A segunda xornada da 2ª División Galega Feminina G3 deixou resultados variados para os equipos da Costa da Morte, con vitorias para UC Cee, Soneira SD e Corme CF, e derrota para o CF Dumbría. O Outes FC, pola súa banda, non puido sacar nada do seu desprazamento a Corme, nun derbi moi igualado que se resolveu cun gol de falta nos minutos finais.
RESULTADOS
-2ª Xornada-
UC Cee 3-0 AD Nicrariense
Soneira SD 2-0 Atlético Cerdedense
CF Dumbría 1-7 EFF Sonnoia Portus Apostoli
Corme CF 1-0 Outes FC
Descansou: CCD Taragoña
CRÓNICA
O Cee resolve pola vía rápida
O UC Cee asinou unha sólida actuación ante o AD Nicrariense, ao que derrotou por 3-0 nun encontro que as locais deixaron encamiñado na primeira metade.
Cristina Sanvicente foi protagonista con dous goles, nos minutos 28 e 40, mentres que Nayara Casais anotou o outro tanto do encontro no 37.
Tres goles nunha ducia de minutos permitiron ao Cee afrontar a segunda parte cunha vantaxe cómoda e sumar tres novos puntos que colocan ás ceenses con 4 puntos, no grupo de cabeza da clasificación.
O Soneira tamén suma de tres
O Soneira SD tamén cumpriu co seu cometido e derrotou por 2-0 ao Atlético Cerdedense.
As vimiancesas encamiñaron o partido nun tramo moi concreto do primeiro tempo. María Villaverde, no minuto 25, abriu o marcador, e apenas tres minutos máis tarde, no 28, Graciela Arcos poñía o 2-0.
O resultado xa non se movería e o Soneira suma así a súa primeira vitoria da competición, situándose con 3 puntos.
Corme 1-0 Outes: un derbi decidido ao límite
O partido máis agardado para os afeccionados da Costa era o Corme CF-Outes FC, e o derbi non defraudou en intensidade. Houbo que esperar ata os últimos minutos para coñecer o equipo vencedor.
O Corme, (equipo da foto de portada), levou o partido por 1-0, pero o marcador non reflicte as dificultades que tiveron as locais para superar a resistencia dun Outes moi ben organizado.
Rubén Souto: “Sufrimos moito para levar os 3 puntos”
O técnico cormelán, Rubén Souto, recoñeceu as dificultades que atopou o seu equipo:
“Primeiro partido do ano onde sufrimos moito para levar os 3 puntos.”
Souto destacou especialmente o traballo defensivo das visitantes:
“Un Outes moi ordenado defensivamente a partir dun bloque baixo, que facía imposible chegar con claridade á portería rival.”
Esa disposición obrigaba o Corme a instalarse continuamente no campo contrario, pero as locais tamén tiveron que estar atentas ás transicións do Outes:
“Facía que meteramos o equipo completo en campo rival constantemente e o Outes, a partir do xogo directo, conseguía ter ocasións que nos metían o medo no corpo.”
O adestrador cormelán quedou satisfeito coa actitude do seu equipo, aínda que recoñeceu que a medida que avanzaba o encontro apareceron máis imprecisións:
“Estou contento co xogo e a intención do equipo, pero é certo que segundo ían pasando os minutos, as présas por conseguir os 3 puntos fixeron que aparecesen máis imprecisións.”
E cando parecía que o empate podía ser o resultado definitivo, apareceu Carla Pose para decidir o derbi:
“Xa contra o final, nunha falta lanzada por Carla, conseguiríamos o gol que nos daba os 3 puntos.”
Ese lanzamento converteuse no momento decisivo do encontro e permitiu ao Corme sumar a súa segunda vitoria da tempada.
Dani Salgueiros: “Marchamos contentas polo partido serio que fixemos”
No bando visitante, Dani Salgueiros puxo en valor o traballo realizado polo Outes na súa primeira saída da tempada:
“Primeira saída, e era unha das difíciles. Equipo moi bo, moi rápido no manexo da pelota.”
O técnico das outenses explicou que a primeira metade estivo marcada pola disputa no centro do campo:
“Primeira metade de loita no medio campo, con máis posesión para as locais, pero nós atopabámonos cómodas, tentando crear perigo á contra.”
Salgueiros destacou o esforzo colectivo ante un Corme que puxo intensidade pero tamén limpeza no xogo:
“Moito traballo de todo o equipo, contra un medio e unhas defensas duras pero moi limpas.”
Na segunda parte o partido abriuse máis e apareceron ocasións para os dous equipos:
“A segunda metade, ata a néboa veu ver o partido, houbo máis ocos e os dous tivemos varias oportunidades para abrir o marcador.”
O cansazo acabou sendo outro factor importante nos minutos finais. E cando o empate parecía cada vez máis próximo, chegou a falta que decantou o derbi:
“Cara o final o cansazo empezaba a facer mella e a mala sorte, xunto co bo facer da lanzadora cormelán, meteu unha falta no 88 que nos deixaba un mal sabor de boca por non sacar puntos.”
A pesar da derrota, o técnico outense quedou coa imaxe ofrecida polo seu equipo:
“Pero marchamos contentas polo partido serio que fixemos ante un equipo que vai estar aí arriba.”
Agora o Outes terá unha semana de descanso para recuperar forzas:
“Semana de descanso, recargar pilas e a seguir pelexando.”
O Dumbría non pode coa goleada do Sonnoia
O CF Dumbría viviu a outra cara da xornada ao caer por un contundente 1-7 ante o EFF Sonnoia Portus Apostoli.
As visitantes dominaron o marcador desde os primeiros minutos e chegaron a poñer unha importante distancia antes de que as locais atopasen o seu momento de reacción.
O gol do Dumbría chegou no minuto 56, obra de Elba Lago, para colocar o 1-3 e devolver algo de esperanza ás locais. Pero a reacción foi cortada practicamente de inmediato. Só un minuto despois, Candela Peneda volvía marcar para o Sonnoia e establecía o 1-4. A dianteira das de Noia xa fora a autora do primeiro gol do encontro.
A partir dese momento, o Sonnoia volveu tomar o control e acabou ampliando a vantaxe ata o definitivo 1-7. Marcaron ademáis de Candela, 82), polo equipo noies, Paula Fernández, Estela González, (2), Uxía Amado e Sara Paz.
O encontro tivo ademais un significado especial polo regreso a Dumbría de Fran Figueroa, antigo adestrador do equipo dumbriés nos seus primeiros tempos, coincidindo coa fundación do conxunto. Nesta ocasión, Figueroa regresaba ao campo dumbriés á fronte do Sonnoia, tras estar o ano pasado na fundación do SCDR Esteirana.
PREVIA
-3ª Xornada-
Tras dúas xornadas, o UC Cee suma 4 puntos, mentres que Corme CF, Soneira SD e Outes FC teñen 3 puntos. O Dumbría continúa sen puntuar.
A terceira xornada, que se disputará o 4 de outubro, presenta estes enfrontamentos:
CCD Taragoña – UC Cee
AD Nicrariense – CF Dumbría
EFF Sonnoia Portus Apostoli – Soneira SD
Atlético Cerdedense – Corme CF
Descansa: Outes FC
