2ª GALEGA FEMININA G3, (Crónicas 7ª Xda) : “O Soneira lévase o derbi ante o Dumbría para descansar máis lider, e Cee e Corme empatan no outro derbi…O Outes suma unha nova vitoria”.

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 7-
Domingo 01/11/2026

CF Dumbría 1-4 Soneira SD

UC Cee 2-2 Corme CF

CCD Taragoña 1-2 Outes FC

AD Nicrariense 3-1 Atlético Cercedense

Descansou: EFF Sonnoia Portus Apostoli

Clasificación detallada :PREME AQUÍ

–

–AVISO :Só poñemos comentarios e fotos dos que nos mandan as suas. Todo aquel, adestrador/a, diretivo/a, xogadora, etc….que nos queira mandar, comentarios dos encontros, fotos, vídeos, etc, serán ben recibidos, o que facemos e non pedir polo tema de que uns queren e outros non. O que queira ten as portas abertas no whatsapp : 626 72 00 47.

–

CRÓNICA

A 2ª Galega Feminina G3 disputou a súa sétima xornada cunha nova demostración de forza do Soneira SD, (na foto de portada), que continúa contando os seus partidos por vitorias e xa suma 18 puntos de 21 posibles. As vimiancesas descansarán na vindeira xornada, pero fano cunha vantaxe de cinco puntos sobre o segundo clasificado, a EFF Sonnoia Portus Apostoli, que descansou esta semana.

Na zona costeira dous derbis un entre o Cee e o Corme que acabou en empate, nun partido no que as cormelás conseguiron rescatar un punto nos últimos minutos e outro antre o Soneira e o Dumbría no que as dumbriesa s no Conco non puideron frear as líderes. Pola súa banda, o Outes sumou unha importante vitoria en Taragoña, a segunda consecutiva. No único encontro sen equipos costeiras o AD Nicrariense derrotaba ao Atlético Cercedense por 3-1.

 

CF DUMBRÍA 1-4 SONEIRA SD

O Soneira impón a súa superioridade no derbi do Conco e chega aos 18 puntos

O Soneira SD continúa firme no liderado despois de levar os tres puntos do Conco nun derbi no que foi superior ao CF Dumbría. As visitantes encarrilaron o encontro en apenas dous minutos, cos tantos de Graciela e Kelly, aos 19 e 20 minutos. María Villaverde, de penalti, ampliou a renda antes do descanso e Tamara sentenciou no minuto 56. Yolanda, no 89, anotou o tanto da honra para as locais.

Adrián Sendón «Oli», segundo adestrador do Soneira: «Derbi no Conco cun bo ambiente nas bancadas. Saímos enchufadas dende o minuto 1, sendo dominadoras do xogo con balón, movendo de lado a lado e recuperando rápido tras perda. O primeiro gol sería de Graciela, cun tiro cruzado. E na seguinte xogada chegaría o segundo, de Kelly, cun golazo que entra pola escuadra. Non baixamos o ritmo, e Kenny convertería o terceiro nun penalti cometido sobre Graciela. Aínda tivo Kelly un largueiro antes do descanso para aumentar máis a vantaxe.

Xa na segunda metade, a mesma tónica, superiores. O Dumbría intentábao, pero non demos opción en ningún momento. Tamara marcaría o cuarto cun bo tiro alto. Tivemos varias máis, de Anxela e Kenny, pero saíron fóra. Elas marcarían xa nos minutos finais nun rexeitamento. Partidazo das nosas para seguir no alto da táboa e chegar á nosa xornada de descanso con boas sensacións».

Goles:0-1, Graciela (19′); 0-2, Kelly (20′); 0-3, María Villaverde, de penalti (38′); 0-4, Tamara (56′); 1-4, Yolanda (89′).

 

Plantilla do UC Cee no San Paio de Refoxos.

UC CEE 2-2 CORME CF

O Corme rescata un punto no derbi despois de que o Cee lle dese a volta ao marcador

Reparto de puntos no derbi costeiro disputado no campo do Cee. O Corme adiantouse no marcador por medio de Nerea Insua, no minuto 33, pero o equipo ceense reaccionou na segunda metade e deulle a volta ao resultado cos tantos de Nerea Suárez e Carolina, nos minutos 53 e 63. Cando parecía que os tres puntos quedaban na casa, Nerea Insua apareceu de novo no minuto 72 para establecer o definitivo empate a dous.

Rubén Souto, adestrador do Corme: «Viaxabamos a un campo moi diferente ao noso en dimensións, como é o campo do Cee. Iso, sumado á nosa situación actual da plantilla, fíxome modificar o noso plan de partido habitual. Intentamos non lanzar a presión alta para dosificar esforzos, pero o equipo non se sente cómodo así e nos primeiros 20-25 minutos do encontro o Cee superábanos con moita facilidade. Subimos a presión nos últimos 15-20 minutos da primeira parte e empezamos a gañar protagonismo no partido e, nunha das poucas xogadas nas que lle demos pausa ao balón e combinamos ben, Carla filtraría un moi bo balón que Nerea se encargaría de converter en gol.

Na segunda parte volveriamos ao plan inicial, intentando defender o resultado debido ao cansazo acumulado xa na primeira parte, pero, ao igual que no primeiro tempo, o Cee volvería superarnos claramente, e esta vez co premio dos dous goles. Co 2-1 en contra si que intentamos subir un pouco o equipo de novo, pero xa non nos quedaba gasolina para cambiar o partido como na primeira parte, e cando mellor estaba o Cee chegaría o noso gol do empate: balón en longo a Nerea, que pelexa ata o final e conseguía o gol que nos faría rascar un puntiño nesta xornada.

Como nota positiva, a volta de Nerea, que demostrou estar recuperada da lesión ao 100%, e o regreso de Nati, que é moi importante para nós, tanto no futbolístico como no anímico, pero que sentiu unha molestia muscular no quecemento e preferimos non arriscar».

Goles:0-1, Nerea Insua (33′); 1-1, Nerea Suárez (53′); 2-1, Carolina (63′); 2-2, Nerea Insua (72′).

 

O Outes en Taragoña ca ledicia da vitoria.

CCD TARAGOÑA 1-2 OUTES FC

Dobrete de Raquel para que o Outes consiga tres puntos nun campo complicado

O Outes FC conseguiu unha importante vitoria na súa visita ao Taragoña, nun encontro no que Raquel foi a gran protagonista cos dous tantos visitantes. A dianteira adiantou as outesas no minuto 11 e ampliou a vantaxe no 17. O Taragoña reaccionou axiña e Yaiza recortou diferenzas no minuto 20. Na segunda metade, o partido estivo marcado pola intensidade e polas ocasións, pero as outesas souberon resistir o empuxe local para levar os tres puntos.

Dani Salgueiro, adestrador do Outes: «Viñamos dunha dinámica boa a semana pasada e este finde tocaba rematala nun campo sempre difícil como é o do Taragoña. Equipo intenso e competitivo, pero había que sacar os tres puntos.

Empezamos o partido nerviosas e os primeiros 10 minutos custounos entrar no partido, pero un balón en longo a Raquel permítelle bater a porteira para poñer o 0-1. Calmouse o xogo e comezamos a dominar máis, aínda sen xogar como queremos facelo. O medio do campo estaba demasiado poboado para xogar fácil e, tras varios intentos de saída coa nosa dianteira, chegoulle outro a Raquel para facer o dobrete. O empate delas tocounos un pouco, pois foi máis por erro noso que acerto rival.

Terminou así a primeira metade, tendo que sumar a lesión de Lia ás varias baixas que xa temos. A segunda foron 45 minutos de pura intensidade. Tivemos 3 ocasións clarísimas para poñer distancia, incluíndo un pau de Marta V. no día do seu debut, pero entre iso e a porteira rival negáronnos o premio.

Tamén Noelia, que entrou por Lía, demostrou que lle quedan moitos minutos nos guantes e salvou o equipo en varias ocasións ao final, cando o Taragoña nos empurrou contra o noso campo…3 puntos e a seguir traballando».

Goles: 0-1, Raquel (11′); 0-2, Raquel (17′); 1-2, Yaiza (20′).

 

AD NICRARIENSE 3-1 ATLÉTICO CERCEDENSE

O Nicrariense fíxose coa vitoria ante o Atlético Cercedense por 3-1, sumando tres puntos que lle permiten colocarse na quinta posición da clasificación, con oito puntos. O Cercedense, pola súa banda, mantense terceiro con nove puntos, aínda que ve como o UC Cee se lle achega tamén con nove.

Goles: 1-0, Sara (5´); 2-0, Luz Freire (30′); 3-0, Luz Freire (58′); 3-1, Katia, (89´).

Descansou: EFF Sonnoia Portus Apostoli

–

CLASIFICACIÓN

1º Soneira SD: 18

2º EFF Sonnoia Portus Apostoli: 13

3º Atlético Cercedense: 9

4º UC Cee: 9

5º AD Nicrariense: 8

6º Corme CF: 7

7º Outes FC: 7

8º CCD Taragoña: 4

9º CF Dumbría: 3

–

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 8-
Domingo 08/11/2026

Outes FC – UC Cee, ás 16:00

Corme CF – CF Dumbría, ás 16:30

Atlético Cercedense – CCD Taragoña, ás 18:00

EFF Sonnoia Portus Apostoli – AD Nicrariense, ás 19:00

Descansa: Soneira SD

(Os horarios non son oficiais, os oficias poñerémolos na AXENDA PIRATA)

–

-Foto Outes : Dani Salgueiro

-Foto Soneira : Adrián “Oli”

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios dos adestradores : Propios dos adesrtadores

–