2ª División Galega Feminina G3, (3ª Xda) : “O Cee mantén o liderado, o Soneira vence a domicilio en Noia o Dumbría arrinca un punto e o Corme sufre a primeira derrota”.

2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 3-

CCD Taragoña 2-4 UC Cee

Atlético Cercedense 5-3 Corme CF

AD Nicrariense 1-1 CF Dumbría

EFF Sonnoia Portus Apostoli 1-3 Soneira SD

Descansou: Outes FC

.

AVISO : Todos aqueles adestradores, diretivos, membros do clube ou xogadoras que queiran mandarnos o seu comentario ou fotos do encontro do seu equipo serán ben recibidos e tratados igualitariamente.

.

CRÓNICA DA XORNADA

A terceira xornada da 2ª División Galega Feminina G3 deixou unha boa colleita para os equipos da Costa, con especial protagonismo do UC Cee, que venceu no campo do Taragoña e comanda a clasificación agora en solitario, gracias ao trunfo do Soneira SD que derrotou a domicilio o EFF Sonnoia Portus Apostoli que colideraba cas ceenses, mentres que o CF Dumbría arrancou un empate no campo do Nicrariense e xa non ten o seu casilleiro a cero. O Corme CF encaixou a súa primeira derrota do curso ante un dos aspirantes a todo na categoría, e o Outes FC tivo xornada de descanso.

Taragoña 2-4 UC Cee

O UC Cee continúa no máis alto da clasificación despois de conseguir unha importante vitoria no campo do CCD Taragoña. As ceenses dominaron boa parte do encontro e souberon reaccionar tamén cando as locais conseguiron igualar o marcador antes do descanso.

Lucía Ramos abriu o marcador no minuto 20 e Cristina Sanvicente ampliou a vantaxe no 31, poñendo o 0-2 no marcador. O Taragoña reaccionou nos minutos finais da primeira parte e conseguiu igualar o encontro nun abrir e pechar de ollos. Ainara Romero, no 40, fixo o 1-2 e Teresa Novo, apenas un minuto despois, establecía o 2-2.

Co partido novamente aberto, o Cee soubo ter paciencia e esperar a súa oportunidade. Na recta final chegaron os goles que decidiron o encontro: Lucía Martínez, no minuto 76, devolvía a vantaxe ás visitantes e Marta Sambade, dous minutos máis tarde, facía o definitivo 2-4.

Tres puntos que permiten ao Cee manterse como líder, con sete puntos tras tres xornadas.

Goles: 0-1, Lucía Ramos (20’); 0-2, Cristina Sanvicente (31’); 1-2, Ainara Romero (40’); 2-2, Teresa Novo (41’); 2-3, Lucía Martínez (76’); 2-4, Marta Sambade (78’).

Atlético Cercedense 5-3 Corme CF

Primeira derrota da tempada para o Corme CF, que visitaba un dos campos máis complicados da categoría condicionado ademais polas baixas. O conxunto cormelán presentouse con moitas ausencias e só dúas xogadoras de remuda, pero mantivo o encontro aberto durante boa parte dos 90 minutos.

O Cercedense adiantouse no minuto 16 por medio de Laura Raña, pero o Corme reaccionou axiña e Nerea Insua, no 22, poñía o 1-1. As locais volverían poñerse por diante no minuto 30, con gol de Ainhoa Danis, resultado co que se chegaría ao descanso.

Nada máis comezar a segunda parte, Carla Pose igualaba novamente o encontro no 47. Foi entón cando o Cercedense deu un paso adiante. Sahara, no 49, volvía poñer ás locais por diante; Jasmina, no 68, ampliaba a vantaxe e novamente Sahara, no 71, establecía o 5-2. O Corme non se rendeu e Cristina Veres, no minuto 87, recurtaba distancias, pero xa non habería tempo para máis.

O técnico cormelán, Rubén Souto, destacaba tras o encontro a dificultade do rival e recoñecía que o Cercedense lle causou unha moi boa impresión:

“Primeira derrota do ano contra un rival durísimo que loitará polo título sen dúbida. Gustoume moito este Cercedense, moi ben traballado a nivel táctico, moi intenso nos duelos, moita mobilidade das súas xogadoras, cun xogo ofensivo moi vertical e con moito gol.”

Souto sinalaba tamén que o Corme non foi quen de igualar o ritmo das locais:

“En ningún momento fomos capaces de igualar o seu ritmo de partido, sufrimos moito en defensa e custounos moito xerar cousas en ataque.”

Con todo, o adestrador quedaba co lado positivo de que o seu equipo foi capaz de competir ata ben entrada a segunda metade e mantivo o partido aberto ata o 4-2.

Goles: 1-0, Laura Raña (16’); 1-1, Nerea Insua (22’); 2-1, Ainhoa Danis (30’); 2-2, Carla Pose (47’); 3-2, Sahara (49’); 4-2, Jasmina (68’); 5-2, Sahara (71’); 5-3, Cristina Veres (87’).

AD Nicrariense 1-1 CF Dumbría

O CF Dumbría regresou cun punto da súa visita ao campo do Nicrariense nun encontro no que as dumbriesas chegaron a poñerse por diante.

Mariña, no minuto 40, marcou o 0-1 pouco antes do descanso, poñendo ao Dumbría por diante. As locais reaccionaron na segunda metade e Daniela Fontenla, no minuto 57, conseguiu o empate. O 1-1 xa non se movería, polo que o Dumbría suma o seu segundo empate en tres xornadas.

Goles: 0-1, Mariña (40’); 1-1, Daniela Fontenla (57’).

Sonnoia 1-3 Soneira SD

O Soneira SD levou os tres puntos da súa visita ao campo do EFF Sonnoia Portus Apostoli despois dun encontro no que as locais dominaron durante moitas fases, pero no que o Soneira mostrouse máis efectivo nas áreas.

O Sonnoia adiantouse no minuto 64 por medio de Paula Fernández, pero a alegría local durou apenas un minuto. Tamara Ramos, no 65, establecía o empate. O encontro entrou na súa fase decisiva nos últimos minutos. Ánxela, no 83, completaba a remontada do Soneira e Graciela, só dous minutos máis tarde, sentenciaba co 1-3.

O técnico do Sonnoia, Fran Figueroa, explicaba así as súas sensacións tras o encontro:

“Partido dos que gusta ver desde a grada no que penso sinceramente que me iría igual de fastidiado se leváramos un só punto.”

Figueroa consideraba que o seu equipo dominara as diferentes fases do partido, pero lamentaba a falta de tranquilidade nas áreas:

“Creo que fomos dominadoras de todas as fases durante o encontro e penalizounos a falta de tranquilidade nas áreas, que á postre é onde se deciden os partidos.”

O adestrador do Sonnoia tamén destacaba que o seu equipo non deixou de buscar o empate ata o final, aínda despois do terceiro gol visitante.

Goles: 1-0, Paula Fernández (64’); 1-1, Tamara Ramos (65’); 1-2, Ánxela (83’); 1-3, Graciela (85’).

–

Clasificación

1º UC Cee : 7
2º Atlético Cercedense : 6
3º Soneira SD : 6
4º EFF Sonnoia Portus Apostoli : 4
5º CCD Taragoña : 3
6º Outes FC : 3
7º Corme CF : 3
8º AD Nicrariense : 1
9º CF Dumbría : 1


2ª GALEGA FEMININA G3
-Xornada 4-
Domingo 11 de outubro de 2026

CF Dumbría – CCD Taragoña

Soneira SD – AD Nicrariense

Corme CF – EFF Sonnoia Portus Apostoli

Outes FC – Atlético Cercedense

Descansa: UC Cee

Os partidos da Costa

CF Dumbría – CCD Taragoña: as dumbriesas buscarán facer valer o factor campo para sumar a primeira vitoria da tempada ante un Taragoña que chega con tres puntos.

Soneira SD – AD Nicrariense: o Soneira afronta a xornada desde a terceira posición e coa oportunidade de gañando auparse o liderato xa que o Cee descansa.

Corme CF – EFF Sonnoia Portus Apostoli: as cormelás queren reaccionar despois da derrota sufrida ante o Cercedense. O Sonnoia chega tamén necesitado de puntos despois de deixar escapar un encontro que tiña encamiñado ante o Soneira.

Outes FC – Atlético Cercedense: complicado compromiso para o Outes, que regresa á competición despois da súa xornada de descanso. As visitantes ocupan a segunda posición e chegan como un dos equipos fortes deste inicio de liga, pero tamén e certo que as outesas cunha vitoria coleríanas a puntos.

Descansa: UC Cee.

–

-Foto : Rafa Suárez/UC Cee

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

–