3ª DA COSTA
Xornada 7
Domingo 01/11/2026
Club Deportivo Razo 2-0 Inter de Brens
CD Muros 2-1 UD Monte Louro
UD Cerqueda 3-4 SD Buño
SD Camelle 4-0 Volantes de Baño FC
CF Lira 1-2 Sporting Seaia CF
CD Baiñas 2-0 CD Nantón
SD Laxe 1-1 Bergantiños FC “B”
Sporting Zas 2-3 CF Mazaricos
Clasificación :PREME AQUÍ
–
AVISO : Só poñemos comentarios e fotos dos que nos mandan as suas. Todo aquel, adestrador, diretivo, xogador, etc….que nos queira mandar, comentarios dos encontros, fotos, vídeos, etc, serán ben recibidos, o que facemos e non pedir polo tema de que uns queren e outros non. O que queira ten as portas abertas no whatsapp : 626 72 00 47.
CRÓNICAS
A oitava xornada da 3ª da Costa deixou emoción, goles e varios encontros de moita intensidade, con 28 tantos nos oito partidos disputados, o que supón unha media de 3,5 goles por encontro. Unha xornada na que houbo derbis, remontadas, expulsións e resultados importantes na loita polas primeiras posicións.
Na cabeza da clasificación, o Bergantiños FC “B” continúa firme no liderado, malia non pasar do empate no campo do SD Laxe, segundo clasificado. Os laxenses tampouco conseguiron aproveitar o factor campo para recortar distancias, nun encontro moi disputado que rematou con reparto de puntos.
O gran beneficiado da xornada foi o CF Mazaricos, que se impuxo no campo do Sporting Zas e aproveitou os tropezos dos seus rivais directos para situarse na terceira posición, a un só punto do segundo posto e a seis do liderado. Tamén foi unha xornada positiva para o SD Buño, (en foto de portada), que se levou o derbi ante o UD Cerqueda nun auténtico festival goleador, e para o CD Muros, que se impuxo no derbi muradán ante o Monte Louro.
Entre os resultados máis destacados tamén están a goleada do SD Camelle ante o Volantes de Baño, a importante vitoria do Sporting Seaia no campo do CF Lira e os tres puntos do CD Baiñas diante dun CD Nantón que, malia volver perder, conseguiu frear a sangría de goles recibidos na pasada xornada.
Club Deportivo Razo 2-0 Inter de Brens
O Club Deportivo Razo conseguiu unha importante vitoria ante o Inter de Brens nun encontro que estivo marcado polas expulsións e no que os locais souberon aproveitar as súas oportunidades para deixar os tres puntos na casa.
Daniel Varela abriu o marcador no minuto 22, poñendo por diante aos de Razo. O encontro complicouse para ambos os equipos na segunda metade, xa que os locais quedaron cun home menos no minuto 55, cando o seu porteiro Diego Castiñeiras viu o cartón vermello directo.
A inferioridade numérica igualouse no minuto 71, cando Miguel Papín viu o segundo cartón amarelo e deixou tamén ao Inter de Brens con dez xogadores. Xa no minuto 81, César Rodríguez transformou un penalti para establecer o definitivo 2-0.
Un triunfo que permite ao Razo sumar seis puntos e abandonar a última posición, mentres que o Inter continúa con tres.
Goles:1-0, Daniel Varela (22’); 2-0, César Rodríguez (81’, de penalti).
CD Muros 2-1 UD Monte Louro
O CD Muros levou o derbi de rivalidade muradá ante o UD Monte Louro nun encontro moi disputado, no que os locais tiveron que afrontar boa parte da segunda metade en inferioridade numérica.
Alejandro adiantou ao Muros no minuto 40, permitindo aos locais marchar ao descanso cunha mínima vantaxe. Na segunda metade, o encontro complicouse para os muradáns cando Jesús Fernández viu o segundo cartón amarelo no minuto 62.
O Monte Louro aproveitou a superioridade numérica para buscar a igualada e atopouna no minuto 77 por medio de Caamaño. Pero cando parecía que os visitantes podían levar algo positivo, apareceu Daniel Fernández no minuto 85 para marcar o tanto definitivo e darlle os tres puntos ao Muros.
Un triunfo de moito valor para os locais, que se sitúan con 14 puntos, mentres que o Monte Louro queda con 16 e perde unha boa oportunidade de achegarse ao liderado.
Goles:1-0, Alejandro (40’); 1-1, Caamaño (77’); 2-1, Daniel Fernández (85’).
O Buño no Xaviña antes do encontro.
UD Cerqueda 3-4 SD Buño
O derbi de proximidade entre o UD Cerqueda e o SD Buño deixou un dos partidos máis espectaculares da xornada, con sete goles, alternativas no marcador e moita emoción ata o final. O Buño acabou levando os tres puntos nun encontro no que estivo mellor co balón e na creación de ocasións, mentres que o Cerqueda mostrouse máis efectivo e xerou perigo especialmente a balón parado.
Salah foi o gran protagonista do encontro. O dianteiro visitante abriu o marcador no minuto 20 e, despois do empate dos locais cun tanto en propia porta de Naya no 22’, volveu marcar no 32’ para adiantar novamente ao Buño.
Na segunda metade, Darío igualou para o Cerqueda no minuto 50, pero Salah volveu aparecer para facer o terceiro dos visitantes no 59’ e completar o seu cuarto tanto no 69’. Os locais non baixaron os brazos e Pedro Gundín recortou distancias no 73’, deixando un emocionante tramo final, aínda que o marcador xa non se movería.
O encontro tamén tivo a súa polémica, xa que os oleiros protestaron unha posible man clara na acción do segundo tanto do Cerqueda. Ademais, no minuto 62 foi expulsado por dobre cartón amarelo o adestrador visitante, David Baña.
O gran protagonista individual foi Salah, que co seu póker de goles alcanza os 11 tantos en cinco encontros e sobe á terceira posición da táboa de goleadores, a tres de Óliver, do CF Lira, e a cinco de Pablo Pose, do Bergantiños “B”, máximo realizador da competición.
Goles:0-1, Salah (20’); 1-1, Naya (22’, en propia porta); 1-2, Salah (32’); 2-2, Darío (50’); 2-3, Salah (59’); 2-4, Salah (69’); 3-4, Pedro Gundín (73’).
O Camelle celebrando a vitoria.
SD Camelle 4-0 Volantes de Baño FC
O SD Camelle conseguiu unha contundente vitoria ante o Volantes de Baño FC, nun encontro que tivo unha primeira metade máis igualada, pero no que os locais acabaron impoñendo a súa superioridade tras o descanso.
O Volantes, que por segundo encontro consecutivo volveu presentarse con once xogadores xustos, conseguiu aguantar as acometidas locais durante boa parte da primeira metade. Os de Baño non coseguiron crear perigo e pola contra o Camelle dispuxo de varias ocasións no primeiro periodo pero topáronse co porteiro muradán ou ca falla de puntería. Miguelito abriu o marcador no minuto 33, cun tanto que permitiu ao Camelle chegar ao descanso con vantaxe.
Na segunda metade, o conxunto camellán pasou por enriba do seu rival. Mosteiro volveu marcar no minuto 63 para asinar o seu dobrete, Lucas «Panadeiro» ampliou a diferenza no 75’ e Gabi pechou a goleada no minuto 91.
Tres puntos importantes para o Camelle, que alcanza os 13 puntos e continúa escalando posicións na clasificación. O Volantes, pola súa banda, segue con tres puntos na zona baixa da táboa.
Goles:1-0, Miguelito (33’); 2-0, Miguelito (63’); 3-0, Lucas «Panadeiro» (75’); 4-0, Gabi (91’).
CF Lira 1-2 Sporting Seaia CF
O Sporting Seaia CF conseguiu unha importante vitoria no campo do CF Lira, nun encontro que se decidiu no tempo engadido e no que Alex Mato foi o gran protagonista dos visitantes.
Óliver adiantou aos locais no minuto 15, (co seu 14º gol da tempaa), poñendo por diante ao Lira e permitindo aos seus chegar ao descanso cunha mínima vantaxe. O Sporting Seaia non se rendeu e buscou a igualada durante a segunda metade, que acabou chegando no minuto 64 por medio de Alex Mato.
Cando o encontro parecía encamiñado ao reparto de puntos, o mesmo Alex Mato apareceu no minuto 92 para marcar o tanto da vitoria visitante e completar así o seu dobrete.
Un triunfo de moito valor para o Seaia, que alcanza os 15 puntos e se mantén na loita polas primeiras posicións. O Lira, pola súa banda, queda con nove puntos.
Goles:1-0, Óliver (15’); 1-1, Alex Mato (64’); 1-2, Alex Mato (92’).
CD Baiñas 2-0 CD Nantón
O CD Baiñas sumou tres puntos ante o CD Nantón nun encontro que deixou practicamente encamiñado na primeira metade e que acabou resolvendo cun gol máis tras a reanudación.
Os locais comezaron con forza e Kevin abriu o marcador no minuto 8, poñendo por diante ao Baiñas. O Nantón, que chegou ao campo dos Irmandiños de Vimianzo con tan só 13 xogadores, intentou manterse dentro do partido, pero Ruli ampliou a vantaxe local no minuto 49, deixando o definitivo 2-0.
Malia a derrota, o Nantón conseguiu frear a sangría de goles encaixados na pasada xornada, na que caera por un contundente 0-10 ante o CD Muros. Un pequeno paso para un equipo que continúa sen puntuar, mentres que o Baiñas alcanza os 12 puntos e sobe ata a décima posición.
Goles:1-0, Kevin (8’); 2-0, Ruli (49’).
SD Laxe 1-1 Bergantiños FC “B”
O gran encontro da xornada enfrontou ao segundo clasificado, o SD Laxe, co líder, o Bergantiños FC “B”, nun choque cheo de emoción e no que os dous equipos demostraron por que ocupan as primeiras posicións da clasificación.
O conxunto carballés golpeou primeiro por medio de Roberto Amoedo, que marcou no minuto 37 e permitiu aos visitantes marchar ao descanso cunha mínima vantaxe. Pero o Laxe reaccionou tras a reanudación e Guzmán estableceu a igualada no minuto 57.
A partir de aí, os dous equipos buscaron decantar o encontro ao seu favor, nunha recta final de moita intensidade na que ningún conseguiu atopar o tanto da vitoria. No minuto 89, os locais quedaron cun home menos pola expulsión de Djamel.
Un empate que permite ao Bergantiños “B” manterse invicto e continuar no máis alto da clasificación con 22 puntos, mentres que o Laxe queda con 17, a cinco do liderado, tal como se mire, ou non coseguiron uns e outros escaparse ou recurtar, ou que seguen igual.
Goles:0-1, Roberto Amoedo (37’); 1-1, Guzmán (57’).
Sporting Zas 2-3 CF Mazaricos
O CF Mazaricos conseguiu unha das vitorias máis importantes da xornada ao impoñerse no campo do Sporting Zas nun duelo directo entre dous equipos que perseguen aos primeiros clasificados. Un triunfo que ten dobre valor, xa que permite aos mazariquenses colocarse na terceira posición e aproveitar os tropeços dos seus rivais.
O encontro comezou cun gol en propia porta de Moulay no primeiro minuto, que adiantou ao Mazaricos. O Sporting Zas reaccionou e Isaac igualou o marcador no minuto 30. Na segunda metade, Redondo puxo por diante aos locais no 60’, pero a alegría durou pouco, xa que cinco minutos despois o propio Redondo marcou en propia porta para devolver a igualdade ao marcador.
O Mazaricos non desaproveitou o momento e Cives marcou no minuto 70 o definitivo 2-3, certificando unha vitoria de enorme importancia para os visitantes.
O resultado, unido ao empate entre o Laxe e o Bergantiños “B” e á derrota do Monte Louro, converte ao Mazaricos no gran beneficiado da xornada. Os de Mazaricos sitúanse terceiros con 16 puntos, a un do segundo posto e a seis do liderado, ademais de contar cun encontro menos disputado.
Goles:0-1, Moulay (1’, en propia porta); 1-1, Isaac (30’); 2-1, Redondo (60’); 2-2, Redondo (65’, en propia porta); 2-3, Cives (70’).
.
O Camelle segue escalando posicións
Clasificación
1º Bergantiños FC “B”: 22 puntos
2º SD Laxe: 17 puntos
3º CF Mazaricos: 16 puntos
4º UD Monte Louro: 16 puntos
5º Sporting Zas: 15 puntos
6º SD Buño: 15 puntos
7º Sporting Seaia CF: 15 puntos
8º CD Muros: 14 puntos
9º SD Camelle: 13 puntos
10º CD Baiñas: 12 puntos
11º CF Lira: 9 puntos
12º UD Cerqueda: 7 puntos
13º Club Deportivo Razo: 6 puntos
14º Volantes de Baño FC: 3 puntos
15º Inter de Brens: 3 puntos
16º CD Nantón: 0 puntos
3ª DA COSTA
– Xornada 9 –
Domingo 08/11/2026
CF Mazaricos – SD Camelle
Club Deportivo Razo – CD Muros
UD Monte Louro – CD Baiñas
CD Nantón – SD Laxe
Bergantiños FC “B” – UD Cerqueda
Volantes de Baño FC – CF Lira
SD Buño – Sporting Zas, ás 17:00
Inter de Brens – Sporting Seaia CF, ás 19:45
(Os horarios non son oficiais, os oficiais poñerémolos na AXENDA PIRATA)
–
COPAS DA COSTA
PREMENDO AQUÍ podes ver como quedaron os sorteso da Copa da Costa masculina e feminina que se sortearon o pasado luns en Muxía.
–
-Fotos SCD Buño : Jorge Calvete
-Fotos SD Camelle : Roi Búa
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”
–

