23 XOGADORES DE 13 EQUIPOS CORUÑESES NO COMBINADO QUE XOGARÁ ANTE O DEPOR O “LXXV TROFEO TERESA HERRERA”.

 

O Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés ao que se enfrontará o Deportivo o vindeiro domingo 20 de decembro no Estadio ABANCA-RIAZOR con motivo do “LXXV Trofeo Teresa Herrera” contará con 23 futbolistas pertencentes a 13 clubs da cidade e a área metropolitana.

Javi Bardanca, adestrador do Silva SD que milita na Terceira División, será o encargado de dirixir ao equipo, axudado polo preparador do Victoria CF, Leo Lorenzo, e o preparador físico deste último equipo, Sergio Roca.

O club que máis xogadores achega é precisamente o Silva SD, con 6, seguido do Victoria CF, ascendido o pasado curso a Preferente, con 4 xogadores.

A lista de convocados é a seguinte:

Porteiros: Damián Seijoso (Silva SD) e Diego López (Sporting Cambre)

Defensas: Brais Lema, Miguel Fiuza e Jacobo Lazcano (Silva SD), Juan Pérez Docampo (Atlético Coruña Montañeros CF), Rodrigo Ramos (Victoria CF), Santi Ezequiel Torres (Torre SD), Dani Gómez (Imperátor OAR), Pablo Jiménez (Sporting Coruñés SD), Sergio Canosa (Oza Juvenil SD) e Samu Rey (Orillamar SD)

Centrocampistas: Daniel Alejandro Sicardi ‘Kata’ (Silva SD), Manuel Eiroa (Betanzos CF), Edu de la Puente (Victoria CF), Álex Sánchez e Santi Brandariz (Atlético Arteixo), Gonzalo Rodríguez (Ural Español CF) e Juan Rifón (Atlético Castros)

Dianteiros: João Paulo García (Silva SD), Rubén Rivera (Atlético Coruña Montañeros CF), Jorge Raña e Antón Garda (Victoria CF)

Varios exdeportivistas figuran entre os convocados. É o caso de Rubén Rivera (que chegou a debutar co primeiro equipo en Copa do Rei), ademais de Diego López, Brais Lema ou Jacobo Lazcano, que formaron parte de #anosacanteira.

Os xogadores están citados para realizar dúas sesións de adestramento, hoxe martes 15 ás 21:30 horas no campo 2 de San Pedro de Visma e o venres 18 ás 20:00 horas no Grela 1.

Un precedente histórico en 1981

Non será a primeira vez que o Deportivo se mida a un combinado afeccionado coruñés, xa que o 1 de outubro de 1981 un encontro entre os branquiazuis e unha selección de modestos serviu para inaugurar a iluminación artificial do campo de Elviña.

O Deportivo, dirixido por José Martínez, formou con Berto (Bandín); Lolo (Carreras), Meyer, Ballesta (Pérez Durán), Silvi (Pardo II); Cea (Roberto Taibo), Villanueva, Peralta, Muñoz; Alegre e Alfonso Castro (Albiol).

A selección do fútbol afeccionado, baixo a batuta de Quico Carreras, saltou ao campo con Oregui, do Orzán (Joaquín, do Ciudad Jardín); Marcelino, do Oza Juvenil; Cea, do Español; Nando, do Atl. Castros; Tino, do Victoria (Area, do Galicia Gaiteira); Tino, do Imperátor (Víctor, do Victoria); Lucho, do Imperátor; Jaime, do Atl. Castros; Rivas, do Ciudad Jardín (Bellagona, do Vioño); Castro, do Español (Mella, do Imperátor); e Jaime, do Galicia Gaiteira. Algúns deles foran xogadores do Fabril anos atrás.

O Deportivo impúxose por 3-2, con goles de Cea (min. 10), Roberto Taibo (min. 63) e Villanueva, de penalti (min. 85). Polo combinado marcaron Jaime, do Atlético Castros (min. 48) e Mella (min. 72). O encontro foi arbitrado por Medín Prego.

-Foto e Texto : rcdeportivo.es