3ª DA COSTA, (29ª Xda) : “O Oza recibeu a copa e a emoción polo play-off queda para a derradeira xornada co Seaia, Cerqueda e Laxe para dous postos”. 

3ª DA COSTA

29ª Xornada 
Domingo 10/05/2026

CF Muxía “B” 1-4 Sporting Seaia CF

CF Lira 3-3 SD Camelle, (Crónica)

UC Cee 2-4 SD Coristanco

SD Oza 4-0 SCD Buño, (Crónica)

Inter de Brens 2-4 SD Laxe

CD Nantón 4-1 Volantes de Baño FC

Descansou : UD Cerqueda

.

CRÓNICA XERAL

A penúltima xornada da 3ª da Costa deixou practicamente decidido o campionato e tamén o ascenso directo, co liderado sólido da SD Oza, que recibeu o trofeo, e o segundo posto xa asegurado pola SD Coristanco, pero a gran batalla queda agora centrada nos dous postos de promoción que restan por decidir.

O Atlético Pereiriña FC certificou matematicamente a súa presenza no play-off tras rescatar un empate de moito mérito no feudo do CD Baiñas nun encontro tolo que perdía no minuto 81. Ese punto permitiulle asegurar unha cuarta praza que xa non abandonará e deixou sen opcións aos baiñeses.

Por detrás, o Sporting Seaia CF deu un paso importantísimo ao vencer con claridade ao CF Muxía B e depende de si mesmo para entrar na promoción. A mesma situación vive a UD Cerqueda, que descansou nesta xornada e mantén posto de play-off.

Pero quen chega lanzado é a SD Laxe. Os laxenses sumaron outra vitoria no campo do Inter de Brens e afrontarán a derradeira xornada con opcións reais de entrar entre os cinco primeiros. Un mérito enorme para un equipo que antes do Nadal pasou varias semanas como pechacancelas ou nos postos baixos da táboa.

As contas son claras

Se o Laxe non gaña, Seaia e Cerqueda xogarán o play-off. Se os laxenses vencen ao CF Lira, necesitarán un tropezo dun dos seus rivais directos. O Seaia ten a vantaxe do golaveraxe individual sobre o Laxe, mentres que un hipotético triple empate entre Seaia, Cerqueda e Laxe favorecería aos cerquedenses e aos laxenses.

Na última xornada, o Cerqueda visitará ao xa ascendido SD Coristanco, o Seaia recibirá ao UC Cee, que ten asegurada a terceira posición desde hai semanas, e o Laxe xogará na casa ante un Lira que xa pensa fai tempo na próxima campaña e está dando minutos á súa xente nova para ilos facendo.


CRÓNICAS

CF Muxía “B” 1-4 Sporting Seaia CF

Triunfo contundente do Seaia na Arliña para continuar dependendo de si mesmo na pelexa polo play-off. O conxunto visitante encarrilou axiña o encontro coa inspiración goleadora de Rafael e acabou sentenciando no inicio da segunda metade ante un Muxía B que recurtou distancias pero non puido manter o ritmo competitivo do seu rival.

Goles: 0-1, Rafael, (5´); 0-2, Rafael, (25´); 1-2, Kevin, (47´); 1-3, Juni, (51´); 1-4, Juni, (54´).


CF Lira 3-3 SD Camelle

Empate espectacular nun duelo aberto e con alternativas constantes entre dous equipos que buscaron a vitoria ata o final. O Lira e o Camelle repartiron puntos nun choque cheo de intensidade e emoción, nun dos encontros máis entretidos da xornada, (Crónica publicada o sábado preme aquí)


UC Cee 2-4 SD Coristanco

O Coristanco confirmou o seu gran momento cun triunfo de prestixio no San Paio de Refoxos ante un Cee que reaccionou cando peor o tiña, pero que non conseguiu culminar a remontada. O cadro visitante saíu moi enchufado e aos 24 minutos xa dominaba con claridade, aínda que os ceenses apertaron na segunda metade antes da sentenza definitiva no desconto.

Goles: 0-1, Pablo Pose, (12´); 0-2, Pastoriza, (16´); 0-3, Pablo Pose, (24´); 1-3, Keko, (35´); 2-3, Xián, (46´); 2-4, Pablo Pose, (94´).


CD Baiñas 3-3 Atlético Pereiriña FC

Partido de auténtica tolemia en Baiñas, con alternativas constantes e un desenlace que acabou favorecendo ao Pereiriña, que certificou o seu billete para o play-off cun empate de enorme valor. O cadro local chegou a verse preto da vitoria a falta de dez minutos, pero os visitantes resistiron e acabaron sumando o punto que necesitaban.

Goles: 1-0, Santiago, (8´); 2-0, Kevin, (32´); 2-1, Víctor Agulleiro, (39´); 3-1, Ruli, (44´); 3-2, Jon, (46´); 3-3, Abel, (81´).


SD Oza 4-0 SCD Buño

O líder recibeu a copa de campións e fixo festa pero primeiro non deu opcións e continúa coa súa espectacular tempada tras superar con autoridade ao Buño. O Oza mostrou unha vez máis a súa pegada ofensiva e a súa solidez defensiva para chegar á última xornada cunha vantaxe cómoda na cabeza da clasificación, (Crónica publicada o sábado preme aquí)


Inter de Brens 2-4 SD Laxe

O Laxe mantén vivo o soño do play-off tras superar ao Inter de Brens nun encontro que dominou durante boa parte do tempo. O equipo laxense foi moi superior no marcador ata os minutos finais, cando os locais maquillaron o resultado con dous tantos consecutivos.

Goles: 0-1, Bieito, (11´); 0-2, Bieito, (47´); 0-3, Darío Mira, (55´); 0-4, Darío Martínez, (66´); 1-4, Rubén, (83´); 2-4, Ferreiro, (87´).


CD Nantón 4-1 Volantes de Baño FC

Gran segunda metade do Nantón para acabar goleando a un Volantes que competiu ben durante moitos minutos. Co partido igualado ata o tramo final, os locais aproveitaron o seu acerto ofensivo nos últimos dez minutos para romper definitivamente o choque, cun Jorge estelar asinando un triplete. Para os nantoneses foi a despedida da liga xa que na derradeira xornada tócalles descansar.

Goles: 1-0, Jorge, (10´); 1-1, Roberto, (16´); 2-1, Josué, (78´); 3-1, Jorge, (80´); 4-1, Jorge, (82´).

.
Clasificación
1º SD Oza : 75

2º SD Coristanco : 67
3º UC Cee : 53
4º Atlético Pereiriña : 45
Sporting Seaia : 43
UD Cerqueda : 43
SD Laxe : 41
8º CD Baiñas : 39
9º SCD Buño : 38
10º CD Nantón : 27
11º SD Camelle : 27
12º Volantes de Baño : 26
13º CF Muxía B : 22
14º CF Lira : 20
15º Inter de Brens : 13

 

3ª DA COSTA

30ª Xornada, (Derradeira)
Domingo 17/05/2026

SD Camelle  CF Muxía “B”, 16/05 ás 19:00

Volantes de Baño FC – SD Oza

SCD Buño – CD Baiñas, ás 17:00

SD Coristanco – UD Cerqueda, ás 18:00

Sporting Seaia CF UC Cee, ás 18:00

SD Laxe  CF Lira, ás 18:00

Atlético Pereiriña FC Inter de Brens, ás 18:00

Descansa : CD Nantón

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

-Fotos : Gonzalo Novo