18-19 de xuño Moraime 2026: “A histórica romaría non faltará á súa cita gracias á iniciativa de dous hostaleiros muxiáns, que invitan a todo o mundo a ir a bailar”.

A tradicional romaría de Moraime celebrarse mañán sábado 18 e pasado mañán Domingo 19 de xullo, despois de que dous hostaleiros de Muxía decidisen asumir a organización e o financiamento da festa ao comprobar que existía o risco de que esta emblemática cita do calendario festivo local quedase sen celebrarse.

Os organizadores apostaron por manter viva unha das romarías máis arraigadas do municipio, impulsando un programa pensado para que veciños e visitantes poidan desfrutar dun intenso fin de semana de música, convivencia e tradición nun dos lugares con máis carga histórica da Costa da Morte.

Ademais, a festa terá tamén un importante compoñente solidario e de colaboración coa comunidade. A cantina será xestionada polo CF Muxía, destinándose a súa recadación á entidade deportiva, nunha iniciativa que permitirá apoiar ao club mentres se desfruta da celebración.

Música para bailar ata altas horas

As actividades arrancarán mañán sábado 18 de xullo a partir das 23:30 horas cunha noite musical protagonizada polos grupos Versionettes, Choriso Criollo e Zars B, formacións que ofrecerán un repertorio pensado para animar ao público durante toda a madrugada.

Segundo explican os organizadores, a filosofía da festa é clara: “Animamos a todo o mundo a vir a Moraime a bailar, xa que o que vai haber é para que a xente baile, cun grupo de versións dos 80 e 90 en español e en inglés, e será a tónica do resto da programación”, sinalan.

A tradición continuará o domingo

O domingo 19 de xullo, día de merendas e comidas na zona da igrexa, estará reservado para os actos máis tradicionais da romaría. A misa celebrarase ás 13:00 horas na igrexa de Moraime, considerada unha das máis importantes da historia da Costa da Morte e unha peza fundamental para comprender a tradición xacobea e as peregrinacións cara ao santuario da Virxe da Barca de Muxía desde o século XII.

Tras a celebración relixiosa desenvolverase a tradicional procesión, que partirá da igrexa ata o campo da festa. Unha vez realizados os responsos, a comitiva regresará novamente ao templo, mantendo o percorrido habitual que se vén realizando desde hai décadas.

Ao remate dos actos relixiosos terá lugar a sesión vermú, amenizada polo Dúo Show, poñendo o broche musical a unha fin de semana que pretende combinar festa popular, patrimonio e convivencia veciñal.

Unha romaría con historia

Moraime é un dos enclaves patrimoniais máis destacados de Muxía e de Galicia. O seu mosteiro e a igrexa románica constitúen un dos grandes tesouros históricos da comarca e forman parte da identidade cultural da Costa da Morte. A romaría do Carme é, ademais, un dos encontros festivos máis representativos da parroquia, motivo polo que a implicación destes dous empresarios locais foi decisiva para garantir a continuidade dunha celebración profundamente arraigada entre varias xeracións de de veciños da Parroquia de Moraime, a máis extensa do municipio, e de muxiáns.

Con música, tradición, gastronomía e un escenario único marcado pola historia, Moraime volverá converterse en punto de encontro para centos de persoas nunha fin de semana na que o obxectivo será claro: que a festa continúe viva, ainda que fose orgañizada de presa e correndo.

-Texto e foto : Xosé Búa “Pirata”

-Cartel : a orgañización