3ª DA COSTA, (24ª Xda) : “O Oza dá un golpe case definitivo e a loita polo ascenso direto e a promoción quéntase a seis xornadas do final”.

3ª DA COSTA

24ª xornada 
Domingo 29/03/2026

UC Cee 4-0 CF Muxía “B”

UD Cerqueda 1-0 CF Lira

CD Nantón 4-0 Inter de Brens

SD Camelle 2-4 Atlético Pereiriña FC

SD Laxe 2-2 Volantes de Baño FC

Sporting Seaia CF 2-0 SCD Buño

SD Coristanco 1-3 SD Oza

Descansou : CD Baiñas

.

Parón na liga e paso a Copa da Costa 
A vindeira fin de semana non hai competición no que a liga se refire, que se retomará o 12 de abril. O vindeiro día 6 de abril, “Domingo de resurrección”, xogaranse as semifinais da “61ª Copa da Costa”. O Muxía recibe ao Xallas na Arliña e o Malpica o Porteño na Pedra Queimada, ambos encontros ás 17:00 horas.
As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.
CRÓNICA XERAL

A 24ª xornada da 3ª da Costa deixou un escenario cada vez máis definido na parte alta da táboa, cunha SD Oza que deu un paso de xigante cara ao título tras impoñerse no gran duelo da xornada ante o SD Coristanco, nun duelo moi quente que acabou con 4 expulsados, mentres UC Cee e Sporting Seaia continúan firmes na persecución dos postos de promoción.

Co triunfo en Coristanco, o Oza amplía vantaxe e ademais gaña o golaveraxe particular ante o seu principal perseguidor, deixando o campionato moi encarrilado a falta de seis xornadas, e a un partido de acadar o ascenso direto. O Coristanco mantense segundo, pero xa sen marxe de erro nun tramo final que promete emoción máxima.

O UC Cee confirmou o seu gran momento cun contundente triunfo ante o Muxía B, asentándose na terceira posición, mentres o Sporting Seaia segue medrando e consolídase na zona de promoción tras superar ao Buño nun derbi marcado polas expulsións.

Na zona media, o empate entre Laxe e Volantes de Baño deixou un dos finais máis tolos da tempada, con dous goles locais no desconto para rescatar un punto cando todo parecía perdido. Pola súa banda, o Atlético Pereiriña levou tres puntos importantes de Camelle nun encontro aberto e con alternativas.

Tamén destacou o triunfo do Nantón ante o Inter de Brens nun duelo condicionado polas baixas en ambos conxuntos, mentres o Cerqueda sumou unha vitoria de moito mérito ante o Lira xogando boa parte do encontro en inferioridade.

Sen descensos en xogo pero cun ascenso directo para campión e subcampión e unha promoción entre os catro seguintes, a clasificación comeza a dividir claramente os obxectivos a falta de seis finais.

CRÓNICAS

UC Cee 4-0 CF Muxía “B”

Partido dominado polo UC Cee desde o inicio, cun Julio Regueiro protagonista absoluto da primeira metade encarrilando cedo o encontro. O filial muxián resistiu mentres puido, pero acabou cedendo ante a maior pegada local nos minutos finais.

Goles: 1-0 Julio Regueiro (5´), 2-0 Julio Regueiro (42´), 3-0 Anxo (86´), 4-0 Joé Lago (87´), 5-0 (90´).


UD Cerqueda 1-0 CF Lira

O Cerqueda foi mellor durante boa parte do encontro e atopou premio ao bordo do descanso cun tanto a balón parado. A expulsión de Samuel Amado cambiou o guión e o Lira deu un paso adiante, chegando a rozar o empate nunha segunda metade de resistencia local.

Goles: 1-0 Daniel Reixía (44´).

Incidencias: o colexiado Bruno Méndez expulsou ao cerquedense Samuel Amado por dobre cartón (16´ e 70´).


CD Nantón 4-0 Inter de Brens

Encontro condicionado polas numerosas baixas nos dous equipos, cun Nantón que compareceu con só 13 xogadores e un Inter con 12. O partido rompeu definitivamente tras a expulsión do gardameta visitante e os locais aproveitaron para ampliar a vantaxe nos minutos finais.

Goles: 1-0 Andrade (19´), 2-0 Alejandro (56´), 3-0 Daniel Castro (86´), 4-0 Alejandro (90´).

Incidencias: o colexiado Alejandro Antelo expulsou con vermello directo ao meta do Inter de Brens, Enmanuel (55´).


SD Camelle 2-4 Atlético Pereiriña FC

Partido aberto e con alternativas no marcador. O Pereiriña golpeou primeiro e chegou a ter unha vantaxe cómoda, pero o Camelle non baixou os brazos e mantivo a emoción ata o desconto nun encontro con moito ritmo ofensivo.

Goles: 0-1 José “Ruso” (9´, en propia porta), 0-2 Víctor Agulleiro (29´), 1-2 Marcotiño (47´), 1-3 Diego Oca (57´), 2-3 Lucas “Panadeiro” (78´), 2-4 Jon (94´).


SD Laxe 2-2 Volantes de Baño FC

Un dos partidos máis tolos da xornada. O Volantes puxo terra de por medio cun dobrete de Raúl e parecía ter o triunfo asegurado, pero o Laxe protagonizou unha remontada épica no tempo engadido para rescatar un punto.

Goles: 0-1 Raúl (6´, de penalti), 0-2 Raúl (24´), 1-2 Leo Rama (91´), 2-2 Djamel (94´).


Sporting Seaia CF 2-0 SCD Buño

O derbi malpicán quedou marcado polas expulsións visitantes. O Seaia soubo aproveitar a superioridade numérica para controlar o encontro e sumar tres puntos que o consolidan na zona de promoción.

Goles: 1-0 Sergio (39´), 2-0 Alejandro (61´).

Incidencias: o Buño rematou con dous xogadores menos tras as expulsións por dobre cartón de Adrián Pose (17´ e 39´) e vermello directo a Daniel Calvete (62´).


Un dos goles de Hugo Fraga.

SD Coristanco 1-3 SD Oza

O partido da xornada enfrontaba segundo contra primeiro e acabou cun triunfo clave do Oza, que non só reforza o liderado senón que tamén gaña o golaveraxe particular ante un rival directo polo título, e deixa na punta dos dedos o ascenso direto que o podería acadar na seguinte xornada que será o 12 de abril polo parón da Semana Santa.

Goles: 0-1 Hugo Fraga (36´), 1-1 Kevin (38´), 1-2 Hugo Fraga (45´), 1-3 Hugo Fraga (92´).

Incidencias: Partido quente en canto a expulsións, con moito traballo para o trío arbitral liderado por Roberto Baña con Jairo Varela e Adrián Fidalgo nas bandas. Polo Coristanco : Daniel Castiñeiras, (31´), Samuel Baldomir, (45´), e Jonathan, (45´+ 2) e polo Oza, Juan Antonio Lagoa, (45´+ 2), todos eles con vermello direto.

Gonzalo Novo (adestrador do Oza):

“Partido que comenzaríamos con moitos nervios, propios dun partido así, e tendo algún que outro fallo na saída de balón e sen conseguir dominar como viñamos traballando para este partido, e eles aproveitaríanse diso para crear un par de ocasións moi claras coa calidade e velocidade que teñen arriba pero sen conseguir definir.

A partir do minuto 20 cambiaríamos o sistema e si que controlaríamos algo máis o xogo e crearíamos ocasións de cara á meta rival pero sen perigo manifesto, ata que pasada a media hora, nunha xogada illada de todo, o colexiado expulsa con vermella directa o seu extremo por agresión sen balón e aí, coa superioridade, iríamos en busca do gol, encontrándoo cinco minutos despois nun gran saque de banda de Lagoa que, tras un rexeite dos locais, remata Hugo no segundo pau para dentro e poñendo o primeiro da tarde no marcador.

Na seguinte xogada practicamente xuntouse un fallo defensivo noso cun xogadón de Kevin e o resultado foi o empate no marcador. Seguiriamos apertando sabendo que en superioridade tiñamos que ir a polo partido pero sen tampouco tolear e xa case no desconto da primeira metade, unha xogada embarrullada na área local empurra Hugo, libre de marca, para dentro.

Con este gol o partido volveuse algo tolo e na xogada xusto antes do descanso, outras dúas expulsións, esta vez unha para nós e outra para eles, ambas por agresión sen balón tamén, e con isto iríamos aos vestiarios.

Falamos de xogar máis o balón e sen correr riscos, xa que estabamos gañando e en superioridade numérica, pero volveron os nervios do principio e un simple pase a cinco metros volvía unha contra perigosa para o rival. Aínda que nós tivemos algunha contra moi clara para meter o terceiro, eles tamén terían un par de ocasións para empatar o partido.

Chegariamos á prolongación con ese 1-2 a favor e tras unha xogada nosa que acaba nas mans do seu porteiro, este quere sacar rápido e sorprender, pero resbala e dálle o balón directamente a Hugo no medio do campo e este controla e pégalle sen pensalo, coa sorte de que foi para dentro e mataba o partido nesta xogada.

Tres puntazos moi importantes na casa do que para min é un dos favoritos ao título e que nos deixa a catro puntos deles e co golaveraxe particular gañado. Agora este parón de Semana Santa e xa pensando no partido contra o Seaia, que de gañalo seremos matematicamente equipo da Liga da Costa”.

O SD Oza con pé e tres cuartos na Liga da Costa.

Clasificación

1º SD Oza : 60
2º SD Coristanco : 56
3º UC Cee : 47
4º Sp Seaia : 37
5º SD Laxe : 36
6º Atlético Pereiriña : 35
7º UD Cerqueda : 33
8º SCD Buño : 31
9º CD Baiñas : 30
10º Volantes FC : 26
11º SD Camelle : 23
12º CD Nantón : 21
13º CF Lira : 18
14º CF Muxía B : 18
15º Inter de Brens : 10

.

.

3ª DA COSTA

25ª xornada 
Domingo 12/04/2026

Volantes de Baño FC – UC Cee

CF Muxía “B” – UD Cerqueda

CF Lira  CD Nantón

CD Baiñas  SD Coristanco

SD Oza – Sporting Seaia CF

Atlético Pereiriña FC – SD Laxe

SCD Buño  SD Camelle

Descansa : Inter de Brens

Clasificación : PREME AQUÍ
.

-Fotos e vídeo do SD Oza : Gonzalo Novo

-Montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios : Os propios adestradores firmantes