3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”, (21ª Xda) : “Un posto de ascenso e o de promoción quedan por decidir para a derradeira xornada, Outes, Juan Cabrejo e Cabana loitarán por dous postos”.

3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”

21ª Xornada

Domingo 03/05/2026

EFCC Juan Cabrejo 1-0 ED As Miúdas, (Crónica)

Ponteceso SD 1-1 Xallas FC “B”, (Crónica)

Sporting Zas 2-2 UD Cerqueda

Cabana SD 1-1 Soneira SD

UD Corcubión 2-0 SD A Baña

SD Dubra 2-4 Outes FC

Clasificación : PREME AQUÍ

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalas, (ou fotos ou vídeos), e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

.

CRÓNICA

A 21ª xornada da 3ª Galega Feminina G3 “A Costa” deixa todo aberto para unha derradeira cita de máxima emoción, con tres equipos en apenas tres puntos xogándose o ascenso directo e a praza de promoción, un deles quedará sen premio. O venrs e o sábado xa vos trouxemos as crónicas do EFCC Juan Cabrejo 1-0 ED As Miúdas e do Ponteceso SD 1-1 Xallas FC “B”, (Crónicas)

O empate do Cabana SD ante o campión Soneira SD e a vitoria do Outes FC no campo do Dubra provocan un escenario no que as outesas dependen de si mesmas, mentres que o EFCC Juan Cabrejo dependen de si mesmas e o Cabana deberán gañar e agardar erros para acadar o seu obxectivo. Ademais, o conxunto cabanés terá unha oportunidade directa no duelo fronte ao Outes na última xornada.

Pola súa banda, o EFCC Juan Cabrejo non falla e métese de cheo na loita, sabendo que visita un campo complicado como o do Cerqueda, pero con opcións reais tanto de ascenso como de promoción.

Na zona media, igualdade máxima en encontros como o empate entre Zas e Cerqueda, mentres que por abaixo non hai nada en xogo máis alá de evitar o pechacancelas, xa decidido.

A liga para ata o 17 de maio

A liga terá un parón esta vindeira fin de semana e non se retomará ata o 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, para a disputa da derradeira xornada con todo o que vos contamos en xogo.

Con todo eso o vindeiro Domingo día 10 haberá un encontro, o que enfrontará as campioas, Soneira SD ó Ponteceso SD, e no que no “Irmandiños” saberase se as de Roland e “Oli” completarán a liga o completo invictas.


CRÓNICAS

Sporting Zas 2-2 UD Cerqueda

Ánxo Garrido, (adestrador do Zas):
“Partido moi parello durante os 90 minutos, con dous equipos coas mesmas armas ofensivas, o que facía que fose un xogo directo na busca da profundidade das atacantes.

As visitantes púñanse por diante no marcador cun penalti moi discutido, pero o Zas lograba empatar pouco despois, cando Lara enviaba á rede unha boa xogada individual de Nuria.

Na segunda parte, a mesma dinámica: as visitantes replegadas atrás buscando a contra, que lles permitiu poñerse de novo por diante. Pero este Zas actual non se deixa ir e volveu empatar o partido, desta vez por medio de Lucía tras rematar un córner sacado á perfección por Nerea.

No tramo final, o Zas baixou un chanzo a nivel físico e as visitantes atopáronse co pau e coas intervencións de Alvite, que evitaron que o resultado se volvese mover.”


Cabana SD 1-1 Soneira SD

José Manuel Vázquez, (adestrador do Cabana):
“Partidazo nas Redondas, con dous equipos que buscaron a vitoria desde o primeiro ata o último minuto, cunha grande intensidade, momentos de bo fútbol e entrega total de todas as participantes.

Adiantouse o Cabana por medio de Alejandra tras roubar un balón preto da área visitante e definir con tranquilidade. O partido era moi intenso e o balón rondaba ambas porterías. O Cabana apertaba e non deixaba facer o xogo habitual ao Soneira, que cando rompía a liña de presión chegaba con perigo.

Xa na segunda metade, o Soneira deu un paso adiante e buscou o gol, aínda que Irene, de falta, mandou o balón ao longueiro, o que puido darnos máis vantaxe.

Nunha perda en medio campo, María Villaverde aproveitou un balón posto por Tamara e resolveu perfectamente ante Miriam. Ata o final, idas e voltas con varios tiros que acabaron nos paus do Cabana, que o seguiu tentando ata o final, igual que o Soneira.”

Adrián “Oli”, (2º adestrador do Soneira):
“Mañá de domingo soleada en Cabana, onde recibimos o pasillo de campioas por parte do equipo local, que tiña que gañar para seguir na loita polo ascenso directo.

Comezaron o partido moi intensas as locais, dificultando coa súa presión que puidésemos realizar o noso xogo habitual. Aos 20 minutos chegou o seu gol, nun erro noso na saída de balón. Notouse bastante na primeira parte quen era o equipo que máis necesitaba os puntos en canto a intensidade; aínda así, as ocasións eran nosas, pero ningunha clara.

Xa na segunda metade, tomamos o control do partido, con bo xogo e xerando ocasións. Tivemos o empate nas botas de Ana, cun tiro ao longueiro.

Continuamos presionando a súa portería e chegaría o empate de Kenny, cunha boa definición dentro da área. A partir de aí tivémolas de todas as maneiras, pero Miriam e o longueiro (en dúas ocasións máis) impediron a nosa vitoria.”


SD Dubra 2-4 Outes FC

Dani Salgueiro, (adestrador do Outes):
“Partido de alta presión. A pesar de xogar a unha hora marabillosa, xa sabiamos os resultados das rivais directas, que puntuaran, polo que chegamos ao inicio cun pouco de presión de máis. Iso fixo que nos primeiros minutos estivésemos imprecisas e no minuto 5 o Dubra se puxese por diante tras unha boa xogada.

Pero dous minutos despois, cun tiro moi lonxano, Laura apareceu para calmar os ánimos e poñer o empate.

O tamaño do campo afectounos negativamente, pois era moi complicado combinar e había moitos choques. Así transcorreu a primeira metade, con algunha ocasión non moi clara para ambos lados.

Na segunda parte cambiou o partido, xa que o cansazo abría espazos. Aos dez minutos, Laura volvía anotar. Pero pouco despois empatábannos na única falta de marcaxe que tivemos.

Continuamos traballando moito, sobre todo no medio campo, e presionando a portería rival, con Marta Calvo esixindo ás centrais.

Foi no minuto 70 cando Carla e Marta combinan, superan a varias defensoras e Carla define no man a man.

O campo parecía inclinarse ao noso favor, pero custaba pechar o partido. Foi Erika, tras rematar un centro cruzado de Marta, quen nos deu a tranquilidade e os tres puntos.

Partidazo do Dubra, que demostra o intensa que é esta liga.

Agora queda unha FINAL, con todas as letras, na casa, para tentar rematar a tempada por todo o alto.”

.

Clasificación 

1º Soneira SD : 55
Outes FC : 48
EFCC Juan Cabrejo : 46
Cabana SD : 45
5º UD Corcubión : 37
6º Sporting Zas : 34
7º UD Cerqueda : 30
8º ED As Miúdas : 18
9º SD Dubra : 16
10º Ponteceso SD : 15
11º Xallas FC B : 10
12º SD A Baña : 5

.

3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”

22ª Xornada, (Derradeira)

Domingo 17/05/2026

Soneira SD  Ponteceso SD, 10/05 ás 12:30

SD A Baña  SD Dubra

ED As Miúdas – UD Corcubión

UD Cerqueda  EFCC Juan Cabrejo

Xallas FC “B”  Sporting Zas

Outes FC – Cabana SD, ás 17:30

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Foto Outes : Dani Salgueiro

-Foto Soneira : Adrián “Oli”

-Foto Cerqueda : Jorge Ardeira, (arquivo)

-Foto Zas : Prensa do clube

-Montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios con nome : os firmantes