3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”, (16ª Xda) : “O SONEIRA ABRE FENDA NO MÁIS ALTO NAMENTRAS QUE OUTES, CABANA E CORCUBIÓN POÑEN PRESIÓN Ó EF JUAN CABREJO”.

3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”

16ª Xornada

Domingo 22/03/2026

SD Dubra 2-4 UD Corcubión

Cabana SD 2-1 EFCC Juan Cabrejo

Ponteceso SD 0-3 Sporting Zas

Soneira SD 4-1 UD Cerqueda

Outes FC 3-1 ED As Miúdas

SD A Baña 1-0 Xallas FC “B”

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade, non poñemos os de uns si e outros non, a quen non che interese metelos é totalmente respetable.

CRÓNICA XERAL

A 16ª xornada da 3ª Galega Feminina G3 “A Costa” deixou movementos importantes na zona media da táboa e confirmou o paso firme do líder, o Soneira SD, que amplía a súa vantaxe na cabeza tras unha nova vitoria convincente. A loita polo podio segue moi viva, mentres que pola parte baixa chegou unha das grandes noticias da tempada co primeiro triunfo do SD A Baña.

O Soneira SD continúa intratable e suma xa 42 puntos tras superar con claridade ao UD Cerqueda nun encontro dominado polas vimiancesas, que souberon reaccionar ao gol inicial visitante. O empate do EFCC Juan Cabrejo converteuse nunha oportunidade que non desaproveitou o Cabana SD, que venceu nun partido condicionado polo vento e as baixas e achégase á zona alta.

O Outes FC consolídase na terceira praza tras impoñerse no derbi ante ED As Miúdas, nun duelo que mudou tras o descanso grazas ao maior control local. Tamén deu un paso adiante o UD Corcubión, que malia acudir con só once xogadoras conseguiu un valioso triunfo no campo do SD Dubra.

O Sporting Zas continúa coa súa boa dinámica tras vencer con solvencia ao Ponteceso SD, mentres que o SD A Baña celebrou por fin o seu primeiro triunfo ligueiro ao superar ao Xallas FC B nun duelo da zona más profunda.

A clasificación queda encabezada polo Soneira SD con cinco puntos de vantaxe sobre o Juan Cabrejo, mentres Outes, Cabana e Corcubión apertan a pelexa polos postos nobres nun tramo final de liga que promete emoción.


Crónicas individuais


SD Dubra 2-4 UD Corcubión

Gran exercicio de resistencia do UD Corcubión, que se presentou en A Tilleira coas once xogadoras xustas e acabou levando tres puntos de enorme mérito ante un Dubra competitivo ata o final.

O partido foi aberto desde o inicio, con alternativas no marcador. Antía adiantaba ás visitantes, pero Carme respondía axiña para igualar o choque. Un gol en propia porta devolvía a vantaxe ao Corcubión antes do descanso, que ampliaría Sandra pouco despois. Na segunda metade o Dubra recurtou distancias e mantivo a incerteza ata que Andrea sentenciou nos minutos finais.

Incidencias: O Corcubión chegou a A Tilleira, no val do Dubra, coas once xogadoras xustas.

Goles: 0-1, Antía (11’); 1-1, Carme (17’); 1-2, Clara (31’, p.p.); 1-3, Sandra (43’); 2-3, Carme (71’); 2-4, Andrea (85’).


Cabana SD nas Redondas.

Cabana SD 2-1 EFCC Juan Cabrejo

Partido condicionado polas numerosas baixas e polo forte vento, que acabou sendo determinante nun encontro moi traballado polo Cabana SD ante un dos equipos da zona alta.

José Manuel Vázquez (adestrador do Cabana):
“Partido marcado polas ausencias nos dous equipos, con improvisadas porteiras que, pese a todo, cumpriron nas dúas porterías. Tanto Aroa no bando cabanés como Maira e María polas camariñás solventaron a papeleta. O vento marcou o desenvolvemento do partido, sobre todo no balón parado. No primeiro tempo, co vento a favor, as locais aguantaron ben as acometidas visitantes e merodearon a porta do Juan Cabrejo, aínda que nun balón longo Yara rematou ben pero Aroa fixo unha gran parada. Cunha serie de córners con moito perigo a favor das visitantes acabou o primeiro tempo.

Xa no segundo o Cabana saíu con ganas de aproveitar o factor vento e era Nerea quen marcaba de córner directo. Foron bos minutos das locais, que poñían o 2-0 cun golazo de Nerea. Foron arriba con todo as camariñás e puxeron en apretos a portería local ata que nunha xogada embarullada, a falta de catro minutos, Laura acurtaba distancias. Ata o final seguiu intentándoo o Juan Cabrejo, pero o Cabana cerrou filas e acadou os tres puntos”.

Goles: 1-0, Nerea (52’); 2-0, Nerea (73’); 2-1, Laura Pose (86’).


Ponteceso SD 0-3 Sporting Zas

O Sporting Zas levou os tres puntos dun campo complicado tras un encontro que foi de menos a máis para as visitantes.

Ánxo Garrido (adestrador do Sporting Zas):
“Primeira parte onde entramos algo relaxadas ao partido, o que fixo que as locais nos primeiros 10-15 minutos nos fixeran moi boa presión, aínda que o gol chegaría cedo pola nosa parte cun disparo de Nerea. A partir de aí xa empezamos a xerar ocasións co vento a favor tanto por banda como en balón parado, pero non tiñamos acerto cara á portería.

Na segunda parte si que conseguimos non sufrir defensivamente, xa que as locais non chegaron á portería con perigo, e nós seguimos facendo dano. Así chegaría o 0-2 de Andrea á saída dun córner e o definitivo 0-3 faríao novamente Nerea nunha xogada desafortunada das locais, que querendo despexar un balón na área golpeou na cara a outra das centrais e quedaría o balón na área pequena para que Nerea pechara o marcador”.

Incidencias: A colexiada Xiana Barbeira expulsou con vermello directo no minuto 87 ao delegado pontecesán Pablo Nogueira.

Goles: 0-1, Nerea (6’); 0-2, Andrea (65’); 0-3, Nerea (86’).


Soneira SD 4-1 UD Cerqueda

O líder continúa sen freo tras superar con claridade ao Cerqueda nun encontro dominado polas locais pese ao gol inicial visitante.

Adrián “Oli” (adestrador do Soneira):
“Recibiamos ao Cerqueda na mañá do domingo. Comezabamos o partido e xa ao pouco recibiamos gol nun córner mal defendido pola nosa parte. Tivemos varias ocasións claras para empatar, con balóns ás costas da defensa adiantada que propoñían. Chegaría no minuto 20 o empate, nun man a man de Kelly. Pouco despois remataba Leila unha falta lateral e poñía o 2-1.

Seguiamos xerando ocasións claras, que fallabamos ou detiña a porteira visitante, e pouco antes de ir ao descanso Kenny faría o 3-1. Ao volver de vestiarios elas baixaron liñas, coa defensa máis cerca da súa área e sen arriscar tanto.

Con vento a favor seguimos xerando moitas ocasións que non conseguiamos materializar. O 4-1 chegaría nos minutos finais, onde Kenny marcaría unha bonita vaselina. Partido dominado totalmente pola nosa parte, onde concedemos un gol nun erro noso e que puido ser moito máis abultado”.

Incidencias: O Cerqueda chegou ao Irmandiño de Vimianzo con só 12 xogadoras.

Goles: 0-1, Carla (2’); 1-1, Kelly (20’); 2-1, Leila; 3-1, Kenny (37’); 4-1, Kenny (85’).


Outes FC sobre o Conchido.

Outes FC 3-1 ED As Miúdas

O derbi do Conchido resolveu a favor dun Outes que foi medrando co paso dos minutos ata dominar claramente a segunda metade.

Dani Salgueiro (adestrador do Outes):
“Derbi no Conchido, o cal empezaba condicionado polas baixas dos dous equipos. Empezaba o partido cunha presión forte das Miúdas, que nos impediu ter o control do balón como quixeramos. Estabamos fallonas en pases sinxelos e iso poñíanos máis nerviosas. Por momentos elas apertáronnos moito arriba e custounos saír, e dun saque de esquina que se envelenou fixéronnos o primeiro.

Non cambiaba para nós o guión; sabiamos como queriamos xogar e sabiamos que o conseguiríamos antes ou despois. Foi así como aos 30 minutos Erika remataba un bo pase e empataba antes do descanso.

Na segunda parte gañamos en tranquilidade e control do balón. Foi así que na segunda metade non sufrimos ocasións en contra e Gema, tras un penalti a Iria, marcaba o seu segundo gol consecutivo tras volver de lesión. Seguiamos facendo moito dano con Candela e Iria e nunha destas últimas contra a porteira visitante, unha defensa querendo quitar o balón acaba empuxándoo dentro. Aproveitamos o resto para que as tres xogadoras que volvían tras lesións foran collendo minutos”.

Incidencias: As Miúdas chegaron ao Conchido con tan só un troco no banco.

Goles: 0-1, María González (14’); 1-1, Erika (32’); 2-1, Gema (54’, p.); 3-1, Clara (56’, p.p.).


SD A Baña 1-0 Xallas FC “B”

Chegou por fin a alegría para o SD A Baña, que conseguiu o seu primeiro triunfo da tempada nun duelo moi igualado ante o Xallas FC “B”.

Partido de máxima intensidade, vivido case como un derbi pola proximidade xeográfica, no que as locais apostaron pola continuidade do once inicial, realizando só un cambio dos cinco dispoñibles, mostra da importancia dos puntos en xogo. Un gol de Alba Vieito mediada a segunda metade decidiu un encontro moi disputado.

Goles: 1-0, Alba Vieito (67’).


Clasificación 

1º Soneira SD : 42
2º EFCC Juan Cabrejo : 37
3º Outes CF : 33
4º Cabana SD : 32
5º UD Corcubión : 31
6º Sporting Zas : 27
7º UD Cerqueda : 22
8º ED As Miúdas : 15
9º Ponteceso SD : 14
10º SD Dubra : 12
11º Xallas FC B : 5
12º SD A Baña : 4

3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”

17ª Xornada

Domingo 29/03/2026

UD Corcubión  Cabana SD

UD Cerqueda  Outes FC

EFCC Juan Cabrejo – Ponteceso SD, ás 12:15

ED As Miúdas  SD A Baña, ás 12:30

Xallas FC “B”  SD Dubra, ás 16:00

Sporting Zas  Soneira SD, ás 17:00

(Os horarios están expostos a troco, os firmes poñerémolos na (AXENDA PIRATA”)

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Foto Soneira : Adrián “Oli”

-Foto Outes : Dani Salgueiro

-Foto Cabana : José M. Vázquez

-Foto SP Zas : Prensa Sporting Zas

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios : propios dos adestradores sen censuras.