3ª DA COSTA
29ª Xornada
Domingo 10/05/2026
CF Muxía “B” – Sporting Seaia CF, ás 11:30
CF Lira 3-3 SD Camelle
UC Cee – SD Coristanco, ás 18:15
CD Baiñas– Atlético Pereiriña FC, ás 17:00
SD Oza 4-0 SCD Buño
Inter de Brens – SD Laxe, ás 16:00
CD Nantón – Volantes de Baño FC, ás 17:30
Descansa : UD Cerqueda
Clasificación : PREME AQUÍ
A penúltima xornada da 3ª da Costa deixounos dous encontros en xornada sabatina, tal como xa vos informamos na nosa AXENDA PIRATA, con tódolos enfrontamenteos, datas e horarios de todo o Fútbol da Costa senior masculino, feminino e veteranos. En Oza, o líder e campión dende hai semanas, o SD Oza, quixo despedirse da súa afección cunha nova demostración de autoridade diante dun SCD Buño que chegaba obrigado a gañar para seguir soñando coa promoción. Os de Oza non deron opción e cun contundente 4-0 deixaron practicamente sen opcións aos buñeses.
Mentres, no Lombáns, o fútbol puxo o espectáculo. CF Lira e SD Camelle, dous equipos xa sen obxectivos clasificatorios, ofreceron un partido aberto, con alternativas e seis goles que fixeron gozar aos presentes. O veterano Carlos de Dido converteuse no gran protagonista ao saír do banco e revolucionar o encontro con dous tantos case consecutivos.
Con dúas xornadas aínda por diante, a emoción céntrase agora na pelexa pola promoción. Hai tres postos en xogo para cinco equipos, co Buño xa descolgado tras a derrota en Oza.
SD Oza 4-0 SCD Buño
O campión despídese da casa cun recital
O SD Oza segue demostrando porque foi o mellor equipo da competición. Xa co título asegurado dende hai semanas, os de Oza non baixaron o ritmo e ofreceron unha nova exhibición diante da súa afección.
O SCD Buño chegaba ao encontro coa necesidade imperiosa de sumar os tres puntos para manter vivas as súas opcións de promoción, pero resistiu só unha metade. Tras un primeiro tempo igualado e sen goles, o líder soltou toda a súa pegada ofensiva na segunda parte.
Miguel abriu o marcador no minuto 47 e rompeu o equilibrio dun Buño que xa tivo que arriscar máis da conta. Co paso dos minutos apareceron os espazos e o Oza sentenciou cun tramo final demoledor. Hugo fixo o segundo no 74, Nacho ampliou no 78 e Raúl puxo o peche definitivo no 88.
Un triunfo incontestable para un SD Oza que continúa despedindo a temporada con autoridade, mentres que o Buño queda sen opcións de promoción.
Goles:
1-0, Miguel (47’)
2-0, Hugo (74’)
3-0, Nacho (78’)
4-0, Raúl (88’)
CF Lira 3-3 SD Camelle
Festival de goles e aparición estelar de Carlos de Dido
En Lombáns viviuse o partido máis entretidos da xornada. Sen presión clasificatoria, CF Lira e SD Camelle xogaron un encontro aberto, cheo de alternativas e cun empate final que deixou satisfeito ao público.
Comezou mellor o Camelle, que pese a chegar moi condicionado polas baixas e con só catorce xogadores dispoñibles, golpeou primeiro cun tanto de Lucas do Panadeiro no minuto 12.
O Lira reaccionou antes do descanso da man de Iván París. O atacante empatou de penalti no 33 e apenas catro minutos despois culminou a remontada co 2-1.
Pero na segunda metade apareceu a figura do veterano Carlos de Dido. Entrou no minuto 55 e no primeiro balón que tocou fixo o empate apenas un minuto despois. O Lira volveu poñerse por diante no 58 cun gol de Cibrán, pero a ledicia durou segundos porque Carlos de Dido repetiu no 59 para establecer o definitivo 3-3.
Un encontro sen transcendencia na táboa, pero dos que fan afección e lembran que o fútbol tamén é diversión.
Goles:
0-1, Lucas do Panadeiro (12’)
1-1, Iván París (33’, penalti)
2-1, Iván París (37’)
2-2, Carlos de Dido (56’)
3-2, Cibrán (58’)
3-3, Carlos de Dido (59’).
.
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”