2ª GALEGA FEMININA G1 (21ª Xda) : “Muxía e Tordoia seguen imparables nunha loita polo liderado sen tregua, e cos equipos da costa todos na parte media alta”.

2ª GALEGA FEMININA G1

21ª Xornada

Domingo 22/02/2026

AD Nicrariense 1-2 UC Cee

CF Dumbría 0-6 SCD Milagrosa

Cultural Maniños 1-3 Orillamar SD

CF Muxía 9-2 SCDR Esteirana

Victoria CF “C” 3-2 SD San Lázaro

SD Tordoia 5-1 Unión Campestre

Bergantiños FC “B” 2-2 CF Corme

Brexo Lema SD 0-1 Eirís SD

Descansou : SDC Órdenes “C”

CRÓNICA XERAL

A 21ª xornada da 2ª Galega Feminina G1 mantén a máxima igualdade na cabeza, cun SD Tordoia e un CF Muxía que continúan empatadas a puntos tras sumar dúas vitorias moi contundentes. As dúas escadras deixaron claro que a loita polo título vai ser longa e esixente ata o final.

Por detrás, o Bergantiños FC “B” deixou escapar dous puntos no treito final ante un CF Corme que nunca lle perdeu a cara ao encontro, mentres que a UC Cee sumou unha vitoria de enorme valor a domicilio para asentarse na zona media-alta. Xornada dura para o CF Dumbría, superado con claridade por unha Milagrosa que confirma o seu bo momento, e tamén para a SCDR Esteirana, que non puido conter o potencial ofensivo dun Muxía lanzado.


Crónicas 

AD Nicrariense 1-2 UC Cee

Partido moi competido no Cepelo (Negreira), ao que ambos equipos chegaron con só tres cambios no banco. A UC Cee adiantouse aos 22 minutos cun tanto de Lucía Caamaño, resultado co que se chegou ao descanso. O Nicrariense logrou empatar na segunda metade por medio de Almudena (62’), pero cando todo parecía encamiñado ao reparto de puntos apareceu Paula, que no minuto 87 marcou o gol da vitoria para as ceenses, tres puntos de ouro para seguir medrando na clasificación.

Goles: 0-1, Lucía Caamaño (22’); 1-1, Almudena (62’); 1-2, Paula (87’).


As dumbriesas sufriron un día dos de esquecer.

CF Dumbría 0-6 SCD Milagrosa

Derrota sen paliativos do Dumbría ante un rival que foi moi superior de principio a fin. A Milagrosa deixou o encontro practicamente sentenciado nos primeiros minutos e non deu opción ás locais.

Santi Cubelo (adestrador do CF Dumbría):

“Pouco que contar neste partido. A Milagrosa foi unha apisonadora de principio a fin. En ningún momento fomos capaces de estar conectadas nin metidas no partido, ante un rival moi ben plantado e coas ideas moi claras. Vitoria máis que xusta dun Milagrosa que cada día apunta máis alto”.

Goles: 0-1 Irene (8’); 0-2 Irene (13’); 0-3 Gabriela (14’); 0-4 Irene (49’); 0-5 Irene (60’); 0-6 Gabriela (74’).


Barca Toba co seu Hat-trick lidera as goleadoras con 30 goles.

CF Muxía 9-2 SCDR Esteirana

Derbi costeiro que acabou cun resultado moi duro para a Esteirana, especialmente tras unha primeira metade na que competiu de ti a ti e incluso chegou a dominar fases do encontro. O Muxía, liderado por unha Eva Lema estelar, acabou desatando todo o seu potencial ofensivo tras o descanso.

Fran Figueroa (adestrador da SCDR Esteirana):

“Resultado duro de asimilar tralo visto na primeira parte do encontro, pero non podo dicir que sexa inxusto. Tíñamos unha idea clara para competir e, a pesar de arrancar con dous goles en contra, conseguimos acabar dominando e roubando con perigo en campo rival. Mesmo penso que puidemos ir con resultado favorable ao descanso.
Arrancamos a segunda parte cunha ocasión clara, pero un erro puntual púxonos de novo en desvantaxe e, sen tempo para dixerilo, chegou o cuarto, que nos levou ao chan. Non soubemos poñerlle freo ao aluvión dun equipazo que demostrou por que loita polo título. Son 100% responsable de non dar coa tecla para evitar que o equipo desaparecese tras os erros, e toca aprender para o que queda de tempada”.

A Esteirana chegou ao encontro con só 13 xogadoras debido á vaga de baixas que arrastra desde hai meses.

Goles: 1-0 Barca Toba (10’); 2-0 Eva Lema (12’); 2-1 Rut (21’); 2-2 Rut (32’); 3-2 Eva Lema (49’); 4-2 Eva Lema (52’); 5-2 Barca Toba (63’); 6-2 Eva Lema (65’); 7-2 Eva Lema (81’); 8-2 Eva Lema (83’); 9-2 Barca Toba (89’).


Bergantiños FC “B” 2-2 CF Corme

Segundo derbi costeiro da xornada, cheo de alternativas e emoción ata o último segundo. O Corme adiantouse cedo, o Bergantiños remontou na segunda metade e, cando o partido parecía decidido, as visitantes rescataron un punto no tempo engadido.

Marcos Núñez (adestrador do Bergantiños FC “B”):

“Sabiamos que viña ás Eiroas un rival complicado, a pesar das baixas que traía, e esperaba que xogase as súas bazas ao contragolpe.

Saímos ben na primeira metade, xerando ocasións, pero case sen asentarnos no encontro unha xogada de infortunio, por falta de intensidade, deulle a oportunidade ao Corme de poñerse por diante moi cedo. A pesar de seguir tendo o balón, non xerabamos demasiado perigo, polo que chegar ao descanso cun 0-1 non era mala nova para refrescar ideas e dar entrada na segunda metade a pernas algo máis frescas.

Nada máis iniciar a segunda parte fomos nós as que demos un golpe, empatando o partido nunha boa acción individual de Julia. A partir de aí creo que dominamos algo máis, pero faltounos esa definición no último pase e chegar con maior claridade á zona de remate.

Cando quedaba pouco para o remate do período sinaláronnos un penalti a favor que, a verdade, para min é correcto, xa que é un empurrón dos que fóra da área se pita seguro como falta e que ás veces aos árbitros lles custa sinalar dentro, aínda que desta vez, por sorte, non foi así.

Co partido xa encamiñado para rematar dese xeito, nunha mala xestión, seguramente miña, de ter máis calma e paciencia co marcador a favor, sufrimos a expulsión da nosa porteira nunha acción na que recibe unha patada na man e, segundo o colexiado, despois dille algo á xogadora rival. Confío moito máis nas miñas xogadoras e, aínda que non escoitei nada desde a banda, creo que non é do todo certo o que se reflectiu para tomar esa decisión.

Neses momentos, xogando con dez, o Corme consegue empatar na última xogada do partido e aí si que levo unha aprendizaxe, por se temos a mala sorte de que se repita unha situación semellante de marcador a favor e xogar cunha xogadora menos no tempo de desconto.

O equipo, unha vez máis, competiu moi ben. Estou moi orgulloso de todas as xogadoras e de todo o plantel que teño. Hoxe tocou sumar un punto, quizais merecendo algo máis, pero así é o fútbol.

Como nota máis negativa queda a lesión da xogadora en idade cadete Andrea Lamas, que nun mal xesto sofre unha escordadura de nocello e que, nun primeiro momento, na propia acción, parecía que podía ser algo moito máis grave.

Para rematar, darlles os parabéns ao Corme e as grazas a Rubén, o seu adestrador, pola axuda prestada cando se produciu a lesión da nosa xogadora. Moita sorte ao Corme no que lles queda de liga.

Nós a seguir traballando, aprendendo unha xornada máis e centradas no obxectivo que nos marcamos para esta tempada.”

Rubén Souto (adestrador do CF Corme):

“Caprichos que ten o fútbol: volviamos por segundo ano consecutivo ás Eiroas un domingo post-Mikaela e, por se fose pouca coincidencia, o partido resolveuse tamén no minuto 49, como o ano pasado, aínda que desta vez ao noso favor, rescatando un punto na última xogada do encontro.

Unha parte para cada equipo. Na primeira penso que fomos capaces de defender ben e de xerar perigo constante con Claudia, que se baleirou e nos deu exactamente o que necesitabamos dela: desequilibrio e goles. Partidazo da nosa dianteira.

Chegamos ao descanso cun 0-1, tendo incluso algunha ocasión máis para poder matar o partido, pero non se deu.

Na segunda metade o Bergantiños saíu cunha marcha máis e introduciu cambios que lle deron moitísimo máis desequilibrio en ataque, con Julia sendo protagonista desde que pisou o verde, conseguindo darlle a volta ao marcador. Cando todo parecía xa resolto, a expulsión da porteira das locais volveu meternos no partido e, na última xogada do encontro, conseguimos collelas descolocadas cun balón en longo para Claudia que, no man a man contra Julia (que se puxo baixo paus, cousa que me sorprendeu, a verdade), fixo o 2-2. No cómputo xeral do encontro penso que o resultado foi xusto.

Partidazo de todo o equipo en canto ao esforzo e ao traballo, facendo que se notasen o mínimo posible as baixas das dúas capitás, algo moi difícil de conseguir, xa que todo o mundo sabe o importantes que son para nós.

Pola nosa parte, desexarlle a xogadora do Bergantiños que saíu lesionada unha pronta recuperación e felicitar ao Bergantiños polo temporadón que están a facer, tanto neste filial como no primeiro equipo en Terceira Federación.”

Goles: 0-1 Claudia (6’); 1-1 Julia (50’); 2-1 Carmen (80’, penalti); 2-2 Claudia (93’).


Clasificación

SD Tordoia : 55
CF Muxía : 55
Bergantiños FC “B” : 46
4º SCD Milagrosa : 41
5º Victoria CF “C” : 40
CF Corme : 33
CF Dumbría : 31
UC Cee : 29
SCDR Esteirana : 27
10º Eirís SD : 27
11º SD San Lázaro : 25
12º Unión Campestre : 24
13º Brexo Lema SD : 18
14º Orillamar SD : 12
15º AD Nicrariense : 8
16º Cultural Maniños : 8
17º SDC Órdenes “C” : 4

.

AVISO : A edición queda aberta para ir engadindo máis comentarios de adestradores/as segundo nos vaian chegando.

2ª GALEGA FEMININA G1

22ª Xornada

Domingo 01/03/2026

Eirís SD – SDC Órdenes “C”

UC Cee – Brexo Lema SD

SD San Lázaro  AD Nicrariense

Orillamar SD CF Muxía

CDR Esteirana  CF Dumbría, ás 12:00

Unión Campestre  Bergantiños FC “B”, ás 12:30

SCD Milagrosa  SD Tordoia, ás 18:00

CF Corme  Victoria CF “C”, ás 18:30

Descansa : Cultural Maniños

.

-Foto Dumbría : Santi Figueroa

-Foto Muxía : Marina Busto-Foto