3ª DA COSTA (30ª Xda-Derradeira) : “UC Cee, Atlético Pereiriña, Sporting Seaia e UD Cerqueda, xogarán a promoción a Liga da Costa.

3ª DA COSTA

30ª Xornada, (Derradeira)
Domingo 17/05/2026

SD Camelle 7-3 CF Muxía “B”

Volantes de Baño FC 4-3 SD Oza

SCD Buño 3-8 CD Baiñas

SD Coristanco 1-2 UD Cerqueda

Sporting Seaia CF 4-1 UC Cee

SD Laxe 3-0 CF Lira

Atlético Pereiriña FC 6-1 Inter de Brens

Descansou : CD Nantón

.

Un muxián, (Esperante), contra outro muxián, (Roi), no Camelle-Muxía “B”.

CRÓNICA

A 3ª da Costa baixou o pano cunha derradeira xornada chea de emoción, despedidas, contas de promoción e co ollo xa posto no terremoto que pode traer a vindeira tempada. Porque como xa sabedes non hai descensos nesta categoría pero o curso que vén a categoría promete ser unha auténtica ligaza

Os arrastres da Liga da Costa xa están practicamente asegurados coas caídas de Camariñas FC, SD Fisterra e Esteirana SD desde Primeira Futgal, e se o Xallas FC non logra o ascenso, podería haber ata cinco equipos perdendo a categoría na Liga da Costa. Un aviso para navegantes.

No medio dese ambiente de tensión competitiva, a promoción acabou collendo claro acento ceense e malpicán. O UC Cee e o Atlético Pereiriña FC xa tiñan os deberes feitos, pero faltaba por decidir quen os acompañaría. E aí apareceron dous equipos que chegaron ao momento decisivo coa navalla entre os dentes: Sporting Seaia CF e UD Cerqueda.

O Seaia non fallou ante un Cee xa clasificado, pero que vendeu cara a derrota. Os de Malpica impuxéronse por 4-1 nun partido no que se notou desde o primeiro minuto quen se xogaba a temporada. Tamén cumpriu o Cerqueda, que se repuxo nas derradeiras xornadas do traspé en Muxía e sacou tres puntos de ouro no difícil campo do subcampión, a SD Coristanco, cun triunfo por 1-2 que valeu media vida.

E quen quedou ás portas foi unha SD Laxe que merece todos os aplausos, tras como sabedes pasou media liga de colista ou en descenso e rexurdiu coma o Ave Fenix pero acabou cas ás derretidas o achegarse o sol. Os laxenses pecharon a liga cun claro 3-0 sobre o CF Lira, pero os resultados nos outros campos deixáronos sen premio. Aínda así, o final de curso do cadro laxense foi espectacular, recuperando identidade, xente da casa e ilusión na bancada. Un proxecto que semella ter futuro despois de como xa vos temos comentado a renovación da directiva e do enorme traballo feito esta campaña.

Por arriba, o campión SD Oza despedíuse da liga cun tropezo intranscendente en Muros, caendo 4-3 ante o Volantes de Baño FC, pero deixando unha temporada de auténtico dominio, pechando con 75 puntos. O Coristanco remata segundo cunha campaña moi sólida, mentres o Cee completa o podio.

Na zona media destacou a goleada do CD Baiñas en Buño, un espectacular 3-8 para despedir a temporada ao grande, mentres o SD Camelle tamén quixo regalar goles á súa xente nun tolo 7-3 diante do CF Muxía B, que valeu para a depedida do mítico Carlos de Dido  tras 16 tempadas no clube do seu pobo e do seu corazón, choque no que ademáis como bo colofón marcou 4 dos goles e recibeu o cariño a coro de toda a afección e compañeiros.

Penalty parado por Roi “Pirata” do Camelle

E por abaixo, o Inter de Brens puxo punto final a un curso moi duro cunha contundente derrota ante un Pereiriña nun derbi que vale para os da Feiranova para á promoción a que chegan coa moral disparada tras o 6-1.

Rematou así unha 3ª da Costa que tivo de todo: goleadas, (47 goles en 7 partidos), emoción ata o final, despedidas de veteranos, rexurdimentos inesperados e moitos equipos preparando xa unha próxima temporada que promete ser das máis atractivas dos últimos anos na categoría.

.

Clasificación Final

1º SD Oza : 75

2º SD Coristanco : 67
3º UC Cee : 53
4º Atlético Pereiriña : 48
Sporting Seaia : 46
UD Cerqueda : 46
SD Laxe : 44
8º CD Baiñas : 42
9º SCD Buño : 38
10ºSD Camelle : 30
11º Volantes de Baño FC : 29
12º CD Nantón : 27
13º CF Muxía B : 22
14º CF Lira : 20
15º Inter de Brens : 13

.