2ª GALEGA FEMININA G1, (33ª Xda-Penúltima) : “O Muxía a un só punto de cantar o “alirón” e o Corme con opcións de Play-Off na derradeira xornada”.

2ª GALEGA FEMININA G1

33ª Xornada

Domingo 24/05/2026

SDC Órdenes “C” 1-10 SD Tordoia

Brexo Lema SD – Bergantiños FC “B”

UC Cee 0-3 CF Muxía

CF Corme 4-0 Orillamar SD

SD San Lázaro – Cultural Maniños, (Suspendido)

Eirís SD 1-0 CF Dumbría

AD Nicrariense 2-3 Victoria CF “C”

Unión Campestre – SCDR Esteirana, 28/05 ás 21:00

Descansou : SCD Milagrosa

.

CRÓNICA

Na 2ª Galega Feminina G1 chéganse á derradeira xornada co máis importante aínda por decidir para os equipos da Costa. O liderado segue en mans do CF Muxía tras vencer no derbi costeiro ao UC Cee, (que as apera da Copa en semifinais), mentres o SD Tordoia continúa a só tres puntos e agardando un tropezo das muxianas para poder dar a sorpresa final. As de Muxía dependen de si mesmas e saben que unha vitoria ou un empate ante o SD San Lázaro no Municipal da Arliña significaría cantar o alirón diante da súa afección.

A emoción tamén está servida na pelexa pola promoción. O CF Corme fixo os deberes cun contundente 4-0 sobre o Orillamar SD e chega vivo á última cita.

Rubén Souto, (adestrador do Corme) : 

“Último partido na casa contra un rival moi ordenado defensivamente, que nos puxo as cousas moi difíciles. Iríamos ao descanso co 1-0 e coa sensación de que o podiamos facer mellor, e así o demostramos na segunda parte, conseguindo outros 3 goles máis para levarnos os 3 puntos e despedirnos do noso Cairo e da nosa afección con boas sensacións…Imos a pola última semana da temporada!!!”.

As cormelanas precisan gañar ao Cultural Maniños e agardar unha man da SCDR Esteirana, que recibe ao SCD Milagrosa. Se as esteiranas puntúan e o Corme vence, as da Costa da Morte poderían acabar meténdose nun histórico posto de promoción.

O CF Dumbría chega á última xornada tras caer pola mínima ante o Eirís SD nun encontro moi igualado. As dumbriesas despedirán a liga cun atractivo derbi costeiro diante do Cee, un choque sen grandes presións clasificatorias pero sempre especial pola rivalidade e polos moitos nomes coñecidos que hai nos dous vestiarios.

No caso do Bergantiños FC B, o filial carballés segue asentado na terceira praza tras unha gran campaña e pechará a liga recibindo ao colista SDC Órdenes C, nun partido no que buscará rematar o curso cun novo triunfo, e prepararse para a promoción.

A Esteirana non xogou

O equipo de Esteiro que dirixe Fran Figueroa ten aprazado o encontro desta xornada para o vindeiro 28 de maio, polo que xogará dous encontros en poucos días para pechar a liga. Moi dura e memorable polo esforzo a campaña das rapazas das Salinas que tiveron que xogar moitos encontros con só 10 efectivos polas baixas e ata con 9.

Un suspendido

O encontro entre o SD San Lázaro e o Cultural Maniños foi suspendido o pasado 24 de maio por mor das condicións meteorolóxicas, segundo informou o club de Fene. Posteriormente, procedeuse a dar o partido por finalizado e resolto, á espera da derradeira xornada.

Eva Lema, (CF Muxía).

Loita pola Pichichi da liga

Tamén haberá foco especial na loita polo Pichichi. A goleadora do Tordoia, Rebeca Puente, explotou na penúltima xornada cunha manciña de goles ao Órdenes, mentres Eva Lema sumou dous tantos no triunfo muxián en Cee. Ambas chegan empatadas con 53 goles en 30 encontros, unha cifra espectacular que deixa o premio individual totalmente aberto para os últimos 90 minutos.

Copa da Costa Feminina

E mentres a liga baixa o pano, no UC Cee xa miran de esguello cara ao 6 de xuño. As ceenses teñen no horizonte a gran final da Copa da Costa Feminina na Fontenla de Santa Comba, onde se medirán ao Xallas FC, conxunto da 1ª Galega Feminina, nun dos partidos máis agardados da tempada para o fútbol feminino costeiro.

CLASIFICACIÓN

CF Muxía : 88
2º SD Tordoia : 85
Bergantiños FC B : 73
4º SCD Milagrosa : 60
CF Corme : 59
6º Victoria CF C : 53
7º UC Cee : 49
8º Eirís SD : 49
9º CF Dumbría : 44
10º SD San Lázaro : 41
11º Unión Campestre : 38
12º SCDR Esteirana : 31
13º Brexo Lema SD : 30
14º Orillamar SD : 20
15º Cultural Maniños : 14
16º AD Nicrariense : 14
17º SDC Órdenes : 5

.

2ª GALEGA FEMININA G1

34ª Xornada, (Derradeira)

Domingo 30/05/2026

Bergantiños FC “B” – SDC Órdenes “C”, 28/05 ás 21:00

Orillamar SD – Unión Campestre, 30/05 ás 18:30

Victoria CF “C” Brexo Lema SD, ás 10:00

SCDR Esteirana – SCD Milagrosa, ás 12:00

Cultural Maniños – CF Corme, ás 12:00

CF Dumbría – UC Cee, ás 12:00

SD Tordoia  Eirís SD, ás 12:15

CF Muxía – SD San Lázaro, ás 12:15

Descansa : AD Nicrariense

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Fotos : Marina Busto

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

.