A 31ª xornada da 2ª Galega Feminina G1 deixou practicamente definido o podio da competición e mantén a emoción viva na pelexa pola cuarta praza. O CF Muxía continúa firme no liderado tras unha goleada escandalosa no campo do colista, mentres que o SD Tordoia segue a súa estela sen conceder tregua. Pola súa banda, o Bergantiños FC “B” certificou a súa presenza na promoción de ascenso e o Corme CF mete presión ao SCD Milagrosa tras un triunfo clave no Cairo.
As muxiás chegaron aos 82 puntos logo de endosarlle un contundente 0-13 ao SDC Órdenes “C”, nun choque sen historia e no que Eva Lema voltou exhibir o seu olfacto goleador con cinco tantos que a consolidan como máxima realizadora da liga con 49 dianas. Tamén brillou Barca Toba con catro goles para seguir ampliando os seus rexistros.
O SD Tordoia respondeu coa mesma contundencia vencendo ao Nicrariense por 2-5 e mantense a só tres puntos das da Vila da Barca cando restan tres xornadas para o remate do campionato. Ambas teñen o golaveraxe particular en caso de empate o final de liga igualado, e teno mellor no total o equipo tordoies, pero a goleada das muxianas acerca os datos. O Tordoia ten +110 e o Muxía +105.
Na terceira posición, o Bergantiños FC “B” afianzou a súa praza de promoción cun sólido triunfo ante o Victoria CF “C” por 0-4, nun encontro que as carballesas resolveron con autoridade na segunda metade.
A gran batalla está agora na cuarta praza. O SCD Milagrosa continúa ocupándoa con 57 puntos, pero coa desvantaxe de ter que descansar nunha das tres últimas xornadas. Esa circunstancia aproveitouna o Corme CF, que coa súa vitoria por 3-1 precisamente ante as lucenses, queda a só catro puntos e mantén intactas as opcións de pelexar polo Play-Off. As do Roncudo volveron demostrar no Cairo que están preparadas para competir ata o final.
Na zona media, o UC Cee sumou unha nova vitoria ao derrotar con claridade ao Orillamar SD, Un bo adestramento de cara a Final da Copa da Costa ante o Xallas en Santa Comba o 6 de xuño, mentres que o CF Dumbría caeu con contundencia ante o Brexo Lema SD nun encontro marcado pola falta de efectivos das dumbriesas. Pola súa banda, a SCDR Esteirana vendeu moi cara a derrota ante o SD San Lázaro nun choque condicionado por enésima vez polas baixas e por unha lesión que obrigou ás costeiras a competir practicamente todo o partido en inferioridade.
CRÓNICAS
A Esteirana compite a pesares das adversidades.
SD San Lázaro 4-2 SCDR Esteirana
A Esteirana afrontaba unha complicada saída a Lugo xa moi condicionada polas baixas e acabou competindo practicamente todo o encontro en inferioridade tras a lesión de Alba aos cinco minutos. A pesar diso, as costeiras deron a cara en todo momento e mesmo deixaron sensacións moi positivas pese á derrota.
Fran Figueroa, (adestrador da Esteirana) :
“Desprazamento a Lugo que novamente nos fai ter que trancar os dentes por culpa da nosa dura realidade. Visitabamos ao San Lázaro con 10 futbolistas e unha idea para competir, e aos 5 minutos a nosa Alba disputa un balón aéreo onde impacta de maneira fortuíta na cabeza dunha defensa rival tendo que marcharnos para o hospital cunha brecha na que tivo que levar 5 puntos, polo que se disputou o encontro con 2 xogadoras menos pero así e todo, compiteuse de maneira máis que notable, e polo que me dixeron os familiares das rivais e o propio adestrador, eramos merecedoras de levar outro tipo de puntos deste desprazamento.
Elas estiveron máis efectivas nas dúas áreas, e de aí o resultado.
O que máis me preocupa, lonxe diso, é que a nosa 10 está ben, cunha feridiña de guerra que lle recordará o que é partirse a cara literalmente baixo mínimos para defender ás compañeiras e o escudo esteirán, e a sensación de que as nosas xogadoras non baixan a cara toque o que toque. Sempre me queixo, vai co animal ese defecto, pero levareime para a vida ver a este grupiño pequeno de grandes persoas pelexar contra todo, sen tan sequera un pouquiño de vento a favor.
E así pelexaremos polo que falta, oxalá sen incidentes, iremos quitar o aire como plan de adestramento para esta semana. Habelas hainas!”.
Goles : 0-1, Rut, (20´); 1-1, Douaa, (21´); 2-1, Douaa, (23´); 3-1, Paola, (32´); 3-2, Rut, (40´); 4-2, Douaa, (88´).
UC Cee 3-0 Orillamar SD
Importante triunfo das ceenses ante un rival da zona baixa para seguir asentadas na zona media alta da clasificación. O equipo de Cee encarrilou cedo o encontro e acabou pechándoo na segunda metade. Unha boa pedra de toque para preparase para a final da Copa da Costa do 6 de xuño na Fontenla, (Santa Comba), ante o Xallas.
Goles : 1-0, Martínez, (3´); 2-0, Thalía, (71´); 3-0, Paula Veiga, (79´).

Corme CF 3-1 SCD Milagrosa
Vitoria de enorme valor para as do Roncudo, que derrotaron a un rival directo e manteñen vivas as opcións de alcanzar a cuarta praza. O Cairo viviu unha tarde grande cun encontro de moita intensidade e emoción ata os minutos finais.
Rubén Souto, (adestrador do Corme) :
“Partidazo o vivido no Cairo, con dous equipos que competiron a un nivel alto de intensidade, moi ordenados defensivamente e cunha presión alta na saída de balón do rival, e aínda así, tanto elas como nós, eramos capaces de asociarnos e xerar ocasións de gol.
Para min, nunha liga con tanta igualdade como esta (exceptuando os dous primeiros obviamente) crer que vas ser capaz de dominar o balón e someter ao rival é unha utopía, o que si podes facer é competir como o fixemos onte, con orde e personalidade, e baleirándonos pola compañeira, e se o mantés durante todo o partido arrimado ao traballo da semana, iso achegarate a poder gañar, como sucedeu onte. Na ida, nun partido similar tocou perder… e onte, grazas ao esforzo e compromiso de TODAS, tocou gañar.
Aproveito o voso altofalante para darlle os parabéns aos nosos sénior pola consecución da permanencia. Vivir a tarde de onte no Cairo foi algo incrible, que me fai sentir moi orgulloso de formar parte desta familia chamada Corme”.
Goles : 1-0, Claudia, (14´); 1-1, Candela, (20´); 2-1, Carla, (85´); 3-1, Claudia, (95´).

Brexo Lema SD 4-0 CF Dumbría
O Dumbría presentouse nos Pinares con só once futbolistas e acabou acusando o esforzo co paso dos minutos. As locais foron superiores e terminaron impondo o seu ritmo especialmente na segunda metade.
Santi Cubelo, (adestrador do Dumbría) :
“Encontro apático por parte nosa do minuto 1 ao 90. As rivais foron mellores ca nós en todo intre. A tempada estase a facer xa longa e competir da mellor maneira ata que se acabe”.
Goles : 1-0, Rebeca, (40´); 2-0, Estela, (50´); 3-0, Amanda, (70´); 4-0, Noa Rocha, (87´).
Eva lema consolida o liderato das goleadoras.
SDC Órdenes “C” 0-13 CF Muxía
O líder pasou por enriba do colista nun encontro totalmente desnivelado desde o primeiro minuto. As muxiás aproveitaron a súa superioridade para sumar unha goleada histórica e seguir defendendo con autoridade a primeira posición.
Eva Lema foi a gran protagonista con cinco goles que a consolidan como máxima realizadora da competición, mentres que Barca Toba asinou catro tantos máis para continuar entre as máximas goleadoras da liga, e completou o trío con 3 tantos, Patri Romaní, o “tridente máxico” do clube da Vila da Barca.
Goles : Eva Lema, (5); Barca Toba, (4); Patri Romaní, (3); Nerea Barrientos, (1).
Victoria CF “C” 0-4 Bergantiños FC “B”
O filial bergantiñista certificou á promoción de ascenso cun triunfo moi sólido ante o Victoria “C”. As carballesas foron moi superiores na segunda metade e incluso puideron ampliar aínda máis a diferenza.
Goles : 0-1, Daniela, (53´); 0-2, Daniela, (56´); 0-3, Zaida, (58´); 0-4, Noelia, (84´).
.
O Bergan “B” certificou a promoción.
Clasificación