3ª DA COSTA , (25ª Xda) : “O Oza acada o ascenso a 5 xornadas para o final, o Coristanco da un pasiño atrás para certificalo e pola promoción hai empuxóns”.

3ª DA COSTA

25ª Xornada 
Domingo 12/04/2026

Volantes de Baño FC 0-3 UC Cee

CF Muxía “B” 2-2 UD Cerqueda, Crónica

CF Lira 2-3 CD Nantón, Crónica

CD Baiñas 0-0 SD Coristanco

SD Oza 6-1 Sporting Seaia CF

Atlético Pereiriña FC 2-1 SD Laxe

SCD Buño 2-0 SD Camelle

Descansou : Inter de Brens.

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalas, (ou fotos ou vídeos), e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

.

CRÓNICA XERAL

.

Celebracións do Oza.

A 3ª da Costa xa ten un ascendido. O SD Oza certifica o ascenso á Liga da Costa tras unha nova exhibición, aproveitando ademáis o empate do SD Coristanco para abrir unha fenda case definitiva a falta de cinco xornadas. Agora, co obxectivo cumprido, os de Oza miran xa a por o título de liga.

Por detrás, o Coristanco deixou escapar unha oportunidade de ouro en Baiñas, nun partido no que quixo pero non puido. O empate sábeulles a pouco aos da Terra da Pataca, que ven como o UC Cee se achega con forza tras unha vitoria contundente que os deixa a 2 puntos de asegurar, como mínimo, a promoción.

A loita polos postos de playoff está que arde. Atlético Pereiriña deu un paso importante ao vencer ao Laxe nun duelo directo, mentres que o Sporting Seaia frea en seco tras caer goleado ante o líder. Buño e Cerqueda manteñen o pulso, e ata seis equipos seguen con opcións reais de meterse entre os elixidos.

Na zona baixa, sen a presión dos descensos, a competición entra nun tramo máis liberado, ideal para competir sen ataduras e comezar a construír o futuro.

Os encontros do sábado xa vos trouxemos as crónicas trala sua disputa e tédelos premendo nos enlaces dos resultados. O Cerqueda perdeu en Muxía unha oportunida de ouro para engancharse a promoción, pero sen perder opcións e pola sua banda o Lira e o Nantón propuxeron un choque cheo de goles que polo menos e sen opcións entretiveron a máis de un.


CRÓNICAS

Volantes de Baño FC 0-3 UC Cee

O Cee non deu opción e resolveu o encontro por vía rápida, deixando encarrilado o partido nos primeiros minutos.

Goles : 0-1, Sergio, (5´); 0-2, Sergio, (8´); 0-3, Pablo Caamaño, (47´).


CD Baiñas 0-0 SD Coristanco

Empate sen goles nun partido no que as defensas se impuxeron claramente ás dianteiras. O Coristanco intentouno, pero o Baiñas soubo pechar ben atrás. Punto que lle sabe a pouco aos da Terra da Pataca na súa loita polo ascenso directo, mentres que aos vimianceses lles permite seguir con opcións de engancharse á promoción.

Goles : 0-0.


Nas fotos e vídeos o Oza celebrando o ascenso.

SD Oza 6-1 Sporting Seaia CF

O líder celebrou o ascenso cunha goleada incontestable, deixando claro por que foi o equipo máis sólido da categoría.

Goles : 1-0, Nacho Pose, (8´); 2-0, Miguel, (13´); 3-0, Eloy, (40´); 4-0, Nacho Pose, (70´); 4-1, Sergio, (71´); 5-1, David Muiño, (73´, p.p.); 6-1, Miguel Bértoa, (87´).

Gonzalo Novo (adestrador do SD Oza):

“Partido ao que chegaríamos sabendo a importancia dos 3 puntos, por unha parte para asegurar o ascenso e por outra para que o Coristanco non recurtase de cara ao título de campións.

Comezaríamos serios, moi serios tanto atrás como no medio do campo, cun Seaia que apertaba e buscaba balóns en longo cos que sorprendernos, e iso pillounos un pouco descolocados ata que, chegando aos primeiros 10 minutos, un centro espectacular de Davicillas nun saque de balón parado permitiu que aparecese Nacho para marcar o primeiro deste mediodía no Carral. Apenas 5 minutos despois, Miguel aproveitaría un balón embarullado na área para marcar o segundo.

Volvería aí o Seaia a poñernos contra as cordas, querendo ir en busca de recurtar diferenzas, pero sería Eloy quen, faltando 5 para o descanso, quedaría man a man con Isaac e lla picaría facendo o 3-0. Tiveron eles aí unha ocasión moi clara para marcar o primeiro na última xogada do primeiro tempo, pero o balón iríase alto.

Á volta de vestiarios sabiamos que non había nada feito e fomos en busca do cuarto que nos dera un pouco de tranquilidade, e conseguímolo pasando o ecuador da segunda metade. Pero só un minuto despois, Sergio, que para min é dos mellores dianteiros da categoría, aproveitaría un erro noso na saída de balón e marcaría o primeiro gol do seu equipo.

A partir de aí volveuse un partido un pouco bronco, propio dun choque no que hai algo en xogo, e só un gol en propia meta deles e un latigazo a 3 minutos do final de Miguel pecharían un mediodía redondo que tivo un sabor moi bonito, xa que despois de dúas temporadas quedando na beira, volveriamos á marabillosa e fermosa Liga da Costa!!!.

Quero aproveitar o comentario para agradecer tanto aos colaboradores como ás páxinas web que lle dades visibilidade ao noso fútbol e, sobre todo, á nosa afección, que estivo aí nesas dúas finais de ascenso e non nos abandonou. Isto é tan noso como seu!!!”.

“A nosa máis cordial noraboa a tódolos que forman o SD Oza”.

Atlético Pereiriña FC 2-1 SD Laxe

Duelo directo pola promoción que cae do lado dos da parroquia ceense, que dan un paso firme de moral na súa loita.

Goles : 1-0, Brais Lagoa, (14´); 2-0, Jon, (14´); 2-1, Brais Simal, (50´).


SCD Buño 2-0 SD Camelle

Triunfo traballado do Buño no “Estadio da cerámica” ante un Camelle que non mereceu marchar de baleiro e que tivo que reinventarse sen porteiros.

Pouco que destacar dunha primeira metade igualada, marcada por unha xogada polémica na que os locais pediron un “gol pantasma”. Na segunda, o Buño estivo máis acertado e acabou decantando o partido.

O triunfo foi adicado a Daniela, “Mi pricesita Rett”, nun xesto emotivo por parte do conxunto oleiro.

Goles : 1-0, Andrés, (57´); 2-0, Izan, (65´).

.

SD Oza buscará agora o título.

Clasificación

1º SD Oza : 63
2º SD Coristanco : 57
3º UC Cee : 50
4º Atlético Pereiriña : 38
5º Sp Seaia : 37
6º SD Laxe : 36
7º SCD Buño : 34
8º UD Cerqueda : 34
9º CD Baiñas : 31
10º Volantes FC : 26
11º CD Nantón : 24
12º SD Camelle : 23
13º CF Muxía B : 19
14º CF Lira : 18
15º Inter de Brens : 10

.

3ª DA COSTA

26ª xornada 
Domingo 19/04/2026

Sporting Seaia CF– CD Baiñas

SD Camelle – SD Oza

Atlético Pereiriña FC  Volantes de Baño FC

UD Cerqueda  UC Cee, ás 17:00

CD Nantón – CF Muxía “B”, ás 17:00

SD Coristanco Inter de Brens, ás 17:00

SD Laxe  SCD Buño, ás 17:00

Descansa : CF Lira

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Fotos e vídeos SD Oza : Gonzalo Novo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”