3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”
17ª Xornada
Domingo 29/03/2026
UD Corcubión 3-5 Cabana SD
UD Cerqueda 1-5 Outes FC
EFCC Juan Cabrejo 8-0 Ponteceso SD
ED As Miúdas 4-0 SD A Baña
Xallas FC “B” 0-0 SD Dubra
Sporting Zas 0-4 Soneira SD
.
As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade, non poñemos os de uns si e outros non, a quen non che interese metelos é totalmente respetable.
CRÓNICA XERAL
Xornada marcada claramente polo forte nordestasso que azoutou os campos abertos da Costa da Morte o cadrante norte, condicionando moitos encontros e obrigando aos equipos a adaptarse a un fútbol máis directo, con balóns ás costas das defensas e fases moi diferentes segundo quen xogase co vento a favor.
A nivel clasificatorio, a gran curiosidade da xornada foi absoluta: non houbo ningún movemento na táboa respecto á semana anterior. A falta dunha xornada menos para o final, (faltan 5), todo continúa exactamente igual tanto na loita polo título como polos postos de promoción.
O líder, o Soneira SD, único equipo invicto da costa, deu outro golpe de autoridade vencendo con claridade en Zas, mantendo os cinco puntos de vantaxe sobre o EFCC Juan Cabrejo, que respondeu cun contundente 8-0 ante o Ponteceso SD. Tampouco fallou o Outes FC, que continúa terceiro en promoción, tras superar ao Cerqueda, mentres o Cabana SD levou tres puntos de moito mérito do Novo Cubaleiro nun partido cheo de goles ante o Corcubión.
Na zona media, As Miúdas sumaron unha vitoria ante o pechacancelas SD A Baña, mentres que Xallas FC B e SD Dubra repartiron puntos nun encontro moi igualado.
Con todo aberto e sen cambios na clasificación, a emoción queda reservada para o tramo final dunha liga tremendamente competida.
Para a liga e ven a Copa
A vindeira fin de semana e ca celebración da Semana Santa non haberá competición na liga doméstica pero sí que teremos xa este xoves 2 de abril, (Xoves Santo), a disputa a encontro único das semifinais da “VI Copa da Costa Feminina”, na que o Corme da 2ª Galega, recibe ao Xallas da 1ª Galega, e o Cee recibe ao Muxía, ambos da 2ª Galega. Os encontros están designados para ás 17:00 horas o ser festivo para moita xente.
CRÓNICAS
UD Corcubión 3-5 Cabana SD
Partido condicionado polo vento no Cubaleiro, nun duelo aberto e con alternativas no que o Cabana soubo reaccionar tras verse por detrás e acabou impondo a súa maior pegada ofensiva.
As visitantes avisaron primeiro cun balón de Nerea ao longueiro, pero serían as locais quen golpearían primeiro. O Cabana reaccionou rápido, remontando antes do descanso e ampliando diferenzas tras a reanudación. O Corcubión tentou volver ao partido cun penalti convertido por Andrea, pero dous novos goles cabaneses sentenciaron o choque antes do definitivo tanto final das locais.
Goles:
1-0, Alexandra Lojo (20´)
1-1, Nerea (40´)
1-2, María Souto (43´)
1-3, Silvia (46´)
2-3, Andrea, de penalti (55´)
2-4, Aroa (61´)
2-5, Irene (65´)
3-5, Alexandra (85´)
José Manuel Vázquez (adestrador do Cabana SD):
“Como case sempre no Cubaleiro o vento deixouse sentir e os equipos tiveron que adaptarse. O primeiro en achegarse á portería foi o Cabana, que por medio de Nerea estrelaba o balón no longueiro. Achegábanse máis as visitantes, pero nun despexe de Miriam caeu nas botas de Alexandra e adiantaba ás locais. Tiveron aí uns minutos de dúbida as cabanesas, pero repuxéronse e volveron tomar a iniciativa e Nerea empataba tras unha boa xogada. Sen tempo a repoñerse, María Souto poñía o 1-2 e así se chegaba ao descanso.
Ao pouco da reanudación Silvia poñía o terceiro do Cabana, pero reaccionaba o Corcubión que recurtaba de penalti lanzado por Andrea. Colleron folgos as locais, pero Aroa nun córner poñía o cuarto do Cabana e Irene o quinto nunha contra. Xa preto do final Alexandra poñía o 3-5 definitivo.”
O Outes sigue en posto de promoción.
UD Cerqueda 1-5 Outes FC
Triunfo traballado do Outes nun campo sempre complicado, resolto tras unha primeira metade igualada e unha segunda parte na que as visitantes atoparon espazos para sentenciar.
O penalti transformado por Fátima abriu un encontro no que o Cerqueda competiu con intensidade pese ás baixas. Tras o descanso chegou o despegue definitivo do Outes, que ampliou diferenzas e pechou o partido con eficacia ofensiva.
Goles:
0-1, Fátima, de penalti (27´)
0-2, Laura (51´)
1-2, Érika (66´)
1-3, Carla (71´)
1-4, Carmen (74´)
1-5, Marta (78´)
Dani Salgueiro (adestrador do Outes FC):
“Saída importante e que non se presentaba fácil, pois as xogadoras cerquedáns nunca regalan un punto. E así foi a primeira metade, onde estabamos imprecisas no pase; iso e máis a porteira local, que saía moito a cortar os nosos ataques, non conseguiamos estar cómodas. Á media hora, nun ataque que lograbamos combinar ben, facían penalti sobre Laura que Fátima se encargaba de estrear o marcador cun moi bo golpeo. Aí empezaron a aparecer os ocos e con eles o xogo que nos gusta máis.
Na segunda parte cambiou máis o guión cando Laura anotaba o segundo. As locais apertaron máis con xogo directo, que aproveitamos para facer máis dano ás súas costas. Nun despiste da defensa, dos poucos que houbo, achegáronse no marcador; pero momentáneo, pois aos poucos minutos Carla anotaba e pechaban o partido Carmen e Marta para levar 3 puntos moi importantes que valen ouro nesta liga na que temos tantos equipos apertadísimos.
Queriamos dedicarlle a vitoria á nosa compañeira Natividad, que está pendente de probas médicas por unha lesión de xeonllo da semana anterior. Vai por ti, Nati.”
Incidencias: Moitas baixas en ambos equipos. O Cerqueda contou con 13 xogadoras e o Outes con 14.
EFCC Juan Cabrejo 8-0 Ponteceso SD
Exhibición ofensiva da Escola de Fútbol “Juan Cabrejo”, de Camariñas, que deixou o partido practicamente resolto na primeira media hora e confirmou o seu gran momento goleador para seguir presionando ao líder.
Goles:
1-0, Yara (2´)
2-0, Paula Mouzo (11´)
3-0, Yara (15´)
4-0, María García (30´)
5-0, Yara (50´)
6-0, Yara (51´)
7-0, Paula Mouzo (53´)
8-0, Ana Pérez (75´)
ED As Miúdas 4-0 SD A Baña
Vitoria clara das locais nun encontro que deixaron moi encamiñado antes do descanso cunha María González especialmente inspirada de cara a portería.
Goles:
1-0, María González (11´)
2-0, Sofía (20´)
3-0, María González (40´)
4-0, María González (41´)
Xallas FC “B” 0-0 SD Dubra
Empate sen goles nun partido moi equilibrado, cun tempo para cada equipo. O Xallas B dominou a primeira metade, mentres que o Dubra levou o peso do encontro tras o descanso. O choque puido caer para calquera das dúas bandas.
Once do Sporting Zas no San Andrés.
Sporting Zas 0-4 Soneira SD
O líder confirmou o seu gran momento cun triunfo sólido nun partido controlado de principio a fin ante un Sporting Zas que nunca deixou de competir.
Goles:
0-1, Kelly (8´)
0-2, Tamara (21´)
0-3, Kenny (33´)
0-4, Tamara (64´)
Ánxo Garrido (adestrador do Sporting Zas):
“Partido dominado de principio a fin polo Soneira, sendo efectivas cara a gol. Quixemos plantexar un partido longo e lento, pero abriron o marcador rápido e deulles máis confianza para facer o seu fútbol, que sen dúbida é do mellor da categoría.
Na segunda parte intentamos facer algo de perigo en ataque, pero coas dúas últimas incorporacións que fixeron para a zona defensiva dalles moita solvencia e seguridade nunha zona que antes podía ser algo máis débil. Vitoria xusta cun bo partido, e só destacar a loita do noso equipo defensivamente sen baixar os brazos nin deixar de competir en ningún momento.”
Adrián “Oli” (adestrador do Soneira SD):
“Partido disputado na tarde do domingo en Zas, día soleado pero con frío. Comezabamos con vento a favor e o primeiro gol chegaría rápido, obra de Kelly nunha boa xogada individual. Moviamos rápido o balón, xogando un moi bo fútbol, xerando ocasións e roubando rápido tras perda, ante un rival que nos esperaba atrás e buscaba a súa dianteira con balóns longos que a nosa defensa interceptaba. O segundo sería de Tamara, de falta directa, e pouco máis tarde chegaría o terceiro, de Kenny.
Ao volver de vestiarios elas subiron liñas para intentar aproveitar o vento, pero estivemos serias e non crearon perigo en ningún momento. Tivemos algunha ocasión para ampliar o resultado e no minuto 65 sería Tamara quen fixese o 0-4 definitivo. Partidazo de todo o equipo, tanto en ataque como en defensa, deixando ao rival sen gozar de ningunha ocasión seria.”
O Soneira segue invicto tras 17 xornadas.
.
Clasificación
1º Soneira SD : 45
2º EFCC Juan Cabrejo : 40
3º Outes CF : 36
4º Cabana SD : 35
5º UD Corcubión : 31
6º Sporting Zas : 27
7º UD Cerqueda : 22
8º ED As Miúdas : 18
9º Ponteceso SD : 14
10º SD Dubra : 13
11º Xallas FC B : 6
12º SD A Baña : 4
.
.
3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”
17ª Xornada
Domingo 29/03/2026
UD Corcubión 3-5 Cabana SD
UD Cerqueda 1-5 Outes FC
EFCC Juan Cabrejo 8-0 Ponteceso SD
ED As Miúdas 4-0 SD A Baña
Xallas FC “B” 0-0 SD Dubra
Sporting Zas 0-4 Soneira SD
Clasificación : PREME AQUÍ
.
-Fotos Sp Zas : Prensa do clube
-Foto Outes : Dani Salgueiro
-Foto Soneira : Adrián “Oli”
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Comentarios : Os adestradores firmenates
