a cidade. Agardamos a manifestación unánime de toda a corporación municipal e que non se obvie como pasou coa petición de declaración que fixemos hai escasas semanas cando saltou a noticia” apunta Claudia Delso, quen engadiu “Do mesmo xeito pensamos que La Liga ten que reparar o dano que está a causar á imaxe da cidade coas súas devanditas consecuencias económicas, nun momento tan delicado coma o que estamos a vivir”.
Apoio ás medidas legais e a Alex Bergantiños
Na mesma liña, a moción pedirá o apoio do Pleno a todas as medidas legais que se impulsen dende o Concello ou a Xunta de Galicia e, por suposto, trasladar o apoio de toda a corporación municipal ao R.C.Deportivo, ao deportivismo en xeral, e a Álex Bergantiños en particular.
O “PP” PRESENTOU UNHA MOCIÓN PARA DEBATIR O “CASO FUENLABRADA”
O Partido Popular lembra que presentou unha moción que se debaterá no Pleno do próximo día 10 para lograr a unanimidade da Corporación coruñesa na esixencia de dimisión de Irene Lozano como presidenta do CSD. Lozano tiña a responsabilidade política de solucionar o esperpento vivido durante este mes e medio. A solución tiña que ser política e a solución foi un fracaso político. Lozano e o PSOE terán que explicar por que en xullo culpaban á liga e ao Fuenlabrada e en agosto branqueáronos».
-Foto : Google Images
-Texto : Concello da Coruña/A Marea Atlántica/La Voz de Galicia