1.000 SOCIOS PODERÁN VER “IN SITU” O DEPOR-C.VIGO “B”.

No primeiro encontro de liga fomos 3.000 en Riazor.

 

Segundo nos informan dende o RC Deportivo :

Agradecendo de antemán aos Deportivistas a máxima comprensión polas dificultades que o novo aforamento autorizado, aínda moi reducido, xera para atender a demanda de toda a nosa masa social formada por máis de 21.000 abonados; e sendo plenamente conscientes de que ningunha decisión que se tome é totalmente xusta, o Real Club Deportivo xestionará da seguinte forma as entradas dispoñibles para o partido do próximo domingo 13 ás 17:00 horas, (16:00 GMT), ante o Celta B:

Unicamente abrirase a bancada de Tribuna, cun prezo único por entrada de 6 euros e, inicialmente, só poderán optar a esas localidades os máis de 1.000 Socios Protectores que solicitaron formalmente acceso para o primeiro partido da Temporada (Dépor-Salamanca) e que, finalmente, non puideron retirala pola redución do aforamento do Estadio horas antes do encontro.

Xa que, no seu día, para facer esa petición, os Socios Protectores facilitaron unha dirección de correo electrónico, será aí onde nas próximas horas reciban todas as instrucións para a prerreserva, compra (en caso de dispoñibilidade), e recepción da entrada, nun procedemento completamente dixital que evitará as colas e as retiradas físicas en despacho de billetes.

Se finalizado o proceso quedasen socios protectores sen a entrada solicitada para esta fin de semana, estes manterán a prioridade de solicitude no próximo partido de liga. Se houbese menos demanda que entradas dispoñibles, o mércores 9 informaríase novamente aos demais socios do Real Club Deportivo do procedemento a seguir para optar á súa compra.

Deportivistas, grazas de novo a todos pola comprensión ante as medidas adoptadas. En todo momento valoramos e tentamos cumprir cos compromisos adquiridos con cada un dos nosos socios e patrocinadores. Somos conscientes de que é imposible poder responder debidamente a todas as casuísticas individuais que se expoñen, pero estamos a traballar día a día para lograr solucións que reduzan na maior medida posible as molestias causadas.

-Foto : piratasdemuxia

-Texto : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies