A activista antirracista Zulaikha Patel, protagonista da “Galería Mulleres” de Muxía, que podes visitar todo mes de agosto

 

● Con tan só 13 anos, en 2016, lidera as manifestacións en contra da norma
do seu colexio Pretoria Girls High School de Sudáfrica que impoñía o
alisado dos cabelos das alumnas.

● A BBC recoñeceuna entre as 100 mulleres destacadas de 2016.

● Coa súa protesta abriu un debate importante e mobilizou á sociedade,
pero sobre todo, iniciou un camiño persoal na loita contra o racismo.

O Concello de Muxía dedica a Galería de Mulleres do
mes de agosto á activista antirracista, Zulaikha Patel.

Filla de nai africana e pai indio, sempre foi unha nena interesada pola política e o que
ocorría no seu país. Con tan só 13 anos, en 2016, lidera as manifestacións en contra
da norma do seu colexio Pretoria Girls High School ( Gauteng, Sudáfrica) que impoñía
o alisado dos cabelos das alumnas.

A Escola especificaba que o peiteado natural das alumnas negras era “inapropiado e
pouco aseado”. Zulaikha foi consciente do discriminatorio da norma pois non deixaba
que as mozas levasen o seu pelo de forma natural, rizado, esixindo que o adaptasen
aos canons europeos. Era unha norma racista.

Decide protestar e negarse a alisar o cabelo polo que foi presionada por parte de
docentes a través de comentarios sexistas e racistas. Tras diversas chamadas de
atención e a ameaza de ser expulsada, Zulaikha xunto con outras mozas negouse
rotundamente a modificar ou cortar o seu pelo e saen a protestar.

A imaxe da nena coas mans cruzadas diante dos gardas contratados para reprimir a
protesta nas manifestacións, é unha icona. A loita foi recoñecida a nivel mundial e tivo unha gran resposta nas redes sociais a traves do hashtag #stopRacismatPretoriaGirlHigh

A cuestión non era menor, o debate desprazábase dunha posible cuestión de gustos,
cara ao racismo das institucións. O profesorado negaba tamén o dereito ás súas
alumnas para falar os seus idiomas maternos e segundo algúns medios e columnistas,
instruíanas no oficio de “negar a súa negritude”.O resultado final das protestas foi a supresión da norma de réxime interno sobre o peiteado das alumnas. Ademais, as autoridades da provincia comezaron investigar as condutas racistas e abriuse o debate sobre un cambio na lexislación convertendo a Zulaikha nunha icona da loita e resistencia antirracista, con só 13 anos. A BBC recoñeceuna entre as 100 mulleres destacadas de 2016.

Zulaikha á vez que reivindicaba as melenas rizadas estaba a reclamar o dereito para
decidir sobre si mesma. Coa súa protesta abriu un debate importante e mobilizou á
sociedade, pero sobre todo, iniciou un camiño persoal na loita contra o racismo e a
afirmación dos dereitos dos homes e, sobre todo, das mulleres negras.

-Foto e Texto : Departamento de prensa Concello de Muxía