2ª GALEGA FEMININA G1
26ª Xornada
Domingo 29/03/2026
Orillamar SD 0-0 Victoria CF “C”
CF Muxía 3-2 SD Tordoia
Unión Campestre 2-2 SDC Órdenes “C”
CF Corme 2-1 Eirís SD
SCD Milagrosa 7-0 Brexo Lema SD
Cultural Maniños 0-2 Bergantiños FC “B”
SD San Lázaro 2-1 UC Cee
SCDR Esteirana 4-1 AD Nicrariense
Descansou : CF Dumbría
.
As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade, non poñemos os de uns si e outros non, a quen non che interese metelos é totalmente respetable.
CRÓNICA XERAL
A 26ª xornada da 2ª Galega Feminina G1 deixou unha fin de semana apaixonante, especialmente na loita polo título, onde o fútbol costeiro volveu ser protagonista absoluto. O gran foco estivo posto no duelo directo polo primeiro posto, no que o CF Muxía asinou unha remontada de carácter diante do SD Tordoia que cambia por completo o panorama da liga.
A derrota do Tordoia permite ás muxianas igualar na cabeza da clasificación con 67 puntos, aínda que coas tordoiesas cun encontro máis. A pelexa polo título queda así totalmente aberta a falta das últimas xornadas, e de que non falle ningún dos equipos pero tendo en conta as tordoiesas descansan dentro de duas xornadas, e que o Muxía na vindeira xornada, (12 de abril), visita as terceiras, Bergantiños “B”.
Concretamente o Bergantiños FC B continúa firme na terceira praza tras sumar un novo triunfo, mentres que o SCD Milagrosa e o CF Corme consolidan a súa boa dinámica para asentarse na zona alta.
Na zona media, o SD San Lázaro deu un paso importante superando ao UC Cee nun duelo equilibrado, mentres que a Esteirana logrou unha balsámica vitoria que reforza a moral dun equipo castigado polas lesións durante boa parte do curso.
O empate entre Orillamar e Victoria CF C e as táboas entre Unión Campestre e Órdenes completaron unha xornada con goles, emoción e moito protagonismo dos equipos da Costa da Morte.
Para a liga e ven a Copa
A vindeira fin de semana e ca celebración da Semana Santa non haberá competición na liga doméstica pero sí que teremos xa este xoves 2 de abril, (Xoves Santo), a disputa a encontro único das semifinais da “VI Copa da Costa Feminina”, na que o Corme da 2ª Galega, recibe ao Xallas da 1ª Galega, e o Cee recibe ao Muxía, ambos da 2ª Galega. Os encontros están designados para ás 17:00 horas o ser festivo para moita xente.
CRÓNICAS
CF Muxía 3-2 SD Tordoia
O forte vento do nordés foi o gran condicionante dun encontro xogado de poder a poder. Co vento a favor, as tordoiesas tomaron o mando desde o primeiro minuto, adiantándose xa nunha acción na que Rebeca gañaba as costas á defensa muxiana para bater por alto a Sheila.
Pouco despois repetiría a mesma protagonista, deixando tocado ao equipo local, que reaccionou antes do descanso cun man a man de Eva Lema e outra ocasión clara dela que mantiveron viva a esperanza.
Na segunda metade, co vento a favor das da Vila da Barca, apareceu o carácter das locais. A veterana Barca Toba recortaba diferenzas cun impecable testarazo tras o reinicio. O Tordoia apenas lograba saír do seu campo e non tardaría en chegar o empate, obra de, Eva Lago.
Co partido totalmente inclinado cara ás muxianas, Patri Romaní primeiro estrelaba un balón na madeira e pouco despois culminaba a remontada cun auténtico golazo desde fóra da área que desataba a ledicia local e deixa o Muxía dependendo de si mesmo na loita polo título.
Goles : 0-1, Rebeca, (1´); 0-2, Rebeca, (10´); 1-2, Barca Toba, (56´); 2-2, Eva Lago, (68´); 3-2, Patri Romaní, (85´).
CF Corme 2-1 Eirís SD
Partido traballado dun Corme que soubo reaccionar tras o empate visitante para sumar tres puntos importantes. O encontro comezou da mellor maneira para as locais, que golpearon cedo e volveron adiantarse pouco despois do empate visitante.
Rubén Souto (adestrador do Corme):
“Partido onde non hai moito que analizar pola nosa parte, o único positivo foi o resultado. Quédome coas ganas e o carácter que sacou o equipo cando nos empatan o partido e buscamos o segundo gol para levarnos os 3 puntos.
Agora descansar e preparar o partido das semis de Copa diante da nosa xente. Temos moitas ganas de poder dar o noso mellor nivel para competirlle ao Xallas o dereito de meternos nunha final de Copa, que é algo moi bonito. Vémonos o xoves!!!”
Goles : 1-0, Ana María, (1´); 1-1, Alba, (17´); 2-1, Ana María, (26´).
Incidencias: O Corme chegou con 14 xogadoras ao choque e o Eirís con 11.
Cultural Maniños 0-2 Bergantiños FC “B”
Triunfo serio do filial bergantiñán nun partido marcado polo ritmo baixo e o plantexamento defensivo das locais. Julia Varela decidiu o encontro con dous goles na primeira metade.
Marcos Núñez (adestrador do Bergantiños FC Feminino B):
“Saída a Maniños contra un equipo da zona baixa da táboa. Día regular, quizais o peor en canto a ritmo e intensidade dende que collín este equipo. Contaxiámonos demasiado dun equipo que xogou moi replegado, con liña de cinco atrás moi preto da súa área e totalmente metidas en campo propio. Custounos moito adaptarnos a iso e só Julia con dúas boas accións nos deu algo positivo. O rival non conseguiu tirar unha soa vez á portería, o que indica o ritmo lento do partido. Un novo +3 cunha xornada menos. Seguimos de cara ao obxectivo.”
Goles : 0-1, Julia Varela, (5´); 0-2, Julia Varela, (39´).
Incidencias: O Cultural Maniños presentouse con 12 xogadoras.
SD San Lázaro 2-1 UC Cee
Encontro dividido en dúas metades ben diferenciadas. O San Lázaro foi superior no primeiro tempo e puido marchar ao descanso cunha vantaxe maior, mentres que o UC Cee dominou a segunda metade.
Cando mellor estaban as ceenses chegou o segundo gol local, un golpe duro ao que responderon rapidamente recurtando distancias e buscando con insistencia un empate que, por ocasións, tamén mereceron.
Goles : 1-0, María José, (30´); 2-0, Ana Carballo, (79´); 2-1, Paula, (80´).
SCDR Esteirana 4-1 AD Nicrariense
Importante e reconfortante vitoria da Esteirana, que recompensou o traballo dun equipo moi castigado polas lesións durante a tempada. As das Salinas deixaron o partido practicamente sentenciado antes do descanso cunha primeira metade moi completa.
Fran Figueroa (adestrador da Esteirana):
“Por fin un sopro de aire en forma de resultado para as nosas. Non puidemos redondealo coa portería a cero, pero sabe a gloria, porque viñan merecendo algo máis do que levaban na cabeza para casa despois de tanto pelexar, e desta volta, especialmente na primeira parte onde soubemos dominar o balón e non conceder nada en defensa, levamos o premio dun resultado que na segunda parte tivemos que manexar con cansazo pero con oficio ante un rival que pelexou ata o final.
Contento por todo o grupo en xeral, pero especialmente por Lidia, que nas poucas que nos crearon mostrou o motivo polo que é ela quen defende os nosos tres paus.”
Goles : 1-0, Bárbara, (6´); 2-0, Sara, (22´); 3-0, Bárbara, (36´); 4-0, Bárbara, (44´); 4-1, Aroa, (69´).
Incidencias: A Esteirana contou só con dous recambios no banco debido ás lesións.
.
Clasificación
1º SD Tordoia : 67
2º CF Muxía : 67*
3º Bergantiños FC B : 61
4º SCD Milagrosa : 47
5º CF Corme : 46
6º Victoria CF C : 44
7º CF Dumbría : 38*
8º UC Cee : 36*
9º SD San Lázaro : 35
10º Eirís SD : 34*
11º Unión Campestre : 34
12º SCDR Esteirana : 31*
13º Brexo Lema SD : 20*
14º Orillamar SD : 13*
15º AD Nicrariense : 11
16º Cultural Maniños : 8*
17º SDC Órdenes : 5*
* Equipos cun encontro menos.
.
.
2ª GALEGA FEMININA G1
27ª Xornada
Domingo 12/04/2026
UC Cee – CF Corme
Eirís SD – Unión Campestre
SDC Órdenes “C” – SCD Milagrosa
Brexo Lema SD – SCDR Esteirana
AD Nicrariense – Orillamar SD
Victoria CF “C” – Cultural Maniños
Bergantiños FC “B” – CF Muxía
SD Tordoia – CF Dumbría
Descansa : SD San Lázaro
Clasificación : PREME AQUÍ
.
-Fotos Muxía-Tordoia : Marina Busto
-Fotos Bergantiños : Marcos Núñez





