2ª GALEGA FEMININA G3, (Crónicas 5ª Xda) : “O Soneira colle o mando da liga, empate no derbi antre Cee e Dumbría e un derrota de Corme e Outes”.

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 5-
Domingo 18/10/2026

UC Cee 1-1 CF Dumbría

EFF Sonnoia Portus Apostoli 2-0 Outes FC

CCD Taragoña 0-2 Soneira SD

AD Nicrariense 2-0 Corme CF

Descansou: Atlético Cercedense

Clasificación detallada :PREME AQUÍ

.

AVISO : Calquer adestrador, xogador/ora, diretivo, etc, dos clubes que nos queira mandar comentarios dos encontros, fotos ou vídeos pode facelo, nos o que non imos pedirllos a ninguén. O whatsapp 626 72 00 47 está aberto a todo o fútbol e deporte da costa por igual.

–

CRÓNICAS

A quinta xornada da 2ª Galega Feminina G3 deixou tan só 8 goles en catro encontros disputados. Entre os equipos da Costa, o gran triunfador foi o Soneira SD, (en foto de portada), que venceu por 0-2 no campo do CCD Taragoña e co descanso do AtléticoCercedense cólócase en solitario no máis alto da clasificación. O derbi entre o UC Cee e o CF Dumbría rematou con reparto de puntos (1-1), mentres que o Outes FC caeu por 2-0 na súa visita ao EFF Sonnoia Portus Apostoli e o Corme CF perdeu polo mesmo resultado ante o AD Nicrariense.

UC Cee 1-1 CF Dumbría

Derbi costeiro entre dous equipos en construción tras a saída de talentos durante o verán. Tanto o UC Cee como o CF Dumbría están a traballar na consolidación dos seus novos proxectos, nun inicio de tempada no que cada punto pode resultar importante.

As da Vila da Xunqueira adiantáronse no marcador xusto antes do descanso, cun tanto de Lucía Martínez no minuto 45. Na segunda metade, Noelia García conseguiu o empate para o conxunto dumbriés, establecendo o definitivo 1-1.

Goles:1-0, Lucía Martínez, (45´); 1-1, Noelia García, (65´).

Outes FC en Noia.

EFF Sonnoia Portus Apostoli 2-0 Outes FC

O Outes FC non puido puntuar na súa visita ao EFF Sonnoia Portus Apostoli, que conseguiu a segunda vitoria consecutiva co mesmo resultado da xornada anterior. As locais impuxéronse por 2-0 nun partido condicionado polo vento do nordés, pero no que souberon dominar e aproveitar as súas ocasións.

Martina Lado foi a gran protagonista do encontro, con dous goles na primeira metade que acabaron sendo decisivos. O Outes intentou achegarse á área rival mediante o xogo directo, pero non conseguiu superar a defensa local.

Fran Figueroa, adestrador do EFF Sonnoia Portus Apostoli:

«Segunda vitoria consecutiva co mesmo resultado que a semana anterior. Foi un partido marcado polo vento do nordés, que condicionaba algo o xogo, pero que non nos impediu dominar desde o inicio. Soubo o equipo mover o balón por baixo e xerar numerosas ocasións.

Tivemos máis acerto na primeira metade, co vento en contra, na que Martina, que foi un puñal pola esquerda, dispuxo das mellores ocasións e materializou as que serían definitivas no marcador.

As rivais intentaban achegarse con xogo directo, pero sen complicacións para Mar e unha defensa que desbotou cada ataque con solvencia, ademais de saír con boas transicións que non acabamos de materializar. Seguiremos intentando afinar para ser máis letais nos metros finais».

Dani Salgueiro, adestrador do Outes FC:

«Chegabamos con baixas e xogadoras tocadas a este partido, ante un equipo con xogadoras moi, moi talentosas.

Sabiamos o que tiñamos que facer, pero as rivais non nolo permitiron. Hai que resaltar o seu acerto goleador, pois as dúas veces que se nos escaparon acabaron nos dous goles.

Aínda así, bo traballo pola nosa parte, e esperamos que o domingo poidamos cambiar esta mala racha que estamos a sufrir».

Goles:1-0, Martina Lado, (36´); 2-0, Martina Lado, (43´).

CCD Taragoña 0-2 Soneira SD

O Soneira SD conseguiu unha importante vitoria a domicilio ao superar por 0-2 o CCD Taragoña. As soneirás tiveron que agardar á segunda metade para abrir o marcador, pero acabaron resolvendo o encontro con dous tantos que lles permiten sumar tres puntos máis e continuar na parte alta da clasificación.

Kelly adiantou as visitantes no minuto 52 e Graciela sentenciou no 73, nun triunfo que reforza as aspiracións do conxunto soneirán.

Goles:0-1, Kelly, (52´); 0-2, Graciela, (73´).

AD Nicrariense 2-0 Corme CF

O Corme CF regresou de baleiro da súa visita ao AD Nicrariense tras caer por 2-0 nun encontro no que, segundo o seu adestrador, o resultado foi totalmente inmerecido. Rubén Souto destacou a melloría do equipo no xogo e as numerosas ocasións claras das que dispuxeron as cormelás, que non conseguiron transformar as súas oportunidades.

O conxunto local adiantouse no marcador tras aproveitar un erro defensivo e ampliou a vantaxe no minuto 89. Malia a derrota, o técnico do Corme quixo poñer en valor o traballo das súas xogadoras e a progresión do rival.

Rubén Souto, adestrador do Corme CF:

«Dura derrota a deste fin de semana, porque é totalmente inmerecida. Vimos de dous domingos nos que os rivais nos superaron con claridade, e así o dixemos e o asumimos, pero o deste encontro non ten nada que ver.

Seguimos sen fluír a nivel de xogo como nos gustaría, pero xa houbo unha pequena melloría que nos axudou a xerar moitas máis ocasións claras de gol que nos outros tres partidos xuntos. Creamos seis ou sete ocasións clarísimas, nas que varias accións moi boas da porteira rival impediron o gol. Lembro dous man a man con Zeltia, outro de Lucía e outro de Carla, á que tamén lle fixeron un paradón nun lanzamento de falta. O mesmo lle sucedeu a Cris nun tiro desde o bordo da área que acabou en córner, no que, nunha segunda xogada, rematariamos ás mans da porteira.

Incluso Carla, nun tiro desde o bordo da área, lanzaría ao traveseiro e o balón botaría na liña e sairía cara a fóra. Por iso doe máis cando xeramos tanto e tan claro e saímos cunha derrota.

Non quero quitarlle mérito a un Nicrariense que foi moi intenso e ordenado en defensa, e que amosa unha progresión evidente desde o primeiro ano que o vimos. Traballazo!

Pero a realidade é que o gol que as adianta no marcador é un regalo demasiado grande pola nosa parte, que condiciona ao cen por cen o resto do encontro. Aínda así, non deixamos de intentalo, posiblemente con máis corazón que cabeza, pero penso que ben mereciamos outro marcador ao final do encontro, algo que incluso recoñeceu o propio rival.

Non está a ser o inicio de tempada que esperabamos, pero non nos imos agarrar a escusas que o xustifiquen. Seguiremos insistindo no que mellor sabemos facer: traballar duro para darlle a volta á situación. Estou seguro de que máis pronto que tarde volveremos ser o Corme que todos coñecemos».

Goles:1-0, Kayla, (25´); 2-0, Sara Verde, (89´).

.

CLASIFICACIÓN

1º Soneira SD : 12
2º EFF Sonnoia Portus Apostoli : 10
3º Atlético Cercedense : 9
4º UC Cee : 8
5º CCD Taragoña : 4
6º AD Nicrariense : 4
7º Corme CF : 3
8º Outes FC : 3
9º CF Dumbría : 3

–

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 6-
Domingo 25/10/2026

Soneira SD–UC Cee, ás 16:30

Corme CF – CCD Taragoña, ás 17:00

Outes FC – AD Nicrariense

Atlético Cercedense – EFF Sonnoia Portus Apostoli

Descansa : CF Dumbría

(Os horarios non son oficiais)

–

-Foto Soneira : O club

-Foto Outes : Dani Salgueiro

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentario adestradores : Propios deles mesmos

.