3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”
15ª Xornada
Domingo 08/03/2026
Xallas FC “B” – UD Corcubión, 15/03 ás 18:30
EFCC Juan Cabrejo 5-0 SD Dubra
Sporting Zas 2-1 Cabana SD
UD Cerqueda 4-0 Ponteceso SD
ED As Miúdas 3-5 Soneira SD
A Baña 1-7 Outes FC
As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.
CRÓNICA XERAL
O liderado segue firme e o ascenso comeza a coller forma
A 15ª xornada da 3ª Galega Feminina G3 “A Costa” deixou un panorama cada vez máis definido na zona alta da clasificación cando restan tan só seis xornadas para o final do campionato. A loita polo ascenso directo comeza a encarrilarse para os dous grandes dominadores do curso Soneira e EF Juan Cabrejo, mentres que a batalla pola terceira praza (que dá acceso á promoción), que está en poder do Outes, preséntase aberta e moi igualada.
O Soneira SD continúa líder invicto tras superar un complicado desprazamento ante o ED As Miúdas, mantendo unha vantaxe importante na cabeza. As vimiancesas suman xa 39 puntos e seguen sen coñecer a derrota, consolidándose como o equipo máis regular da competición.
Pola súa banda, o EFCC Juan Cabrejo respondeu con autoridade goleando ao SD Dubra e mantense a só dous puntos do liderado, deixando moi encarrilada tamén a súa candidatura ao ascenso directo. Ambos conxuntos son, a día de hoxe, os que teñen mellor situado o salto de categoría.
Por detrás, o Outes FC, sempre pendente dos erros dos de arriba e mirando aos de abaixo, deu un golpe firme goleando na Baña e ascende á terceira posición, aproveitando a derrota do Cabana SD en Zas. Precisamente esa praza de promoción é agora a máis disputada, con varios equipos separados por poucos puntos e cun treito final de liga que promete emoción ata o derradeiro día.
Na zona baixa non hai presión clasificatoria, xa que non existen descensos nesta categoría, polo que os equipos afrontan o tramo final buscando crecer competitivamente e mellorar sensacións.
Encontro adiado
O encontro entre Xallas FC “B” e UD Corcubión queda pendente e disputarase o 15 de marzo ás 18:30 horas, coincidindo cunha fin de semana sen xornada ligueira.
Copa da Costa
Ademais, o próximo día 19, “Día do pai”, xogaranse os Cuartos de Final da V Copa da Costa, competición da que vos ofrecemos toda a información ao final do artigo.
CRÓNICAS
Xallas FC “B”- UD Corcubión (aprazado)
A competición ligueira fai parón esta fin de semana, pero aproveitarase para recuperar este encontro correspondente á xornada 15. O partido disputarase o 15 de marzo ás 18:30 horas, nun duelo importante especialmente para un Corcubión que busca manterse na pelexa polos postos altos da clasificación.
EFCC Juan Cabrejo 5-0 SD Dubra
Partido sen demasiada historia no Vicente Carril, onde o conxunto local impuxo o seu ritmo desde o inicio ante un Dubra que chegou ao encontro con só 13 xogadoras dispoñibles.
O Juan Cabrejo mostrou a súa pegada ofensiva e deixou o choque practicamente resolto antes do descanso, dominando tanto o xogo como as ocasións.
Goles:
1-0, Yara (12´)
2-0, Maira (25´)
3-0, Yara (30´)
4-0, Brenda (44´)
5-0, Maira (77´)
Sporting Zas 2-1 Cabana SD
Triunfo traballado do Sporting Zas nun duelo moi igualado ante un rival directo, decidido pola intensidade e pola eficacia nos momentos clave.
Ánxo Garrido (adestrador do Zas):
“Partido entre dous equipos moi parecidos, con moita intensidade e ataques rápidos. Pola nosa parte sempre foi complicado xogar contra o Cabana, así que decidimos intentar sorprender tácticamente arriscando máis, algo que nos fixo sufrir nos primeiros 20 minutos, onde elas nos facían dano ás costas e nunha desas accións abriron o marcador. Iso non nos fixo baixar os brazos e non tardamos en empatar á saída dun córner para chegar así ao descanso.
Na segunda parte volvemos ao sistema habitual e cos cambios fomos máis profundas, tendo dominio de balón e ocasións, aínda que a porteira rival demostrou a súa calidade con grandes intervencións. No minuto 60 Nuria aproveitou unha boa xogada por banda para marcar. A partir de aí rompeuse o partido, con ocasións para ambos lados e un gol anulado ao Cabana por un fóra de xogo moi xusto.
Como dato curioso, Inés viña pasar a fin de semana do seu Erasmus en Polonia, xogou como titular e marcha con tres puntos e un esguince de nocello.”
José Manuel Vázquez (adestrador do Cabana):
“Vitoria do Sporting Zas ante un Cabana que en ningún momento estivo cómodo no campo e non foi capaz de impoñerse pese a adiantarse no marcador por medio de Adriana. Empatou pronto o Zas nun córner moi mal defendido polas xogadoras cabanesas. Aínda que as visitantes levaban máis o peso do xogo, non crearon demasiado perigo.
Xa no segundo tempo adiantábase o equipo local e tiña os seus mellores minutos con varias ocasións que non conseguiu concretar. O Cabana acadaba un gol que foi anulado por fóra de xogo e, a falta de dez minutos, Mireia era expulsada por dobre amarela deixando o equipo con dez xogadoras. Tentamos chegar ao empate, pero as locais mostráronse firmes e quedaron cos tres puntos merecidamente.”
Goles:
0-1, Adriana (11´)
1-1, Nuria (17´)
2-1, Nuria (63´)
Incidencias: Inés Vilariño saeu lesionada no minuto 46, (o noso desexo dunha pronta e satisfactoria recuperación). Myrella Ventura viu o segundo cartón amarelo no 83’.
UD Cerqueda 4-0 Ponteceso SD
Gran actuación do Cerqueda no Xaviña, nun encontro marcado pola eficacia ofensiva local. O equipo cerquedense afrontou o partido con só dúas xogadoras no banco, pero respondeu cun encontro moi serio.
O primeiro tanto foi ademais o máis destacado do choque, cun espectacular gol olímpico de Antía.
Goles:
1-0, Antía (5´)
2-0, Inés (67´)
3-0, Valeria (71´)
4-0, Valeria (88´)
Soneira SD
ED As Miúdas 3-5 Soneira SD
O líder tivo que traballar máis do esperado nun campo sempre complicado, pero acabou levando tres puntos que reforzan o seu liderado invicto.
Adrián “Oli” (adestrador do Soneira):
“Viaxabamos na mañá do domingo a Muros para enfrontarnos a un equipo que xa en Vimianzo nos puxera as cousas difíciles, un equipo novo, serio e ordenado, coas ideas claras.
Comezamos o partido con moitas imprecisións, sobre todo na saída de balón, o que fixo que elas tiveran algunha ocasión, aínda que ningunha clara. Co paso dos minutos fomos mellorando e chegaron os goles de Kenny para ir 0-3 ao descanso.
Na segunda parte o partido seguiu unha tónica semellante, algo tosco e con pouco fútbol, aínda que con bastantes goles. A nosa capitá Aniña fixo o cuarto de penalti e elas recurtaron distancias nunha falta directa e tamén desde os once metros. Kenny marcou o seu cuarto gol e pouco despois anotaron elas nun balón longo ás costas da defensa.
Vitoria contra un equipo difícil no seu campo que nos permite seguir líderes.”
Goles:
0-1, Kenny (26´)
0-2, Kenny (32´)
0-3, Kenny (45´)
0-4, Ana Mouzo (60´, p.)
1-4, Sofía (63´)
2-4, Sofía (66´, p.)
2-5, Kenny (70´)
3-5, María González (73´)
Outes FC
A Baña 1-7 Outes FC
Exhibición ofensiva do Outes nun encontro que comezou máis igualado do que indica o marcador final. Tras un inicio dubitativo, as visitantes foron superiores co paso dos minutos.
Dani Salgueiros (adestrador do Outes):
“Os primeiros 20 minutos custounos moito entrar no partido, non eramos capaces de crear fútbol como queriamos. Aínda así puxémonos por diante cun gol de Laura que empatou A Baña na seguinte xogada aproveitando un erro noso.
Seguíamos espesas atrás pero mellorabamos en ataque, creando varias ocasións que sacaba a porteira ou os paus ata que Carmen pelexou moi ben un balón profundo e marcou o segundo. Iso deunos tranquilidade e chegou o terceiro antes do descanso.
Na segunda parte fomos moi superiores, tanto no control do partido como de cara ao gol, algo que nos serve para coller boas sensacións e seguir mellorando.”
Goles:
0-1, Laura (7´)
1-1, Raquel (8´)
1-2, Carmen (29´)
1-3, Laura (40´)
1-4, Carla (57´)
1-5, Laura (59´)
1-6, Gema (76´)
1-7, Laura (79´)
Incidencias: Laura Lires foi expulsada con vermello directo no minuto 89.
Clasificación
1º Soneira SD : 39
2º EFCC Juan Cabrejo : 37
3º Outes CF : 30
4º Cabana SD : 29
5º UD Corcubión : 25
6º Sporting Zas : 24
7º UD Cerqueda : 22
8º ED As Miúdas : 15
9º Ponteceso SD : 14
10º SD Dubra : 12
11º Xallas FC B : 5
12º SD A Baña : 1
3ª GALEGA FEMININA G3 “A COSTA”
15ª Xornada
Domingo 08/03/2026
Xallas FC “B” – UD Corcubión, 15/03 ás 18:30
16ª Xornada
Domingo 22/03/2026
SD Dubra – UD Corcubión
Cabana SD – EFCC Juan Cabrejo
Ponteceso SD – Sporting Zas
Soneira SD – UD Cerqueda
Outes FC – ED As Miúdas
SD A Baña – Xallas FC “B”
Clasificación : PREME AQUÍ
.
V COPA DA COSTA FEMININA
Cuartos
( encontro único)
Xoves 19/03/2026
Cabana SD – CF Corme
CF Dumbría – Xallas FC
UD Corcubión – UC Cee
CF Muxía – SCDR Esteirana
.
-Fotos Sporting Zas : Prensa do clube
-Foto Outes : Dani Salgueiro
-Foto Soneira : Adrián “Oli”
-Comentarios : Os firmantes
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

