2ª GALEGA FEMININA G3, (Crónicas 4ª Xda) : “O Soneira SD vence e métese na loita polo liderado, o CF Dumbría suma un punto e o Corme CF e o Outes FC sofren ante dous rivais moi esixentes”.

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 4-
Domingo 11 de outubro de 2026

CF Dumbría 1-1 CCD Taragoña

Soneira SD 1-0 AD Nicrariense

Corme CF 0-2 EFF Sonnoia Portus Apostoli

Outes FC 3-8 Atlético Cercedense

Descansa: UC Cee

Clasificación detallada : PREME AQUÍ

–
Os comentarios de adestradores, xogadoras ou diretivos do clubes, así coma fotos ou vídeos, están abertos a todo quel que nolos queira enviar, (Whatsapp : 626720047)..

–

CRÓNICA

A cuarta xornada da 2ª Galega Feminina G3 deixou resultados de todo tipo para os equipos da costa, cunha vitoria, un empate e dúas derrotas nos catro encontros disputados polos nosos representantes. O UC Cee tivo xornada de descanso.

O Soneira SD foi un dos grandes protagonistas da fin de semana ao superar pola mínima o AD Nicrariense, sumando tres puntos que lle permiten manterse na segunda posición da clasificación, igualado co líder, o Atlético Cercedense, ambos con 9 puntos.

Pola súa banda, o CF Dumbría empatou na casa ante o CCD Taragoña nun encontro no que tivo que remar para rescatar un punto. O Corme CF non puido coa EFF Sonnoia Portus Apostoli, un dos equipos que aspiran a pelexar polos postos altos, mentres que o Outes FC, (equipo da foto de portada), sufriu unha dura derrota fronte ao Atlético Cercedense, nun partido no que as visitantes demostraron un gran potencial ofensivo.

Coa competición aínda nunha fase inicial, a igualdade continúa sendo unha das notas destacadas do grupo, no que cada xornada pode provocar cambios importantes na clasificación.

CF Dumbría 1-1 CCD Taragoña

O CF Dumbría sumou un punto na casa fronte ao CCD Taragoña nun partido no que as visitantes se adiantaron moi cedo, obrigando ás dumbriesas a ir a remolque durante boa parte do encontro.

O CCD Taragoña golpeou primeiro no minuto 4, cando Sara marcou o 0-1. O gol temperán complicou os plans do conxunto local, que tivo que traballar para atopar o camiño cara á portería rival e buscar a igualada.

O premio ao esforzo chegou no minuto 68, cando Noelia conseguiu o 1-1, devolvendo a igualdade ao marcador. O CF Dumbría evitou así a derrota e sumou un punto que lle permite continuar acumulando experiencia e buscar unha mellora nos seus resultados.

Goles: 0-1, Sara, (4´); 1-1, Noelia, (68´).

 

Soneira SD 1-0 AD Nicrariense

O Soneira SD conseguiu unha importante vitoria pola mínima ante o AD Nicrariense nun encontro no que o gol de Graciela Arcos foi suficiente para deixar os tres puntos na casa.

As vimiancesas saíron decididas a buscar un resultado positivo e atoparon o premio no minuto 30, cando Graciela Arcos marcou o único tanto do partido. A partir de aí, o equipo local tivo que defender a vantaxe e manter a concentración para evitar que o rival puidese igualar polo curto da vantaxe.

O 1-0 final confirma o bo momento do Soneira SD, que suma a súa terceira vitoria en catro xornadas e alcanza os 9 puntos. As de Vimianzo ocupan a segunda posición, empatadas co Atlético Cercedense, aínda que cunha peor diferenza de goles.

Gol: 1-0, Graciela Arcos, (30´).

 

Corme CF 0-2 EFF Sonnoia Portus Apostoli

O Corme CF encaixou a súa segunda derrota da tempada ante unha EFF Sonnoia Portus Apostoli que deixou moi boas sensacións e demostrou por que aspira a pelexar polos postos de privilexio da categoría.

O conxunto visitante adiantouse no minuto 25 por medio de Xulia e ampliou a vantaxe no 40´, cando Candela marcou o 0-2. O Corme chegou ao descanso cunha desvantaxe complicada e, malia os seus intentos, non conseguiu cambiar o rumbo do encontro.

Ao remate do partido, o adestrador do Corme CF, Rubén Souto, amosouse crítico coas sensacións do equipo, aínda que tamén puxo o foco na necesidade de recuperar a identidade futbolística do grupo.

“Segunda derrota do ano, que quizá doe máis polas sensacións que deixa o equipo que polos puntos. Toca resetear e volver encontrar o noso xogo, deixando de lado os obxectivos que nos levan a pensar máis na clasificación que en divertirnos”.

O técnico tamén destacou o nivel do rival, ao que considera un serio candidato ao título pola calidade das súas xogadoras e o dominio amosado durante o encontro: “Gustoume moito o Sonnoia, con 3 XOGADORAZAS moi diferenciales no medio campo que as fan ser candidatas o titulo sin ninguna dúbida, moi superiores de principio a fin en todas as facetas do xogo durante todo o partido.. 

Pola súa banda, Fran Figueroa, adestrador muradán da EFF Sonnoia Portus Apostoli, valorou “moi positivamente os tres puntos conseguidos nun campo complicado”. Destacou a capacidade do seu equipo “para dominar a través da posesión, combinar e buscar as bandas”, ademais do talento de Candela, procedente da canteira barbanzá.

O preparador visitante recoñeceu, iso si, que “o equipo volveu acusar a falta de puntería nos metros finais, malia xerar numerosas ocasións. A nota positiva foi deixar a portería a cero” nunha competición na que, segundo sinalou, “os pequenos detalles poden acabar sendo decisivos”.

“Sorte para as compañeiras de Corme para que recuperen efectivos e sigan amosando ese bo facer da man de Rubén”, acabou dicíndonos Fran Figueroa, orgulloso sempre de enfrontarse a equipos da costa.

Goles: 0-1, Xulia, (25´); 0-2, Candela, (40´).

Outes FC 3-8 Atlético Cercedense

O Outes FC viviu unha tarde complicada ante un Atlético Cercedense que demostrou un enorme potencial ofensivo e que se levou os tres puntos cun contundente 3-8. As outesas sufriron especialmente na primeira metade, aínda que melloraron as súas sensacións tras o descanso e conseguiron marcar tres goles.

O encontro quedou moi encamiñado para as visitantes antes de chegar ao intermedio, ao que se chegou cun 1-6 no marcador. O gol do Outes nesta primeira metade foi obra de Gema Roo, no minuto 39, cando o resultado xa reflectía unha clara vantaxe do conxunto visitante.

Na segunda parte, as locais reaccionaron e melloraron a súa imaxe. Lires del Río marcou o 2-6 no minuto 47, desde o punto de penalti, e volveu anotar no 68´ para establecer o 3-8 definitivo.

O Atlético Cercedense repartiu os seus goles entre varias futbolistas: Sahara anotou dous, Laura Raña asinou un triplete, mentres que Nelly e Inés tamén marcaron. Un dos tantos visitantes, o 0-1, chegou en propia porta de Antía. O conxunto visitante anotou, dous dos seus goles desde o punto de penalti.

O adestrador do Outes FC, Dani Salgueiro, recoñeceu a superioridade do rival e puxo o foco na necesidade de aprender do sucedido para seguir mellorando.

“Partido complicado diante dunhas rivais moi, moi boas. Na primeira metade non fomos quen de igualar o ritmo delas e os seus movementos e pases filtrados deixaron o partido sentenciado ao descanso”.

O técnico destacou a mellora da segunda metade, na que o equipo tivo máis ocasións e conseguiu marcar tres goles, aínda que sen opcións reais de achegarse no marcador. Salgueiro cualificou o encontro como “un mal día ante un equipo cun nivel moi alto” e animou as súas xogadoras “a seguir traballando, corrixir erros e pelexar polos tres puntos na vindeira xornada”.

UC Cee 2026/27

–

Clasificación

1º Atlético Cercedense : 9 puntos

2º Soneira SD : 9 puntos

3º EFF Sonnoia Portus Apostoli : 7 puntos

4º UC Cee : 7 puntos

5º CCD Taragoña : 4 puntos

6º Corme CF : 3 puntos

7º Outes FC : 3 puntos

8º CF Dumbría : 2 puntos

9º AD Nicrariense : 1 punto

–

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 5-
Domingo 18/10/2026
  • UC Cee – CF Dumbría

  • EFF Sonnoia Portus Apostoli – Outes FC

  • CCD Taragoña – Soneira SD

  • AD Nicrariense – Corme CF

  • Descansa: Atlético Cercedense

    –

    -Foto : Dani Salgueiros

    -Texto : Xosé Búa “Pirata”

    -Comentarios : Propios dos adesradores

    –