2ª GALEGA FEMININA G3, (Crónicas 6ª Xda) : “O Soneira segue firme no liderado, o Corme volve gañar e o Outes rescata un punto nun partido intenso”.

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 6-
Domingo 25/10/2026

Soneira SD 3-0 UC Cee

Corme CF 3-2 CCD Taragoña

Outes FC 2-2 AD Nicrariense

Atlético Cercedense 1-6 EFF Sonnoia Portus Apostoli

Descansou : CF Dumbría

Clasificación detallada : PREME AQUÍ

.

CRÓNICAS

A sexta xornada da 1ª Galega Feminina G2 deixou unha nova vitoria do Soneira SD, que continúa intratable na cabeza da clasificación. As vimiancesas impuxéronse por 3-0 ao UC Cee, un dos históricos do fútbol feminino da Costa e finalista da pasada edición da Copa da Costa, e manteñen o primeiro posto con 15 puntos.

Tamén foi unha xornada positiva para o Corme CF, que superou por 3-2 o CCD Taragoña nun encontro no que chegou a mandar por tres goles. As cormelás, que acudiron ao partido con só 12 xogadoras, sumaron tres puntos importantes.

Pola súa banda, o Outes FC, (na foto de portada), empatou 2-2 co AD Nicrariense nun choque moi disputado, no que tivo que remontar por dúas veces e acabou atopando o premio desde o punto de penalti. O CF Dumbría descansou nesta xornada.

Nos outros encontros, a EFF Sonnoia Portus Apostoli goleou por 1-6 o Atlético Cercedense. Con estes resultados, o Soneira continúa na primeira posición con 15 puntos, seguido da Sonnoia, con 13, mentres que o UC Cee queda con oito puntos e o Corme suma seis, por 4 do Outes e 3 do Dumbría que pechan a clasificación nesta xornada.

 

Soneira SD

Soneira SD 3-0 UC Cee

O Soneira SD segue amosando a súa fortaleza e sumou unha nova vitoria para continuar unha semana máis no máis alto da clasificación. As de Vimianzo impuxéronse por 3-0 ao UC Cee, nun choque controlado en todo intre polas vimiancesas, ante un Cee que nunca baixou os brazos na procura de meterse no encontro.

Kelly abriu o marcador no minuto 25, pero foi na segunda metade cando o Soneira sentenciou o encontro. María Villaverde ampliou a vantaxe no minuto 50 e, apenas dous minutos despois, Uxía estableceu o definitivo 3-0.

Con este triunfo, o equipo vimiancés alcanza os 15 puntos en seis xornadas, cun balance de cinco vitorias e unha derrota. O UC Cee, pola súa banda, queda con oito puntos, na cuarta posición, e buscará recuperarse na próxima xornada.

Goles: 1-0, Kelly (25’); 2-0, María Villaverde (50’); 3-0, Uxía (52’).

Corme CF 3-2 CCD Taragoña

O Corme CF conseguiu unha importante vitoria ante o CCD Taragoña nun partido no que as locais chegaron a ter unha vantaxe de tres goles, pero no que acabaron sufrindo nos minutos finais. As cormelás afrontaron o encontro con só 12 xogadoras, un dato que dá aínda máis valor ao esforzo realizado polo equipo.

Cris Veres adiantou o Corme no minuto 32. Xa na segunda metade, Carla Pose marcou no 46’ e Cris Veres volveu aparecer no 51’ para colocar un claro 3-0 no marcador. Porén, o Taragoña non se rendeu e recortou distancias con dous tantos no minuto 75, deixando un final de partido cheo de tensión.

O adestrador do Corme, Rubén Souto, amosouse satisfeito co traballo das súas xogadoras e destacou a mellora colectiva, tanto en defensa como en ataque.

Rubén Souto, adestrador do Corme CF:

“Partido moi parecido ao de Nicrariense, só que esta vez a pelotiña quixo entrar, e aínda puideron ser máis, con dúas ou tres ocasións adicionais moi claras de gol e incluso Carla podería repetir a súa cita semanal coa madeira.

Moitísimo compromiso co esforzo de todo o equipo, que nos vai achegando ao noso ritmo habitual, tanto en defensa como en ataque, e iso ponme moi contento. Quizais nos falta confiar máis no noso xogo combinativo e poder defender máis co balón, pero supoño que son consecuencias do contexto actual do equipo e que pouco a pouco iremos cambiando e mellorando.

Tocou sufrir nos minutos finais do partido contra un rival que nunca deixou de intentalo, buscando con balóns en longo as súas dúas dianteiras. Quizais poida quedar un mal sabor de boca polo final do partido, pero a realidade é que eu saín moi contento e orgulloso do meu equipo.”

A vitoria permite ao Corme sumar seis puntos e colocarse na quinta posición. O equipo segue medrando e a próxima semana terá unha nova oportunidade para confirmar a súa melloría na visita ao UC Cee.

Goles: 1-0, Cris Veres (32’); 2-0, Carla Pose (46’); 3-0, Cris Veres (51’); 3-1, Viviana (75’); 3-2, Ainara (75’).

Outes FC 2-2 AD Nicrariense

O Outes FC sumou un punto ante a AD Nicrariense nun encontro intenso e igualado, no que as locais tiveron que reaccionar en dúas ocasións para evitar a derrota. O equipo outense mellorou as súas sensacións de xogo e, segundo o seu adestrador, mereceu algo máis polo número de ocasións creadas.

Despois dunha primeira metade na que o Outes levou máis a iniciativa e chegou con perigo polas bandas, o marcador non se moveu antes do descanso. Nada máis comezar a segunda parte, Lúa Arceo adiantou o Nicrariense, pero Laura Lires respondeu apenas catro minutos despois cun lanzamento afastado que acabou no fondo da portería.

O encontro mantívose aberto e Sara Romero volveu poñer por diante as visitantes no minuto 62. O Outes non baixou os brazos e atopou o empate definitivo no 78’, cando Gema Roo transformou un penalti. Nos últimos minutos, as locais buscaron a remontada e dispuxeron de novas ocasións, pero o marcador xa non se moveu.

O técnico do Outes, Dani Salgueiro, valorou positivamente a melloría do equipo, aínda que recoñeceu que lles faltou acerto para levar os tres puntos.

Dani Salgueiro, adestrador do Outes FC:

“Chegabamos a este partido despois dunha mala xeira de resultados e sen estarmos contentos coas sensacións en canto ao xogo.

Saímos moito máis contentas con isto último, aínda que quixeramos un mellor resultado. Penso que foi o xusto visto o partido. Intensidade foi a mellor palabra para definilo.

Na primeira parte tivemos máis control, entrando moi ben polas bandas e creando perigo, que a porteira rival se encargou de negarnos. Chegabamos moito, presionando ben arriba, pero faltábanos definición. Elas tiveron un par de saques de esquina nos que crearon moito perigo, pero o empate permanecería ata o descanso.

Nada máis empezar, nun descoido noso, adiantáronse as rivais, pero os fantasmas quedaron atrás cun tiro afastado de Laura, acompañado de sorte, que nos permitiu acadar o empate que ata agora se nos estaba negando.

Subimos liñas, estabamos cómodas, pero tras outro erro noso volviamos estar por detrás. Seguimos apertando igual e, nunha xogada na área, derrubaron a Laura. Gema, especialista nisto, marcou o penalti que, a posteriori, sería o resultado definitivo. Desde aí, o campo tivo un só sentido de ataque. Carla, Marta e Laura tiveron ocasións para gañar, pero non demos acertado.

Gañamos confianza para visitar Taragoña a semana que vén…A seguir traballando.”

O empate deixa o Outes con catro puntos, na oitava posición. A próxima xornada visitará o CCD Taragoña, nun encontro no que buscará transformar as boas sensacións nunha vitoria.

Goles: 0-1, Lúa Arceo (47’); 1-1, Laura Lires (51’); 1-2, Sara Romero (62’); 2-2, Gema Roo (78’, de penalti).

 

EFF Sonnoia Portus Apostoli

Atlético Cercedense 1-6 EFF Sonnoia Portus Apostoli

O muradán Fran Figueroa, adestrador do Sonnoia veu o seu equipo desenvolvendo o mellor encontro do que vai de tempada, un encontro con persoalidade por parte das suas  e que vai adicado a xogadora do equipo Lola que vive o mal intre de ter que parar por unha lesión.

Fran Figueroa, adestrador do Sonnoia :

“Foi unha victoria penso que de bastante personalidade, sabíamos a dificultade do rival que enfrentábamos e así plantexamos a semana para poder rubricar con traballo, nun partido que considero o máis completo que fixemos ata a fecha, sendo gañadoras de duelos no medio e letales nas duas areas.

As cercedenses mostraron tamén o seu nivel e conseguiron gañarnos as espaldas con bos pases e velocidade, pero Mar mostrou a sua versión máis diferencial, e, ó igual que as outras 15 compañeiras das que solo unha pasa dos 20 anos, puderon disfrutar da herba natural do que creo que é o mellor campo de fútbol da categoría, ante un rival dos que seguro vai ocupar os puestos altos a final de temporada.

Quero dedicar este partido a Lola, unha das perlas da nosa canteira, que esta semana caeu lesionada, pero desexo vela forte e medrar como estou seguro que imos ver máis cedo que tarde”.

Goles: 0-1, Xulia (4’); 0-2, Candela (19’); 0-3, Uxía (35’); 0-4, Candela, (68); 0-5, Candela (71´); 1-5, Laura Raña, (79´); 1-6, Candela, (90´).

.

Clasificación

1ª Soneira SD: 15

2ª EFF Sonnoia Portus Apostoli: 13

3ª Atlético Cercedense: 9

4ª UC Cee: 8

5ª Corme CF: 6

6ª AD Nicrariense: 5

7ª CCD Taragoña: 4

8ª Outes FC: 4

9ª CF Dumbría: 3

–

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 6-
Domingo 01/11/2026

CF Dumbría – Soneira SD

UC Cee – Corme CF

CCD Taragoña – Outes FC, ás 12:00

AD Nicrariense – Atlético Cercedense, ás 16:00

Descansa: EFF Sonnoia Portus Apostoli

(Os horarios non son oficiais)

–

-Foto Outes : Dani Salgueiro

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios dos adestradores : propios

–