3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”, (22ª Xda/Derradeira) : “A derradeira xornada decide o ascenso direto do Outes e o EFCC Juan Cabrejo na promoción, nunha xornada de infarto”.

3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”

22ª Xornada, (Derradeira)

Domingo 17/05/2026

Soneira SD 11-0 Ponteceso SD, 10/05

SD A Baña 1-1 SD Dubra

ED As Miúdas 0-3 UD Corcubión

UD Cerqueda 2-1 EFCC Juan Cabrejo

Xallas FC “B” 0-3 Sporting Zas

Outes FC 2-2 Cabana SD

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalas, (ou fotos ou vídeos), e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

.CRÓNICA

A 22ª e derradeira xornada da 3ª Galega Feminina G3 “A Costa” puxo o punto e final a unha tempada espectacular, cun desenlace emocionante ata o último minuto. Co Soneira SD xa campioas fai tres semanas, invictas, como máximo equipo goleador e menos goleado do campionato, (e que xogou a pasada semana o seu derradeiro encontro), toda a atención estaba posta na pelexa polo segundo posto, que daba o ascenso direto, e polo terceiro, que daba dereito á promoción, nunha xornada de infarto nestas loitas.

E non defraudou a xornada. O Outes FC e o Cabana SD xogábanse boa parte da tempada nun duelo directo no Conchido que acabou cun trepidante empate (2-2), resultado que lle serviu ás outesas para conservar a segunda praza e certificar un histórico ascenso á 2ª Galega Feminina. O Cabana, pola súa banda, quedou empatado a puntos co EFCC Juan Cabrejo, pero sen poder alcanzar a terceira posición a pesares da derrota das camariñás en Cerqueda.

O UD Cerqueda pechou o curso cun triunfo de mérito ante o EFCC Juan Cabrejo (2-1), mentres que o UD Corcubión confirmou o gran final de liga goleando ás ED As Miúdas (0-3). Tamén rematou con boas sensacións o Sporting Zas, que venceu con autoridade ao Xallas FC B (0-3), nun encontro no que as de Ánxo Garrido volveron demostrar a súa identidade futbolística.

Na zona baixa, empate entre SD A Baña e SD Dubra (1-1), nun duelo equilibrado, mentres que o Soneira despedira a competición a pasada semana cun contundente 11-0 sobre o Ponteceso SD, poñendo o broche perfecto a unha campaña histórica.

A vindeira tempada, a 2ª Galega Feminina G1 contará xa coa presenza do Soneira SD e do Outes FC, e o noso desexo é tamén poder celebrar o ascenso do Escola de Fútbol Concello de Camariñas “Juan Cabrejo”.

A vindeira tempada teremos na 2ª Galega Feminina G1, ao Soneira e Outes e o noso desexo de que tamén o Escola de Fútbol Concello de Camariñas “Juan Cabrejo”, que se uniran ao UC Cee, CF Dumbría, SCDR Esteirana e pendentes de como acabe a liga o Corme CF que opta a poder entrar na promoción. O CF Muxía xa está ascendido e unirase o Xallas FC a 1ª Galega Feminina fai un par de semanas e loita polo título nas duas xornadas que lle restan para o remate da liga.


-Crónicas dos encontros-

ED As Miúdas 0-3 UD Corcubión

O UD Corcubión pechou a tempada cun triunfo sólido e efectivo ante un As Miúdas que competiron, pero que non puideron frear o acerto ofensivo das visitantes. As corcubionesas deixaron o partido moi encamiñado en apenas un minuto, cos tantos consecutivos de Andrea e Sandra antes do descanso. Xa na segunda metade, Andrea completaría o seu dobrete para sentenciar definitivamente o encontro.

Goles : 0-1, Andrea, (19´); 0-2, Sandra, (20´); 0-3, Andrea, (57´).


UD Cerqueda

UD Cerqueda 2-1 EFCC Juan Cabrejo

O UD Cerqueda puxo o broche á tempada cunha vitoria de prestixio diante dun EFCC Juan Cabrejo que chegaba coa opción de asegurar a terceira praza. As visitantes golpearon primeiro moi cedo cun gol de Paula Mouzo, pero as locais reaccionaron ben e conseguiron igualar antes do descanso por medio de Arancha. Na segunda metade, Saray culminou a remontada cun tanto que deixou os tres puntos na casa e acabou coas opcións das camariñás de depender de si mesmas.

Goles : 0-1, Paula Mouzo, (7´); 1-1, Arancha, (24´); 2-1, Saray, (68´).


Sporting Zas

Xallas FC “B” 0-3 Sporting Zas

O Sporting Zas pechou a liga cun triunfo convincente diante do Xallas FC “B”, nun encontro no que as visitantes exhibiron o fútbol que as caracterizou durante toda a tempada. Nerea, cun dobrete na primeira metade, encarrilou o choque antes de que Nuria sentenciase ao bordo do descanso.

Ánxo Garrido, adestrador do Sporting Zas:

“Notable final…Partido perfecto, xa sen nada en xogo, sen presión nin nervios. Saíu todo o adestrado durante a temporada: xogar con calma e ter o dominio do balón, creando ocasións e seguridade defensiva.

Unha temporada na que só repetimos o once inicial un par de veces e todas as xogadoras pasaron pola titularidade, demostrando a competitividade do grupo. Os goles do partido marcan moito o noso estilo ofensivo durante este curso.

Aproveitamos moi ben o balón parado, tanto en remate directo como en segunda xogada, como foi o gol de hoxe de Nerea. Outra das nosas armas é o golpeo desde fóra, xa que Nerea ten un canón na perna para acabar con 20 goles. E, por último, a velocidade nas contras con Nuria, que este ano deu un paso adiante moi importante para o equipo…Moi contento e orgulloso co traballo de todo o equipo.”

Goles : 0-1, Nerea, (27´); 0-2, Nerea, (34´); 0-3, Nuria, (42´).


SD A Baña 1-1 SD Dubra

Empate para pechar a tempada entre dous equipos que competiron ata o final. O SD Dubra adiantouse practicamente no primeiro ataque do partido cun tanto de Noemi, pero Natalia devolveu a igualdade antes da media hora de xogo para deixar un reparto de puntos xusto.

Goles : 0-1, Noemi, (2´); 1-1, Natalia, (22´).


Saúdo inicial dos dous equipos no Conchido.

Outes FC 2-2 Cabana SD

O gran partido da xornada non decepcionou. Outes FC e Cabana SD xogábanse boa parte da tempada nun duelo directo polo ascenso e pola promoción, e ofreceron un auténtico espectáculo no Conchido, cun empate final que acabou celebrando o conxunto local cun histórico ascenso.

Comezou mellor o Outes, dominando e creando perigo, ata que Laura abriu o marcador cun potente disparo nunha acción a balón parado. O Cabana reaccionou con personalidade e obrigou a Lía a converterse nunha das protagonistas do encontro con varias intervencións decisivas.

Na segunda metade, as cabanesas deron un paso adiante. Adriana empatou aproveitando un rexeite e pouco despois culminou a remontada tras un córner. Pero o Outes non baixou os brazos e apenas dous minutos máis tarde Candela devolveu o empate nun final absolutamente frenético.

Dani Salgueiro, adestrador do Outes FC:

“Último partido da tempada, final e decisivo para os dous equipos, pois as que gañasen lograrían o desexado ascenso. Dúas semanas de nervios desde a xornada anterior, que se notaron no campo.

Os partidos co Cabana sempre terminan sendo partidazos; xa nos pasou nas Redondas e aquí non sería menos.

Comezamos atacando, ben plantadas, coas ideas claras e facendo moito dano sobre todo pola banda de Iria, pero ben as defensas ou a porteira as desbarataban.

Ata que no minuto 13, de esquina, Laura quixo recordar que as quinielas de principio de temporada son moi difíciles de acertar. E volvía facerse cargo de abrir o marcador cun tiro duro desde o pico da área. Tivemos un par de ocasións máis nos pés de Marta e Carla, pero non había maneira.

E o Cabana, que veu á Serra a ascender, apertaba e moito. Son un equipón e demostrárano. Irene, Silvia e Alejandra eran unha dor de cabeza. Pero a nosa porteira vestiuse de heroína e fixo tres paradas espectaculares para frear ás cabanesas.

A segunda parte empezámola de novo mandando. Coa volta de Raquel tras un ano enteiro de lesión, volvía para quedar soa contra Miriam, que lle chegou á vaselina coa punta dos dedos.

E perdendo volveron apertar, encerráronnos no noso campo e, despois de varios saques de esquina, un barullo empata o partido. Foron minutos difíciles, pois a nós afectounos fisicamente moito o gol e a elas deulles ás. Tanto que no 70 déronlle a volta.

Pero no Conchido este ano ninguén levou os tres puntos para a casa, e onte non ía ser a primeira vez. A grada, chea como nos días de gala, empurrounos como se o gol fose noso e, aos dous minutos e con catro no campo, Candeliña remataba unha internada de Carla por banda para volver poñer o empate e volver tolo o Conchido.

Os últimos minutos foron de infarto: a porteira visitante de dianteira, a nosa medio defensiva de dianteira… As dúas case marcan unha tras da outra.

Final de infarto e de película que remataba en ascenso e en festa. Que bonita a 3ª Galega este ano, apertadísima ata o final. E esperemos que a 2ª o ano que vén sexa a metade de bonita.

Permitídeme agradecer moito ás miñas xogadoras, que conseguiron un fito histórico no club a base de esforzo e gañas. Con máis de cinco lesións de longa recuperación, ás que lles desexamos o mellor nas operacións e que volvan pronto. Sacaron a garra e fútbol para lograr isto.”

José Manuel Vázquez, adestrador do Cabana SD:

“Partido que decidía os postos de ascenso e promoción e que non defraudou aos moitos afeccionados que acudiron.

Saíron os dous equipos a tratar de impoñerse, con alternativas, ata que Laura poñía o 1-0 nunha xogada a balón parado. Repúxose o Cabana e, cun gran xogo, creou varias ocasións que entre o longueiro e as intervencións de Lía desbarataron.

Xa no segundo tempo, cun Cabana volcado, o Outes dispuxo dalgún contragolpe que desbaratou Miriam, ata que Adriana empataba ao recoller un rexeite de Lía a tiro de María.

Volvía golpear o Cabana que nun córner se poñía por diante por medio de Adriana. Deu un paso adiante o Outes e nun ataque ben levado Candela empataba de novo. As cabanesas seguiron buscando o gol da vitoria, pero este non chegou pese a dispoñer de ocasións.

Destacar a labor do árbitro, que en todo momento se tomou o partido con absoluta seriedade e fixo unha arbitraxe perfecta.”

Goles : 1-0, Lires del Río, (13´); 1-1, Adriana, (64´); 1-2, Adriana, (70´); 2-2, Candela, (72´).

“A nosa máxima noraboa a tódalas/os que forman o Outes FC, xogadoras, técnicos, club, axudantes e afeccionados”

.

Soneira SD campión de liga.

Clasificación 

1º Soneira SD : 58
Outes FC : 49
EFCC Juan Cabrejo : 46
Cabana SD : 46
5º UD Corcubión : 40
6º Sporting Zas : 37
7º UD Cerqueda : 33
8º ED As Miúdas : 18
9º SD Dubra : 17
10º Ponteceso SD : 15
11º Xallas FC B : 10
12º SD A Baña : 6

.

-Fotos Cabana e equipos : José Manuel Vázquez

-Fotos Outes : Dani Salgueiro

-Foto Sp Zas : Prensa Sporting Zas

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

.