1ª GALEGA FEMININA G1, (Crónica 7ª Xda) : “O Muxía golea e presiona as líderes antes de visitalas, o Bergantiños “B” estrea vitorias e o Xallas cae ante o líder”.

1ª GALEGA FEMININA G1

-Xornada 7-

Domingo 01/11/2026

CF Muxía 6-1 Sporting Cambre

SCD Milagrosa 2-4 SCD Pastoriza

SD Tordoia 0-2 Orzán SD “B”

Xallas FC 1-2 Victoria FC “B”

Bergantiños FC “B” 2-0 UD Carral

Clasificación detallada :PREME AQUÍ

–

–AVISO :Só poñemos comentarios e fotos dos que nos mandan as suas. Todo aquel, adestrador/a, diretivo/a, xogadora, etc….que nos queira mandar, comentarios dos encontros, fotos, vídeos, etc, serán ben recibidos, o que facemos e non pedir polo tema de que uns queren e outros non. O que queira ten as portas abertas no whatsapp : 626 72 00 47.

–

CRÓNICA

A xornada 8 da 1ª Galega Feminina G1 estivo marcada polo protagonismo dos tres representantes da Costa, cunha gran goleada do CF Muxía, unha importante vitoria do Bergantiños FC “B” e unha derrota do Xallas FC ante o líder, o Victoria FC “B”.

As muxianas volveron demostrar o seu potencial ofensivo cun contundente 6-1 ante o Sporting Cambre, nun encontro no que Barca Toba asinou un triplete e no que o coñecido «tridente máxico» do Muxía volveu deixar a súa pegada. Ademáis de Barca, Patri Romaní e Eva Lema tamén viron porta, nunha xornada na que as tres dianteiras alcanzan os sete goles cada unha na competición.

Pola súa banda, o Bergantiños FC “B” conseguiu tres puntos moi importantes ante o UD Carral, nun encontro que non se resolveu ata o tramo final. Dous goles practicamente consecutivos de Daniela e Andrea permitiron ás carballesas sumar a súa primeira vitoria da tempada e abandonar a última posición.

A nota menos positiva chegou desde Santa Comba, onde o Xallas FC non puido coa visita do Victoria FC “B”. As xalleiras caeron por 1-2 e puxeron fin a unha xeira de tres vitorias consecutivas e seis encontros sen perder. A pesar da derrota, continúan na quinta posición con 14 puntos.

Na cabeza, o Victoria FC “B” segue como líder con 19 puntos, seguido polo CF Muxía e o Orzán SD “B”, ambos con 18. As muxinas seguen así moi firmes na segunda praza, a só un punto do primeiro posto.

Barca Toba celebrando un dos goles do seu “Hat-trick”.

GOLEADORAS 

Temos que facer unha mención especial A Barca Toba, a futbolista muxiana a máis veterana do CF Muxía, que xa superou a barreira dos 40 anos e continúa demostrando que a calidade e o olfato goleador non entenden de idades, sendo unha das veteranas da competición que segue dando moita guerra.

As integrantes do coñecido «tridente máxico» do CF Muxía. Barca Toba, Patri Romaní e Eva Lema suman xa sete tantos cada unha nesta liga, só superadas por Marta Moreno, do Orzán SD, que leva oito, e Iria Vázquez, do Victoria FC “B”, máxima goleadora con once.

-CRÓNICAS DOS EQUIPOS DA COSTA-

CF Muxía 6-1 Sporting Cambre

O CF Muxía continúa coa súa excelente marcha na competición e asinou unha contundente goleada ante o Sporting Cambre, nun encontro no que as da Vila da Barca tiveron que reaccionar ao tanto inicial das visitantes, pero no que acabaron impoñendo a súa superioridade cunha auténtica exhibición ofensiva.

O Sporting Cambre adiantouse no minuto 8 por medio de Inés García, pero a resposta local foi inmediata. Barca Toba estableceu a igualada no minuto 10 e Patri Romaní culminou a remontada no 17’. Apenas catro minutos despois, Barca volveu marcar para ampliar a vantaxe e completar unha primeira metade moi produtiva das locais.

Na segunda parte, o Muxía continuou dominando e Barca Toba completou o seu triplete no minuto 57. María Pérez, no 73’, e Eva Lema, no 84’, puxeron a guinda a unha goleada que confirma o potencial do equipo muxián.

Tres puntos máis para as muxiás, que continúan segundas con 18 puntos, presionando o Victoria FC “B” para tratar de recuperar o liderato, cunha primeira bala o vindeiro Domingo ca visita as santiaguesas. 

Goles:0-1, Inés García (8’); 1-1, Barca Toba (10’); 2-1, Patri Romaní (17’); 3-1, Barca Toba (21’); 4-1, Barca Toba (57’); 5-1, María Pérez (73’); 6-1, Eva Lema (84’).

Xallas FC 1-2 Victoria FC “B”

O Xallas FC non puido prolongar a súa boa xeira e caeu por 1-2 ante o Victoria FC “B”, actual líder da competición, nun encontro no que as visitantes souberon aproveitar as súas oportunidades para levar os tres puntos de Santa Comba.

O conxunto visitante adiantouse no marcador no minuto 27 por medio de Aya, resultado co que se chegou ao descanso. Nada máis comezar a segunda metade, Iria Vázquez ampliou a vantaxe no minuto 46, poñendo o encontro costa arriba para as xalleiras.

O Xallas reaccionou rapidamente e Lucía Fernández recortou distancias no minuto 51, devolvendo a emoción ao partido. As locais buscaron e mereceron a igualada, pero o marcador xa non se movería.

A derrota pon fin a unha xeira moi destacada das xalleiras, que levaban tres vitorias consecutivas e seis encontros sen coñecer a derrota. Cómpre lembrar que, despois de caer na primeira xornada precisamente ante o CF Muxía (1-6), o Xallas só encaixara catro goles nos seis partidos seguintes.

Malia este tropezo ante o líder, o equipo de Santa Comba continúa na quinta posición con 14 puntos, empatado co SD Tordoia.

Goles:0-1, Aya (27’); 0-2, Iria Vázquez (46’); 1-2, Lucía Fernández (51’).

Bergantiños FC “B” 2-0 UD Carral

O Bergantiños FC “B” conseguiu a súa primeira vitoria da tempada ao impoñerse por 2-0 ao UD Carral nun encontro que se resolveu nos últimos quince minutos e que supón un importante impulso para as carballesas.

Despois dunha primeira parte sen goles, o Bergantiños atopou o camiño da portería no tramo final. Daniela abriu o marcador no minuto 75 e, practicamente sen tempo para celebrar o primeiro tanto, Andrea ampliou a vantaxe apenas un minuto despois, no 76’, deixando o encontro moi encamiñado.

O UD Carral quedou cunha futbolista menos, despois de que Silvia Soto vise o segundo cartón amarelo, tras recibir unha amoestación despois de cada un dos goles locais.

Un triunfo moi necesario para as carballesas, que alcanzan os cinco puntos e abandonan a última posición da clasificación, superando agora ao Sporting Cambre e ao SCD Milagrosa.

Goles:1-0, Daniela (75’); 2-0, Andrea (76’).

–

Clasificación

1º Victoria FC “B”: 19 
2º CF Muxía: 18 
3º Orzán SD “B”: 18 
4º SD Tordoia: 14 
5º Xallas FC: 14
6º UD Carral: 10 
7º SCD Pastoriza: 7 
8º Bergantiños FC “B”: 5 
9º Sporting Cambre: 4 
10º SCD Milagrosa: 2 


1ª GALEGA FEMININA G1
– Xornada 9 –
Domingo 08/11/2026

Victoria FC “B” – CF Muxía

Orzán SD “B” – Bergantiños FC “B”

UD Carral – Xallas FC

SCD Pastoriza – SD Tordoia

Sporting Cambre – SCD Milagrosa

–

-Fotos  : Marina Busto

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

–